Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta a Alberto Núñez Feijoo

10:01 05/01/2010

Señor Feijoo: Comezo por lle asegurar o meu respecto por todas as persoas, aínda que non sempre o teño polas ideas e opinións que expresan, así que a elas se refire canto aquí escribo.

O asunto trata do que vostede se propón perpetrar  ao amparo da “Bases para a elaboración do decreto…” que este día 30 de decembro fixo públicas. Teñen de bo que nelas non se oculta o propósito que as dita: o que vai facer vostede e poñer o galego en coma inducido e así sempre poderá afirmar que non está morto. Claro, vostede é un político e coñece ben estes usos raposeiros da realidade.

Vostede xa sabía que nunca houbo a tal imposición da que falaba, nin a liberdade dos castelanfalantes se viu nunca ameazada. Sabe perfectamente que isto á unha fición lingüísitica artellada para poder actuar en contra do futuro da lingua galega, iso si, no nome de nobres arelas. Porque diso se trata, dun atentado ao futuro do galego. Vostede fai o mesmo uso da palabra liberdade que fan os membros da Asociación Nacional do Rifle dos EEUU. Eles tamén defenden unha idea opresiva no nome da liberdade.

Non sei se o ten pensado, e ben que me amolaría estar a lle dar ideas, pero tamén podería sacar un decreto polo que, en cada concello, fosen os propietarios dos terreos en votación, os que decidisen sobre da edificabilidade. Que cre que sairía?  Desta utilización perversa da liberdade xa nos advertiu J. J. Rousseau ao dicir “Entre o forte e o débil, a liberdade oprime e a lei libera”. Porque diso se trata, señor Feijoo, de que fose a lei, a Xunta de Galicia, a que asumise a súa responsabilidade e non que fixese desleixo irresponsábel dela.

Falando de liberdade o que vostede se propón é hipotecar a liberdade dos futuros cidadáns e cidadás de Galicia, que, vítimas das decisións actuais dos seus pais de lles restar unha das linguas, xa non poderán elixir no futuro cal usar. Cre que llo van valorar positivamente a vostede? Non, ate os máis galegófobos desprezarán que lles teña privado de poderen tomar eles a decisión.

Vostede vai introducir nos centros de ensino, institucións das que ignora con desprezo aos seus servidores, os máis letais velenos. Nenos que, porque repiten o que escoitan na casa, se acusarán mutuamente con aquilo de, por culpa do teu pai… Vai envelenar claustros e consellos escolares no canto de procurar neles o entendemento e a harmonía necesaria para o labor pedagóxico. Vai entrar nunha espiral de desprezo da norma porque instaura a soberanía dos pais e porque o alumnado vai vivir nunha situación de provisionalidade, de norma mudábel en calquera momento. Vostede vai introducir o caos nas aulas, xa que alén da lingua na que se imparta a materia, os rapaces poderán expresarse de forma oral e/ou escrita como a cada un lle pete a cada intre. Con este disparate, para que un decreto se por enriba de profesor, de materia, de votacións, de claustros, de consellos escolares e da mesma Consellaría de Educación, cada alumno vai facer o que lle dea a gana? Fáleme agora de reforzar a autoridade do profesorado, que me vai dar a risa.

E á fin, Señor Feijoo, os pequenos rasputíns que o están a encamiñar cara a tan nefastas decisións, serán ignorados pola Historia, e só sobre vostede caerá a responsabilidade desta navallada á lingua propia de Galicia. E os outros, os de fóra, nunca llo pagarán, porque non son de pagar. Fíxese en canto o loaba non hai moito quen agora lle chama publicamente “pardillo”

Queda moito por falar deste asunto, Señor Feijoo,  porque eu aquí seguirei, na loita polo futuro da miña lingua, e os que estamos na loita conservamos o respecto por nós mesmos, á súa decisión só lle espera a ignominia.

Atentamente,

Xabier P. DoCampo

4,83/5 (83 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: