Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta a Don José Blanco, ministro

19:22 07/12/2009

Señor Ministro: Perdoe que o moleste, xa sei que un ministro non ten tempo para atender correspondencia miúda coma esta. O caso é que xa hai ben tempo que lle tiña que escribir, pero xa sabe, un vaino deixando por falta de tempo e despois xa é a preguiza quen máis ordena. Nesas andaba eu e fóiseme vostede nada menos que a Ministro de Fomento, que é moito ministerio de Noso Señor.

Pero vaiamos ao asunto, que empezo a divagar e despois non me chega o espazo. A razón de lle escribir é facerlle unha pregunta que me ten preocupado desde hai anos, e que se foi comportando coma a bola de neve pola costa abaixo. A pregunta é:

Que lle pasa a vostede co galego, señor Ministro?

Desde que se foi a Madrid acabou para vostede o galego como lingua propia de Galicia e da súa nacencia. Xa nunca máis se lle sentiu dar unha palabra en galego, o mesmo galego que falaba e escribía cando vostede andaba na política galega. Sorpréndeme ese comportamento de colonizado que di ter esquecido o galego (supoño que sabe o conto do enciño). Vén a Galicia en tempos electorais e, sexan eleccións ao Parlamento español, séxano ao galego, vostede fala nos mítines en español. Dun tempo acó escribe nun xornal que ten unha parte do seu contido en lingua galega, pero vostede fai os seus artigos en castelán. Non me vaia contestar que fala e escribe no que lle dá a gana, que iso non llo discutirei. É ben certo que como persoa do común vostede ten ese dereito e eu estou entre os que o defenderei sempre. Agora ben, vostede non é unha persoa calquera, vostede é ministro, vostede é vicesecretario do PSOE e militante moi destacado do PSdeG, e moitos dos dereitos que nos asisten ás persoas do común, na súa vida vense afectados polas circunstancias que acompañan ao individuo que vostede é. Quero dicir que eu non me meto co que vostede fala na súa casa, alí faga o que queira, como se quere andar en coiros ou vestido de apache, pero iso non o pode facer na súa vida pública por moi libre que vostede sexa.

Non me irá dicir tampouco aquilo de que tan galego é un falando galego coma falando castelán, porque no seu caso non é así. Non é o mesmo non saber galego que renunciar voluntariamente a falalo e escribilo. Neste caso, xa dixo Victoriano Taibo, non é merecente desta terra quen tal fai. Se vostede fai pública renuncia ao idioma galego, non pode pedir que o teñan por galego. Se o que quere demostrar é que é moi español dándolle as costas ao galego, facendo ostentación pública de non falalo, entón esa Constitución que tanto celebran, cantan e homenaxean é unha gran mentira, e que para os seus adentros vostede non cre no que nela se contén. Xa que tal non me veñan dicindo que España é a casa que acolle, senón a casa que allea, que expulsa. Se alguén xa non é español por falar, defender e promover o galego, se facendo toda a vida en galego en Galicia, un individuo xa non se pode ter por español, entón será mellor que poña todos os seus esforzos en lograr a independencia de Galicia se quere ter unha patria que o acolla.

E, para rematar, se vostede me vai dicir que non ten responsabilidade cara á lingua propia de Galicia, entón imos á corte e matámolas todas. Daquela vostede non é un galego en Madrid, vostede é un madrileño en Galicia. Deses que andan a apañar os berberechos da semente nas praias; dos que queren que aquí todos falemos coma eles porque non conciben que alguén poida ter outra lingua; dos que ven a costa galega coma unha liña de solares; os mesmos que ven Galicia coma un lugar para pasar un mes, para os que aqueles vivimos aquí o ano enteiro e todos os anos da nosa vida, non contamos; vostede é coma todos aos que esta Terra e esta xente lles importa un… porque se senten donos da península enteira (incluído Portugal).Por iso me sorprende tanto que haxa quen o ve como posíbel candidato á presidencia de Galicia, da Galicia cuxa lingua despreza.

Perdoe a molestia, señor Ministro, pero alguén lle tiña que dicir estas cousas para que non viva enganado.

4.9/5 (59 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: