Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O SARILLO DA LINGUA NO ENSINO NON UNIVERSITARIO

De decreto a decretazo en quince pasos

Ao longo de tres anos demos moitas das claves que explican o camiño andado e desandado na normalización da lingua no ensino non universitario.

Redacción - 10:00 28/03/2010

- A primeira proposta do bipartito: un espazo para o galego de, polo menos, un 50% (09/11/2006)
En novembro de 2006, Vieiros daba a coñecer o primeiro borrador do bipartito. Socialistas e nacionalistas tiñan un acordo pechado. Polo menos, a metade das materias deberían impartirse na lingua do país. A maiores, os centros poderían acordar aumentar esta porcentaxe. Mais a consellaría tamén chegou a valorar a posibilidade de establecer unha cota de mínimos (56%) e máximos (68%) para o galego.

-O precedente balear axudou a desbloquear o decreto galego (23/02/2007)
O PSdeG e BNG, nun intento de deter a belixerancia do PPdeG, propoñen finalmente o decreto que fixa un mínimo dun 50% en galego. O decreto tiña moitas semellanzas co aprobado en 1997 en Baleares por un goberno do PP. Porén, logo dun momento de dúbidas, o PPdeG opúxose frontalmente á proposta do bipartito.

-Galicia Bilingüe, a presión contra o decreto do bipartito na rúa (30/01/2008)
Unha asociación practicamente descoñecida e ligada no seu nacemento a sectores empresariais vigueses comeza a coller forza mediática e a facer campañas denunciando a “imposición” da lingua galega. A asociación convértese axiña en referente dos sectores máis centralistas do PPdeG.

-Corina Porro: “Se non se derroga o decreto de galeguización do ensino, eu marcho” (16/01/2009)
A mes e medio das eleccións galegas, o PPdeG tíñao claro: A lingua ía ser unha das bazas centrais da campaña. A ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro, forzou a máquina  e converteuse nunha das cabezas visíbeis do movemento contra calquera intento de normalización lingüística.

--Galicia Bilingüe, Rosa Díez e o PP 'urbanita' do brazo (08/02/2009)
Nunha manifestación chea de incidentes, a menos dun mes das eleccións galegas. Cargos do PP máis “urbanita” participan canda Rosa Díez nunha manifestación á que acudiron varios centos de persoas. Os incidentes con contramanifestantes tiveron unha gran repercusión mediática.

-O decreto, obxectivo prioritario do novo presidente (02/03/2009)
Núñez Feijoo gañara as eleccións horas antes. Nas primeiras entrevistas radiofónicas era máis que claro: o decreto do bipartito ten os días contados.

-Sorpresa, o secretario xeral de Política Lingüística non é un home do partido (14/05/2009)

Houbo sorpresa, e moita, cando o Goberno anunciou que Anxo Lorenzo, sociolingüista e profesor da Universidade Vigo, sería o encargado de levar a cabo as políticas lingüísticas. O seu nomeamento non foi ben acollido nin polos partidarios nin polos contrarios ás políticas de normalización.

--Chega a presión social: Primeira gran manifestación en defensa do galego (17/05/2009)

Coincidindo co Día das Letras, o Goberno recibe o primeiro aviso serio: Máis de 25 mil persoas, a prol do decreto vixente, saen ás rúas santiaguesas convocadas pola Mesa pola Normalización. En outubro a plataforma 'Queremos Galego' rebenta a capital de Galiza nunha manifestación á que acudiron, segundo cifras da propia Policía Local, ducias de milleiros de persoas.

-Vieiros desvela os primeiros plans da consellaría: Matemáticas en castelán, Sociais en galego (01/06/2009)

A Consellaría de Educación comeza a traballar no borrador de decreto. Este xornal adianta que o departamento de Xesús Vázquez contempla dar Matemáticas en castelán e Sociais en galego. O resto das materias repartiríanse a partes iguais segundo cada centro. A Xunta apúrase a desmentir a existencia do mesmo.

-Cando os fonemas se converten en metralla (13/07/2009)

Logo de anunciar por activa e por pasiva que non quere conflito lingüístico, as decisións políticas de Núñez Feijoo acaban provocando reaccións múltiples e crispación entre os partidarios de que o galego non quede relegado a un papel subalterno.

-Agasallo de fin de ano: Anúnciase o trilingüismo (30/11/2009)
Con meses de atraso sobre o calendario previsto, o Goberno presenta o primeiro borrador para derrogar o decreto de linguas no ensino. Choven críticas unánimes.

-A Academia critica o borrador (18/01/2010)
A máxima institución lingüística, a Real Academia Galega, túrralle publicamente das orellas ao Goberno. O borrador do decreto é un grave paso atrás para o idioma propio. Dúas semanas despois, o Consello da Cultura tamén se mostra crítico.

-Feijoo, a soidade diante da treboada (20/01/2010)
Analizamos o posicionamento do Goberno e do PPdeG fronte á lingua. O executivo refúxiase no partido ao ver como queda na máis completa soidade

-O ensino dille non ao cambio de decreto e sae á rúa (21/01/2010)

Os principais sindicatos do ensino súmanse a unha xornada de folga contra o decreto que ten un seguimento moi notábel. Ás rúas de Compostela saen ducias de milleiros de persoas que enchen o Obradoiro.

-O Goberno presenta o anteproxecto, as presións dos sectores máis contrarios ao galego son evidentes (13/03/2010)

A Xunta presenta a súa proposta de "bilingüismo equilibrado". Ese mesmo día, Vieiros descobre que nos días previso houbo importantes presións dende sectores próximos ás teses de Galicia Bilingüe para que Educación lle dese máis marxe de decisión aos pais.


4.84/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: