Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Olga Castro Vázquez

De virus, sexismo, linguaxe e motores

10:00 08/03/2008

As continxencias dos organismos humanos cambian; e por iso o virus da gripe muda tamén, cada ano, para seguir facendo dano e para poder vencer á vacina ?antigripal? e a cantas precaucións antivíricas nos subministraran. As sociedades (a nosa tamén) evolucionan, cambian; e por iso o sexismo se ve na obriga de mudar, se non cada ano, si cada dez, para seguir discriminando e invisibilizando a presenza das mulleres e para poder vencer así á vacina da ?igualdade formal? que distintos gobernos progresistas (e feministas, porque xa sabemos que non hai progreso sen feminismo, é dicir, sen igualdade) nos foron subministrando á sociedade.

Quero dicir: o impacto da ciencia e da investigación médica é tan importante que, para sobrevivir, o virus da gripe vese na obriga de adquirir novas formas cada ano, formas diferentes e ás veces difíciles de identificar, que ben nos poden confundir e facernos pensar que iso non é gripe, senón só un arrefriado, infección de ouvidos, conxuntivite.
E quero dicir tamén: a repercusión dos feminismos (como teoría política e como movemento social) é tan grande na nosa sociedade que, para sobrevivir, o sexismo vese na obriga de adquirir novas formas, formas diferentes, máis indirectas ás veces, máis sutís outras, máis aparentemente inofensivas case sempre. Formas que nos confunden e se disfrazan doutra cousa. Formas dun sexismo máis invisíbel. Pero presente.

Non podemos afirmar aínda (cando chegará o día que si poidamos?) que as prácticas de discriminación directa contra as mulleres estean erradicadas. Aí temos, para lembralas, as terríbeis estatísticas de mulleres mortas ou aterradas pola (impune?) violencia machista, por exemplo. Pero quizais si poidamos afirmar que este tipo de discriminación directa e obvia contra as mulleres é hoxe a que menos se dá, entre outras cousas porque está perseguida pola actual lexislación. É dicir, temos hoxe as ferramentas legais (cuxa utilidade/efectividade non entro a avaliar) para castigar e condenar este tipo de discriminación directa.

E claro, o sexismo non quere castigos nin condenas. E disfrázase. E fainos crer que o feito de poder recibir educación até a etapa universitaria xa nos converte en seres libres e iguais, facéndonos vivir nun soño do que espertaremos violentamente cando queiramos incorporarnos ao mercado laboral e teñamos que demostrar que somos tres veces mellores ca un compañeiro para optar ao mesmo posto. E fainos crer que ter un traballo fóra da casa, cun salario que ?axuda? á economía familiar, xa permite falar de igualdade, sen cuestionar os motivos polos que é o soldo da muller o que ?axuda? á economía familiar e o do home o que a ?sustenta?. E fainos crer que o feito de que o 70% das persoas traballadoras que fan xornada parcial sexan mulleres (e delas, o 30% admitan facelo por motivos familiares), é unha decisión tomada con plena liberdade, mentres que os motivos familiares só obrigan ao 5% dos homes a ?conciliar? traballo e vida privada de tal xeito. E fainos crer que as mulleres non somos competitivas e non queremos ascensos nin as responsabilidades dos postos de mando. E fainos crer que o feito de que a maioría (maioría?) dos nosos compañeiros do século XXI estean dispostos a ?axudarnos? nas tarefas da casa e coas crianzas é unha vitoria eufórica e triunfalista, cando somos moitas (e algúns) as que non comprendemos quen fociños dá por feito, incuestionabelmente, que nosa é a responsabilidade da casa e que contentas habemos estar se nos axudan.

As leis, que garanten a incorporación das mulleres ao mercado laboral e perseguen a discriminación salarial, de pouco serven mentres sexamos as mulleres as únicas preocupadas por conciliar vida laboral e familiar, optando por xornadas parciais que en consecuencia nos fan cobrar menos, e que logo nos farán a vida imposíbel se non vivimos en parella e aínda por riba formamos familias monomarentais, ou se chegamos a vellas e a nosa cotización só dá para percibir pensións irrisorias. As leis, que estabelecen cotas para que as mulleres teñamos presenza nalgúns postos de toma de decisións, son inefectivas mentres as estruturas organizativas das empresas continúen estando pensadas para persoas que despois dunha xornada laboral cheguen á casa e atopen feitos os labores domésticos e que, polo tanto, poidan permitirse uns horarios intempestivos e inflexíbeis, e poidan competir tamén por incentivos e ascensos (un sexismo ben pouco explícito). As leis, que amplían o permiso de paternidade (non o suficiente), son inservíbeis se só o 46% dos homes collen estes quince días de permiso, e ás empresas lles segue resultando máis rendíbel contratar homes que van estar menos días de baixa cando decidan formar unha familia. As leis, que din promover políticas activas de corresponsabilidade no fogar, de nada serven se seguimos sendo as mulleres as que automaticamente pillemos o día libre cando chaman da escola porque o neno se mancou e cómpre ir buscalo, ou se seguimos sendo as mulleres as que vaiamos co carriño da bebé ao traballo o día que a nena espertou con febre e así non nola collen na gardería.

As leis, con toda a importancia que teñen porque xuridicamente sentan as bases para unha igualdade formal, non conseguen erradicar a discriminación real. Primeiro, porque esta discriminación real está a adquirir, a velocidade de vertixe, novas formas máis indirectas e sutís que a fan máis difícil de identificar e que nos fan máis difícil loitar contra ela. E segundo, porque as leis de igualdade non son só cousa de mulleres, e se queremos que se poidan aplicar tendo consecuencias prácticas na sociedade somos mulleres e homes quen temos que asumir a nosa parte de responsabilidade no proceso de cambio. Non se trata de que as mulleres nos igualemos AOS homes, senón de (re)construír as estruturas sociais que sustentan o poder para acadar a igualdade ENTRE mulleres e homes. Vaites, que non se trata de que ademais do papel tradicional que temos asignado como nais e amas de casa, as mulleres tamén traballemos fóra, porque estas dobres (ou triplas) xornadas laborais son unha nova forma de sexismo. Trátase, máis ben, de que homes e mulleres esixamos asumir novos papeis de xénero con responsabilidade nos que asumamos novas funcións entre todas e todos. A igualdade non é só cousa das mulleres.

Actos do 8 de marzo
Isto parecía estar máis ou menos claro. E por iso se me fai especialmente doloroso ver a indiferenza coa que se recibiu, dende os partidos políticos, unha das máis graves agresións contra o feminismo que sufrimos no estado español dende a Transición: que diferentes gobernos (a delegación do goberno español en Galiza, os gobernos autonómicos de Madrid e Valencia, etc) diten a suspensión das manifestacións do 8 de marzo ?para non influír na neutralidade da xornada de reflexión. Como denuncian dende a Marcha Mundial das Mulleres, daquela tamén se deberían prohibir as misas!

Isto resulta tan evidente... que aínda fai máis dolorosa a indiferenza coa que as cúpulas masculinas de todos os partidos políticos se posicionaron ante esta decisión, e a case total submisión coa que as mulleres que se dedican á política recibiron a nova (salvo escasas pero honrosas excepcións). Será que estamos tan afeitas a que as nosas reivindicacións estean, sempre, nun segundo plano, que a penas protestamos? Ou será que as causas desta indiferenza e submisión están tamén na imaxe que temos de nós mesmas? Na imaxe que outros teñen/transmiten de nós mesmas? Na imaxe que constrúen os medios de comunicación capitalistas e patriarcais, uns medios que cando si protestamos, non se fan eco das nosas protestas? Na imaxe, na identidade, nas subxectividades que a linguaxe que temos á nosa disposición contribúe a construír?

Porque este é un dos disfraces, unha das mutacións máis perniciosas que lle coñezo ao sexismo dos nosos tempos, e contra o que a vacina da ?igualdade formal? é totalmente inefectiva. Máis alá das estruturas materiais e prácticas, a opresión das mulleres existe tamén nas auténticas bases do logos e do razoamento, e estas abranguen os sutís procedementos lingüísticos e mediáticos, e os invisíbeis procesos lóxicos a través dos cales se produce o significado.

De linguaxe e motores falaremos para a próxima.

4.72/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Olga Castro

Naceu en Lugo en 1980. É licenciada en Ciencias da Comunicación pola USC e en Tradución e Interpretación pola Uvigo, onde prepara a súa tese de doutoramento sobre tradución, linguaxe e xénero. »



Anteriores...