O subdirector de Galicia Hoxe, do Grupo Correo, substitúe no cargo a Lois Rodríguez, editor de Vieiros.
Vieiros, A Nosa Terra, Tempos Novos, Galicia Hoxe e A Peneira botaron adiante en 2004 a Asociación de Medios Escritos en Galego (AME). Presidida até hai poucos días por Lois Rodríguez, editor de Vieiros, a presidencia da AME pasa agora a Xavier Cea, o subdirector de Galicia Hoxe, diario editado polo Grupo Correo Gallego. En Galicia Hoxe e en El Correo Gallego poden ler unha entrevista con Cea: "Somos un factor fundamental de normalización".
Seis anos de camiño e moito por andar
A AME abrollou como colectivo para coordinar a acción empresarial dos medios escritos de información xeral en lingua galega. Entre os seus obxectivos están defender os intereses das empresas xornalísticas que manteñen os medios en galegos, procurar o seu afortalamento ou contribuír ao asentamento do sector dos medios de comunicación de información xeral en galego no país.
En 2006 e coincidindo coa homenaxe do Día das Letras a Manuel Lugrís, a AME publicou conxuntamente o editorial Editando o soño de Lugrís. "Dedicou Lugrís abondosos esforzos a subverter a hexemonía do castelán como lingua vehicular dos medios impresos galegos, tendencia lamentabelmente afianzada des que saíu do prelo El Catón Compostelano (...) ". Un editorial que remata así: "Hai imaxinación, solvencia empresarial, capital humano, coñecementos e compromiso suficiente para facer realidade o soño de Lugrís: ofrecer e construír coa participación dos cidadáns galegos e galegas e as súas institucións, medios libres e na nosa lingua".