Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presentación do plan estratéxico de Sanidade da Xunta

Propaganda, silencios e paus aos manifestantes

Feijoo e a conselleira falan de austeridade, rigor, cambio de modelo e agoiros sobre o futuro do Sergas. Á porta, as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública criticaban o acto.

Redacción - 13:45 07/07/2010

De catro obxectivos falou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ao presentarlle este martes a un auditorio formado por profesionais do sistema sanitario galego a que o executivo bautizou como Estratexia Sergas 2014, baixo o lema "A sanidade pública ao servizo do paciente". Novas infraestruturas hospitalarias públicas e a mellora das xa existentes; a garantía por lei dos tempos máximos de espera; a contribución a sustentabilidade do sistema a través do control do gasto farmacéutico, e unha política de recursos humanos baseada na estabilidade laboral e na formación continuada foron os eixos citados por Núñez Feijoo. Advertiu ademais o presidente do perigo da estabilidade do Sergas no caso de non producirse unha viraxe do actual modelo.

Falou Feijoo dun "novo modelo organizativo", debullando que a intención do seu equipo na consellaría de Sanidade é introducir modelos de xestión integrada, que dinamicen o servizo público sanitario. "Fórmulas organizativas con visión horizontal e integradora dos procesos asistencias que superen os compartimentos existentes e a relación actual Primaria- Especializada", explicou. Nesa liña dixo que a consellaría quere aproveitar a experiencia da área única de Ferrol e "avanzará este ano na implantación da xestión integrada nas da Coruña e Santiago, xeneralizando progresivamente o modelo de estrutura de xestión integrada ao resto das áreas sanitarias".

A cidadanía protesta pola deterioración dos servizos
Sobre o cambio de modelo en curso teñen outra opinión os milleiros de cidadáns representados polas Plataformas en Defensa da Sanidade Pública, que coincidindo con este acto se concentraron en Compostela este martes. Aló estiveron representantes das redes cidadás de Ferrol, A Mariña, O Barco de Valedoras, Monforte e Vigo, así como dos sindicatos CIG, CCOO ou da Confederación de Veciños de Galicia (COGAVE).

Representantes das plataformas laiáronse do despregue de "propaganda institucional" da Consellaría de Sanidade, criticando que a presentación desta suposta estratexia coincide cun feixe de novas na liña dunha "deterioración e privatización do sistema sanitario en Galiza". Malia o carácter pacífico da concentración cidadá, a policía recibiu orde retirar os cartaces á entrada dos altos cargos da Xunta causando momentos de tensión cos manifestantes. As plataformas censuran por isto a "violencia gratuíta despregada polas forzas do orde contra unha concentración pacífica".


4.36/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: