Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alba Nogueira

Incompetentes en tres linguas...e en matemáticas

10:33 22/10/2009

Seica o empeño en corrixir a mala situación do galego nos falantes mais novos non é suficiente traballo para o “órgano superior da Administración autonómica en materia de promoción e ensino da lingua galega”, isto é a Secretaría Xeral de Política Lingüística.  Agora o problema é non poder ir á tenda e ver se nos aquecen os pantalóns na lingua de Shakespeare.

 A verdade que é un problema que a poboación galega non se atope preparada para dar o salto e utilizar o inglés nas súas relacións diarias.  Porque supoño que ese é o diagnóstico cando se fala de que o ensino ten que ser trilingüe.  Os nosos nenos e nenas teñen que ser competentes en galego e castelán ao rematar o ensino obrigatorio e agora o goberno pretende que esa competencia fixada para as linguas oficiais se consiga cunha lingua estranxeira.  Non nos deramos conta de que a promoción e ensino da lingua galega pasaba por resolver os problemas do inglés en Galicia pero...eis o problema!. Mágoa que a patada no cu ao galego a través do inglés se entenda doutro xeito ben distinto nas Escolas de Idiomas nas que a arroutada trilingüe xa ten menos interese.

Sen entrar a debater a disparatada idea de que no sistema de ensino poida equipararse o tratamento lectivo de linguas oficiais e estranxeiras, que só pode derivarse duns gobernantes acomplexados pola súa propia incapacidade para falar máis dunha lingua (en moitos casos teñen acreditado que dúas xa lles é demasiado). Sen ter que recordarlle a quen ben o sabe, aínda que ande enguedellado nun labirinto sen saída, que a lexislación estatal (LOE) e autonómica establecen como un obxectivo do sistema educativo a plena competencia nas dúas linguas oficiais e que os datos son indicativos de que con respecto ao galego este obxectivo non se acada.  Sen discutir sequera que non se lles aprende inglés como é debido aos nenos e nenas.  Imos falar da mentira de utilizar o inglés para conseguir que o galego tan só represente un tercio do horario docente.

Queremos que os nosos nenos falen inglés? Pois adiquemos máis recursos ao ensino público e fagamos que as aulas de inglés non teñan as mesmas ratios de nenos e nenas que o resto das masificadas clases.   Se xa o número de nenos por aula é elevado nas outras materias parece francamente imposible que se aprenda unha lingua estranxeira con 25 (ensino infantil e primaria) ou 30 (secundaria) rapaces/as na aula.  Admitiríamos que as clases de inglés nunha academia de idiomas se impartiran a grupos dese tamaño?.  Fágase un esforzo de dotar de profesores de inglés as escolas e institutos facendo grupos dun máximo de 10 nenos/as. Hai moitos licenciados/as en Filoloxía inglesa no paro. Tamén pode mellorarse a dotación de materiais ás aulas de inglés e, mesmo, repensar os contidos da materia de inglés para que vaia incorporando léxico ligado aos coñecementos que se van adquirindo noutras materias.

Por outra banda, nos niveis iniciais do ensino é discutible a impartición doutras materias nunha lingua estranxeira e,  inevitablemente, iso vai conducir a un uso dunha linguaxe con menos matices e polo tanto a un tratamento mais superficial dos temas.  Nun momento en que os nenos/as están adquirindo conceptos e facéndose co pensamento abstracto o uso dunha lingua estranxeira para impartir materias dificulta a transmisión de coñecementos. Ademais,  ao contrario do que sucede cos especialistas en inglés, non hai docentes formados e perfectamente bilingües para impartir esas materias, nin vai a habelos a curto ou medio prazo.  Ou temos pensado usar os vencellos gürtelianos entre Valencia e Galiza para implantar a figura do tradutor na aula?.  Un profesor/a de matemáticas para 30 cun tradutor de inglés para que a clase sexa máis dinámica. Seguindo coas solucións factibles, para encher o tercio que lle queren outorgar ao inglés o goberno tamén pode insistir na trampa actúal das materias afíns nas que son os interesados, sen necesidade de acreditación de títulos, os que manifestan que están capacitados para impartir outras materias (podendo asi conseguir destinos mellores).  Outra cousa será a calidade dos resultados conseguidos en inglés, en matemáticas e...en galego. 

4,71/5 (59 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alba Nogueira

Alba Nogueira López naceu en Cee en 1968. É doutora en Dereito e profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago. »



Anteriores...