Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUSO SEIXO, CIG

"Precísase unha folga xeral e cómpre convocala xa"

Moi crítico con CCOO e UXT, o secretario xeral da CIG lamenta que a convocatoria se adíe até setembro e adianta que a central nacionalista participará mais, probabelmente, por separado.

Isabel G. Couso - 14:05 15/06/2010
A CIG xa convocou mobilizacións para este xoves

A CIG xa convocou mobilizacións para este xoves

"Esta situación require unha contestación social inmediata". Así se pronunciou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, ao remate da executiva da central nacionalista. Moi crítico con UXT e CCOO, pediu unha "folga xeral xa" e asegurou que "é difícil xustificar que se deixe para despois do verán". Na mesma liña, Seixo lamentou a actitude dos sindicatos españois "á defensiva": "non se pode agardar a que limiten os nosos dereitos", dixo ao tempo que afirmou que "deberiamos estar actuando á ofensiva, exixindo unha saída á crise que nos dea garantías de futuro á maioría social e non só á patronal".

Despois dunha xuntanza cos responsábeis sindicais en Galiza de Comisións e UXT, Seixo apuntou que "se se manteñen na intención de convocar a folga en setembro, o que consideramos un grande erro, participariamos, mais non podemos asegurar que o vaiamos a facer conxuntamente". Este venres 18 celebrarase unha nova xuntanza da CIG na que se concretarán as medidas a adoptar pola central nacionalista. "Decidiremos entón o nivel de participación da CIG, mais xa adianto que probabelmente a decisión será a de manifestarnos por separado e sen mesturarnos cun modelo sindical que consideramos regresivo".

Mobilizacións este xoves
Seixo fixo un chamamento a todos os traballadores a participar este xoves día 17 de xuño nas mobilizacións convocadas pola CIG en contra das medidas anti-crise propostas polo goberno español e en demanda da convocatoria dunha folga xeral. "Porque esta Reforma Laboral que facilita o despedimento non crea emprego, senón que o destrúe", dixo. A convocatoria é as oito da tarde nas principais cidades de Galiza: en Vigo (na Vía Norte), A Coruña (Praza da Palloza), Santiago (Praza Roxa), Pontevedra (Praza da Ferrería), Ferrol (Avenida de Esteiro), Lugo (Parque de Frigsa) e Ourense (Pavillón dos Remedios).

Avaliación da Reforma Laboral
Doutra banda, Seixo tamén deu a coñecer a avaliación que a CIG fai, punto por punto, do documento do goberno español para a Reforma Laboral. Conclúen que contén "medidas graves contra os dereitos da clase traballadora e non vai servir para crear emprego nin para corrixir a dualidade e precariedade laboral". Ademais, apuntan que "mantén a vinculación dos contratos de obra ás contratas e subcontratas, non limita o encadeamento de contratos no mesmo posto de traballo, non penaliza a contratación temporal, non mellora a protección dos contratos a tempo parcial e fixos-descontinuos". Tamén, "facilita os despedimentos e xeneraliza o contrato de fomento da contratación indefinida cunha indemnización de despido barata, subvencionada ademais polo FOGASA no caso dos despedimentos obxectivos, fomenta a contratación temporal a modo de contrato de proba, de até seis meses de duración, previa á concertación dun contrato de fomento da contratación indefinida".

Segundo explican, "atenta contra a negociación colectiva e a forza vinculante dos convenios incrementando o poder de dirección empresarial nas medidas de flexibilidade interna". "Mantén as políticas de tranferencias de cartos públicos para as empresas (subvencións e bonificacións á contratación indefinida) e aumenta inxustificadamente a idade (de 21 a 24 anos) nos contratos de formación". "Non se fortalecen os servizos públicos de emprego" e, pola contra "legalízanse as axencias de contratación privadas con ánimo de lucro para converter o desemprego nun negocio e refórmase a regulación das ETT's para expandir o seu campo de actuación".

Finalmente, a CIG lamenta que "unha vez máis, o capital aproveita a crise que eles mesmos crean para recortar dereitos laborais e fortalecer as posicións e poder empresarial a través dunha reforma laboral contra a clase traballadora" e denuncia que "tamén unha vez máis, o goberno de quenda, desta vez a socialdemocracia española, fai o traballo sucio para que as crises as paguen os de sempre".


3.5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: