Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Henrique del Bosque

Liberdade?

13:01 26/01/2010

Agroma o discurso da liberdade en boca da dereita, da xenofobia, do nacionalismo español. Dos que chaman pola restrición de dereitos sociais; dos que negan a existencia de dereitos colectivos; dos que demandan políticas penais máis duras, dos que tentan a desaparición de culturas e linguas minoritarias; dos que defenden o egoísmo e a insolidariedade. E todo con normalidade.

Nun exhaustivo ensaio titulado “Contrahistoria do liberalismo” o filósofo e historiador do pensamento político, o italiano Domenico Losurdo, amosa as enormes paradoxas coas que o pensamento liberal bateu desde os seus comezos arredor da concepción da liberdade.

Parella coa tendencia máis humanista avanzou de sempre unha outra corrente liberal que, declarándose herdeira dos mesmos principios, xustificou as meirandes barbaries e atrocidades en nome da liberdade individual.

O que penso que deberiamos denominar absolutización dos dereitos individuais, deu cobertura á escravitude até épocas recentes. O xenocidio e o exterminio de poboacións foi louvado por pensadores que agradecían o labor dos colonos, o seu mérito civilizador así como a súa capacidade emprendedora e de iniciativa.

A expropiación de bens comúns e colectivos, coa conseguinte expulsión e éxodo de millóns de habitantes de zonas rurais, para o aproveitamento de grandes propietarios “capaces” foi así mesmo gabado por doutrinarios da liberdade e do mérito individual.

A prohibición das asociacións obreiras, a restrición de dereitos civís e políticos, as condicións máis duras de explotación laboral foron feitas en nome da liberdade.

A dominación cultural e a opresión política sobre pobos e nacións foi xustificada en base a que os mesmos non eran quen de ser libres, clube reservado en exclusiva aos dominadores.

Mais esta breve escolma de situacións que aconteceron e acontecen, esta deshumanización xeralizada, só poido ser acubillada baixo unha concepción de liberdade. A liberdade dos “señores”, a liberdade dos privilexiados , da que ficarían excluídos, deshumanizados, o resto.

A palabra liberdade pronunciada por unha caste de individuos que negan a liberdade para que outros individuos poidan realizarse en pobo, en cultura, en común, en dignidade, en solidariedade, resulta dunha perversión manifesta. No sálvese quen poida só goza de liberdade o que ten os medios para lograr a súa salvación. Non é libre o individuo privado de identidade nacional, o sometido culturalmente, o explotado economicamente.

En que liberdade pensaba Roberto Varela cando dixo que a nosa cultura está ensimesmada? Seica pretendeu ser ocorrente tomando prestadas frases de John Stuart Mill cando este dicía que as nacións pequenas “esmorecían ensimesmadas…xirando arredor da súa propia órbita mental, sen participar nin se interesar polo movemento xeral do mundo” e defendía a anexión e desaparición das mesmas. Seica un liberal cosmopolita coma Roberto Varela non se atreveu a tirar todas  as conclusións ou a recoñecer honestamente que está contratado para liquidar a empresa milenaria da nosa creación cultural e nacional e acadar a absorción pola empresa da españolidade máis rancia e opresora. Cómpre que desvelemos que a órbita mental, o movemento xeral ao que tentan levarnos individuos e gobernos destas condicións consiste no afogamento, na desaparición , na extinción.
 
Liberdade, proclaman; estes que destilan totalitarismo e imposición a eito. Seremos quen de que, malia contar cunha brunete mediática ao seu servizo, as súas pretensións fiquen espidas fronte ao discurso da liberdade; de que se amose que a súa liberdade é a dos “señoritos”?

4.56/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



henrique del bosque

Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais.  “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »



Anteriores...