Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
A FALTA DE DEZ REGATAS

A Liga de Traíñas xa é cousa de dous

O Samertolameu recuperou o liderado esta fin de semana ao impoñerse na XXVI Bandeira Concello do Grove. O Amegrove pasa ó segundo lugar da táboa.

Redacción - 10:39 19/07/2010
Unha magnífica actuación dos de Meira permitiulles recuperar o liderado

Unha magnífica actuación dos de Meira permitiulles recuperar o liderado

Se ben aínda faltan dez regatas para a conclusión da Liga Galega de Traíñas, dous son os principais favoritos que se reparten, por quendas, o liderado dos remeiros galegos. Despois desta fin de semana, na que se se disputaron a VIII Bandeira Concello de Poio e a XXVI Bandeira Concello do Grove, o Samertolameu (Meira) volve mandar na clasificación.

Se ben en Poio os de Meira non pasaron do quinto lugar, na xornada do domingo recuperaron as súas forzas para exhibirse e gañar con autoridade no terreo do seu máis directo adversario nas augas de Pedras negras. Sumou así o seu cuarto triunfo e foi imbatíbel dende o primeiro largo converténdose nos auténticos protagonistas da cuarta tanda e os únicos en baixar dos 20 minutos por proba (19:52:08). Amegrove-Interrías tivo que conformarse coa segunda praza a case 19 segundos de diferencia. Seguíronlle Cabo de Cruz e Muros, que entraron no terceiro e cuarto postos, e o último lugar foi para o Chapela, que enganchou un dos remos na boia na segunda virada.

Outra tripulación que demostrou a súa boa forma foi a de Mecos, vencedor na terceira serie cunha grande diferencia e un crono que xa os sitúa no sexto posto da táboa clasificatoria. Marcou o segundo mellor tempo da mañá (20:16:62), seguido do Vilaxoán e Perillo, que entraron en segundo e terceiro lugar nesta quenda con menos de dous segundos de diferencia entre eles. A Cabana e Ares foron cuarto e quinto nesta mesma tanda.

Na primeira quenda, o Pobra liderou dende o comezo e foi distanciándose máis en cada virada, marcando un tempo final de 21:40:40. O Rianxo entrou na segunda posición (a 23 segundos) e As Xubias foi terceiro (22:03:98). Finalmente, na segunda, o Coruxo rachou a bancada cos pes na saída, polo que se tivo que atrasar para non importunar a virada da primeira tanda. O Robaleira e o Vila de Cangas comezaron ben igualados dende a primeira virada, mais impuxéronse os de Pontevedra. O Coruxo chegou terceiro e a Esteirana cuartos, a tan só medio segundo.

Ao remate desta xornada, a clasificación queda como segue: Samertolameu (110 puntos), Amegrove-Interrías (110 puntos), Chapela (101), Muros-R.C. Náutico de Vigo (100), Cabo de Cruz (95), Mecos (87), Vilaxoán (78), Regatas Salgado-Perillo (65), Ares (62), A Cabana (57), Robaleira (51), Esteirana (44), Coruxo (37), Pobra (21), As Xubias (13) e Rianxo pecha a táboa con 10 puntos. A liga continuará o vindeiro sábado 24 de xullo coa I Bandeira Concello da Guarda.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: