Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Bangkok está baixo control", din

O Exército tailandés anuncia a rendición dos 'camisas vermellas'

Os militares asaltaron o campamento base da fronte antigobernamental esta cuarta feira, logo de meses de enfrontamentos, con ducias de mortos e feridos.

Redacción - 09:30 19/05/2010
"Bangkok está baixo control"

"Bangkok está baixo control"

O Exército de Tailandia anunciou a fin da ofensiva militar contra os 'camisas vermellas' e asegurou que a situación en Bangkok, a capital, "está baixo control", segundo declarou un portavoz nunha mensaxe televisada. "As forzas de seguridade puxeron fin á súa ofensiva", engadiu.

Os militares asaltaron esta cuarta feira o campamento base da fronte antigobernamental no corazón da capital do país, logo de meses de enfrontamentos que se intesificaron na última semana, con ducias de mortos e centos de feridos. Os manifestantes pedían a disolución do Parlamento.

O Goberno ordenou o avance cando a Fronte Unida para a Democracia e contra a Ditadura, do ex primeiro ministro Thaksin Shinawatra, se negou a disolver as manifestacións nesa zona estratéxica da capital tailandesa.


Cronoloxía:


13 de maio:

O Exército, amparado polo estado de excepción que rexe en Bangkok desde o 7 de abril, comeza a acordoar o bastión dos 'camisas vermellas' no corazón comercial. O xeneral renegado Khattiya Sawasddipol recibe un tiro na cabeza disparado por un francotirador mentres animaba persoalmente os seus seguidores e falaba coa prensa. Nas horas seguintes, os enfrontamentos entre manifestantes e corpos de seguridade causan un morto e 11 feridos.

14 de maio:
Continúa a pelexa e a cifra de mortos sobe a 16 e a de feridos a 160, incluídos tres membros da prensa. Os soldados e policías disparan balas reais e de goma e os manifestantes responden con tiros, frechas, cócteles molotov, pedras e calquera obxecto a man.

15 de maio:
Os enfrontamentos proseguen e deixan catro mortos e numerosos feridos, que elevan a 20 as vítimas mortais en tres días.

16 de maio:
O Goberno dá 24 horas aos camisas vermellas para abandonar voluntariamente a súa base e declara o estado de excepción noutras catro provincias da rexión nordés do país. O número de vítimas mortais chega a case 30 e os feridos superan os 200.

17 de maio:
Unha noite de tiroteos nas inmediacións da zona central de Bangkok eleva a 36 o número de mortos. Morre no hospital o xeneral Khattiya, o estratego dos 'camisas vermellas'. A fronte antigobernamental desafía o ultimato do Goberno, e Shinawatra chama aos seus seguidores a negociar. A ONU di que a violencia en Tailandia pode entrar nunha "espiral sen control".

18 de maio:
Os 'camisas vermellas' aceptan negociar coa mediación do Senado. O Goberno rexeita volver á mesa das negociacións mentres a fronte gobernamental non desaloxe o centro comercial. A cifra de vítimas xa alcanza os 37 mortos e os 266 feridos, e no baluarte vermello fican menos de tres mil persoas.

19 de maio:
Polo menos catro mortos, incluído un xornalista italiano, e 50 feridos logo de se completar a fase inicial do avance do Exército, consistente en estreitar o cerco sobre o campamento dos 'camisas vermellas', en preparación do asalto final.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: