Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista: Simcha Levental, ex soldado israelí

"O noso obxectivo é coller a roupa sucia e lavármola en público"

Cofundador de Breaking the Silence ("Rachando o silencio"), ofreceu unha palestra en Compostela este luns, e estará en Vigo este martes.

Fernando Arrizado / Vídeo: Isabel G. Couso - 09:25 15/06/2010
Levental, en Compostela / Foto: I.G.C.

Levental, en Compostela / Foto: I.G.C.

"Non temos unha proposta. A solución pode ser de maneiras diferentes, mais o que está claro é que o horror debe parar". Evidentemente, Simcha Levental ten a súa propia opinión sobre o conflito en Palestina. Mais -argumenta- a forza de Breaking the Silence ("Rachando o silencio"), organización que procura mostrar á sociedade israelí o prezo moral, humano e social das accións das Forzas de Defensa Israelís, reside precisamente no seu carácter apolítico. Que a cidadanía se sinta responsábel do que acontece, e actúe en consecuencia ao escoitar os testemuños dos ex soldados sobre a violación de dereitos humanos en operacións militares das que formaron parte.

Levental, de 28 anos, naceu en México. Cando tiña 14, os seus pais, xudeus ultraortodoxos, decidiron seguir a "chamada de Deus" e emigrar desde o DF deica o asentamento relixioso de Modi'in Illit, en Cisxordania. Entre 2000 (ano do comezo da Segunda Intifada) e 2003 cumpriu o servizo militar obrigatorio nos Territorios Ocupados, principalmente nos postos de control militar (checkpoints). A súa vida mudou para sempre neses tres anos. Pouco despois, funda canda outros compañeiros Breaking the Silence. Para iso, para rachar o silencio.

Faino anualmente en Hebrón e máis ao sur "cuns tres mil mozos". Fíxoo este luns en Compostela -acompañado polo codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria, Jesús A. Núñez Villaverde- onde ofreceu unha palestra organizada pola Fundación Araguaney. E farao de novo este martes en Vigo (ás 20.00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova) onde chega convidado pola delegación local de Amnistía Internacional.

"Para que a xente poida tomar decisións complicadas deben de entender cal é a realidade", coméntanos. "O noso obxectivo é coller a roupa sucia e lavármola en público. Porque cremos nun país democrático", explica. Quizais esa confianza no sistema do seu país é que o fai ser "optimista" en que a sociedade civil israelí "se dea de conta do que se está a facer no seu nome e asuma a responsabilidade". "Miren o que está a pasar dicímoslles. Nós sabémolo porque estivemos alí, fomos soldados. Mais miren tamén o que lles está a dicir o que ti mandaches, o teu propio heroe", relata.

E non se ve entre a cidadanía israelí como un 'mal necesario', en beneficio da 'seguridade', fronte á ameaza do 'terrorismo'? Responde Simcha Levental: "Podemos continuar con estes preceptos centos de anos máis. Non vou eu dicir que non sexan verdadeiros. Coñezo sete persoas asasinadas por un terrorista suicida. Mais debemos entender que o que estamos a facer non nos está a levar a solución ningunha. Estamos a crear máis vítimas e odio, e a lles tirar os dereitos a persoas que poden e queren convivir con nós".

Solucións (insisto)? "Eu non me meto a dicir se este ou outro é o tipo de solución política que fai falla. O que si che digo claramente é que non se pode continuar cunha ocupación. O que aquí cómpre é coraxe; parar os abusos e mirar os palestinos á cara como seres humanos. E o noso traballo é conversar coa xente e contarlles a realidade das nosas historias".

  • Poden consultar a entrevista no vídeo da columna da dereita


4.14/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Entrevista, con fotografías tiradas por soldados israelís durante os seus anos de servizo en Palestina

Crianzas palestinas xogan aos 'checkpoints' / Imaxe: Breaking the Silence
Crianzas palestinas xogan aos 'checkpoints' / Imaxe: Breaking the Silence
'Árabes ás cámaras de gas' / Breaking the Silence
'Árabes ás cámaras de gas' / Breaking the Silence
Un cativo palestino con soldados israelís ao fondo / Breaking the Silence
Un cativo palestino con soldados israelís ao fondo / Breaking the Silence