Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Uxío-Breogán Diéguez

AS, EAE-ANV e a contaminación

18:30 08/05/2007

Contaminaçom s. f. (1) Acto ou efeito de contaminar ou contaminar-se. (2) Transmissom de princípios contagiosos; contágio: a água é o principal agente de contaminaçom de certas doenças. (3) Infecçom. (4) Corrupçom. (5) Depósito de substância radioactiva, onde pode ser perigosa, ou polo menos, indesejável [lat. contaminatione].
Dicionário Electrónico Estraviz

Desde hai meses asistimos a un pretendido debate no marco político-administrativo-xudicial español a respeito de se diversas marcas eleitorais en Euskal-Herria podían concurrir ou non ás vindeiras eleizóns municipais. Finalmente, o pasado domingo o Trinunal Supremo español vén de impedir que centos de candidaturas vascas de varias formacións se apresenten á devandita consulta eleitoral.

Exactamente o Tribunal español anulou 246 candidaturas de Abertzale Sozialistak (AS), 133 de Eusko Abertzale Ekintza (EAE) mais unha outra independente. Seica o principal argumento para anular estas candidaturas é a “contaminación” destas por parte de militancia abertzale que ten pertencido a organizacións ilegalizadas, con anterioridade noutros procesos, polos tribunais españois. Á luz desta realidade, semella que as penas para algúns nunca rematan e que, para alén da ilegalización dos marcos organizativos, o que hai é unha sistemática exclusión/anulación de persoas e proxectos políticos. Así, miles de vascos e vascas foron, como consecuencia, marxinadas do sistema, ao que por lei teñen de contribuir, conculcando os seus direitos básicos de poder ser elexidos/as e ser eleitores/as.

Como xustificación desta realidade, aliás, acrescéntase desde determinadas instancias políticas e medios de comunicación, que o “mundo abertzale” tiña orquestrada unha estratéxia de infiltración e criazón de diversas marcas eleitorais para manter a súa representatividade...

Mais se un tentar analizar con rigorosidade este contexto, acha que todas estas argumentacións non son máis que unha pantalla de fume e que na prática o que hai son dúas forzas (dous blocos ideolóxicos) que fican en pugna en desigual punto de partida e medios. Como un bloco se vale de todo un sistema e aparello estatal para anular ao adversario, que non conta con máis capital que unha firme vontade de independencia e dignidade nacional, mantida ao longo do tempo e xeracións.

É tal así que no caso de Eusko Abertzale Ekintza, ou o que é o mesmo Acción Nacionalista Vasca (ANV), formante no 1933 do primeiro Galeuzca que nacera o Día da Patria en Compostela, xunto ao histórico Partido Galeguista, Unió Democrática e Esquerra Republicana de Catalunya, entre outras formacións, ten sufrido duras situacións de calculada persecución. Tempos de dura represión e falta das mínimas garantías dun Estado democrático, após unha vitoria rotunda do españolismo máis rancio nas eleizóns ás Cortes, e ANV no inverno daquel 1933 tiña ducias de militantes en cárceres por simplesmente realizar propaganda do seu ideario independentista...

Mais isto debera ser fariña doutro costal
Volvendo ao rego, se non estiveramos diante da pugna entre dous proxectos políticos (de Estado, de sociedade, de futuro...), se o contexto tratado respostara unicamente á “depuración” do sistema político español de ‘xente de mal viver’, corruptos, asasinos, etc, a adxudicatura española debera proceder á anulación, previa petición fiscal, de todas aquelas candidaturas eleitorais que, a modo de exemplo, fican “contaminadas” de colaboracionistas co rexime asasino de Francisco Franco e que, en non poucos casos, teñen praticado e pratican apoloxía do fascismo; de empresarios que as financian como inversión para salvagardaren os seus intereses económicos; “contaminadas” de maltratadores de mulleres, etc, etc...

Contodo, sendo optimistas, xa que o sistema xudicial español semella estar a remozar as súas preocupacións pola contaminación, agardemos que actúe daquí en diante coa mesma severidade coa que actuou no devandito caso face as agresións diversas que o noso medio-ambiente sofre día a día.

3.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »



Anteriores...