Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Henrique del Bosque

Liberdade individual e pertenza cultural

16:43 25/05/2010

O afortunado lema de “queremos vivir en galego” cataliza todo un universo de arelas de liberdade e dignidade, de reclamación dunha pertenza cultural milenaria desde a que podemos, e queremos,  recibir e donar ao resto das culturas do mundo. Xa comentaramos a falacia, a ruindade, que supón enfrontar identidade e liberdade sabendo que é unha constante histórica nos Estados plurinacionais a opción por pular unha única identidade cultural en prexuízo das demáis.

Un dos máis recoñecidos investigadores da multiculturalidade, Will Kymlicka, considera que “a liberdade implica levar a cabo decisións entre varias posibilidades, e a nosa propia cultura societal non só outórganos este abano de opcións, senón que tamén nos proporciona o contexto necesario para que percibamos as devanditas opcións coma significativas”.  É dicir, os suxeitos adoptamos decisións tomando como referencia as prácticas sociais que nos circundan e as crenzas sobre o valor destas prácticas. E, consonte o autor, ter unha crenza sobre o valor dunha práctica é unha cuestión que atinxe á comprensión dos significados atribuídos á mesma pola nosa propia cultura.

A nosa cultura non só facilita as opcións a escoller, axúdanos a identificar as experiencias vitais como valorábeis. En cada cultura deste planeta  dispomos dun vocabulario compartido, a lingua, a historia, as tradicións, as convencións…, e a comprensión e coñecemento destas narrativas culturais resulta indispensábel na realización de xuízos verbo da morea de decisións persoais. En resumo, facilítanos o acceso a un amplo espectro de opcións significativas.

As culturas societais, as culturas nacionais, conforman o contexto orixinal para o exercicio da liberdade individual. A supresión das mesmas, a súa usurpación ou suplantación, as tentativas de asimilación ou de desvalorización por outras alleas e posuidoras do instrumental de dominación invalida calquera referencia á liberdade. Nós non somos España, do mesmo xeito que non somos Noruega ou Cuba por moito afecto que poidamos sentir. E pretendemos construír un contexto satisfactorio para o noso desenvolvemento individual e colectivo ao igual que calquera nación normalizada. Non impoñemos, ao contrario do que fai o nacionalismo español, senón que reclamamos a construción e a configuración do noso. Non temos miopía cultural ou política, senón que procuramos ver, e ver moito, mais sin que ninguén nos diga cando, cómo e desde onde ver.

Cando as nacións ou pobos que dispoñen de Estado propio estabelecen medidas de todo tipo para preservar as súas culturas, para que teñan continuidade no tempo, para que todos e todas teñan un coñecemento obrigatorio da súa lingua, historia, institucións, etc, en nome de que liberdade se impide ao resto dos mortais ter e exercer os mesmos dereitos? Só a mentalidade abertamente antidemocrática, colonial no fondo, pode mistificar a realidade para invertila. O españolismo na Galiza ten unha metrópole ideal, e agárrase a ela cunha etnicidade enfermiza. Que análise sinxelo e elegante o de Albert Memmi, no seu retrato do colonizado e do colonizador, cando reflexiona que “a Metrópole só é grande porque está alén do horizonte e permite valorar a conduta e a existencia do colonialista…Remitida para si, esvaería e arruinaría a sobrehumanidade do colonialista. É unicamente na colonia onde o colonialista é temido e admirado, só porque ten unha Metrópole da que os seus conveciños carecen”.

Se unha cultura non goza do respecto xeral, a dignidade e o respecto dos seus membros está en cuestión. A defensa da cultura societal, nacional, da propia, así coma a instauración de mecanismos para garantir a permanencia e o dereito a vivir nela supón unha evidente aposta pola liberdade e pola democracia. Will Kymlicka afirma que calqueira demócrata debería recoñecer a importancia da pertenza das persoas á cultura do seu pobo, en virtude do papel que a mesma desempeña no intre de posibilitar eleccións individuais significativas e sustentar a propia identidade.

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



henrique del bosque

Henrique Xesús del Bosque Zapata naceu en Ourense en 1959. Profesor de ensino secundario, tamén é licenciado en Dereito. É autor de “Lexislación para o profesorado. Toda a normativa do sistema educativo galego non universitario” Edicións Xerais.  “Guía dos dereitos do profesorado” CIG-Ensino. Cadernos de lexislación. »



Anteriores...