Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Uxío-Breogán Diéguez

Galeuzca, un histórico pacto multinacional

09:30 25/07/2008

Soberanismo histórico (II)

À memoria de Alexandre Bóveda, redactor do manifesto
Galeuzca do 1933


Nas últimas semanas diversas iniciativas de unión entre galegos, vascos e cataláns estiveron a se presentar con certo eco mediático. Posicións, manifestos, estruturas... destilando, en definitiva, sentires, necesidades e obxectivos comúns fronte a problemáticas compartidas.

Podemos indicar que vai camiño dun século de compartillado traballo consciente en clave soberanista, manifestado a través de diversas unións tripartitas. Fagamos un pouco de historia das dúas primeiras iniciativas que inauguraron formalmente esta unión multinacional.

Unha alianza tripla
Desde finais do século XIX diversas relacións entre persoeiros galegos, vascos e cataláns eran habituais. Principais intelectuais e organizacións das tres nacións ficaban afeitos e afeitas a se relacionaren e compartiren reflexións, sentimentos e preocupacións: Brañas, Rosalía, Manyé i Flaquer, Cambó...

No primeiro terzo do pasado século acentuaríanse estas relacións, parello ao feito de se desenvolveren na Galiza, Euskadi e Catalunya os piares do soberanismo moderno. Organizativamente, irían tamén aumentando as relacións entre diversas estruturas como, por exemplo, as Irmandades da Fala, creadas no 1916, e Acció Catalana, nada no 1922. Precisamente esta última será a organización que faga a proposta explícita dunha alianza entre as tres devanditas nacións. A finalidade sería a de sumar forzas fronte un “sometemento” común, nunha acción compartida en favor da necesaria “redención” de cada un dos países en cuestión. Esta chamada dáse nun tempo de impase na Historia do Estado español, no final da decadente Restauración. Era aquel un contexto que levaría á organización patriótica catalá a afirmar con precisión:

La oscuridad de los tiempos que vienen hace más necesario el establecimiento de la Triple Alianza Nacionalista ante el Estado que traquetea...”.

Así foi que á altura do 11 de setembro do 1923 asinaríase o documento fundacional da coñecida como Tripla Alianza no Centre Autonomista de Dependents del Comerç i de la Indústria de Barcelona. Unha data a escollida chea dunha eleva cárrega emotiva, en canto que falamos da DIADA ou Día Nacional de Catalunya. Neste primeiro chanzo da alianza política entre galegos, vascos e cataláns atopábanse as organizacións catalanas, e para alén da Acció Catalana, Federatio Nacionalista, e Unió Catalanista –sumándose ao pouco tamén Estat Catalá-, as galegas Irmandades da Fala e Irmandade Nazonalista Galega, así como o euskaldún Partido Nacionalista Vasco. O documento fundacional desta alianza foi cualificado polo veterano galeguista Francisco Fernández del Riego, nun texto redixido unha década despois de se lanzar o devandito encontro, de “...paito secreto de matiz francamente arredista...”.

Esta alianza, de potencial dubidoso naquela altura da man das diverxentes sensibilidades que ficaban sustentándoa, acabaría sen se desenvolver polo Golpe militar que daría o 13 de setembro do propio 1923 o xeneral Miguel Primo de Rivera.

Galeuzca
Após un sexenio, asístese á queda da ditadura de Primo de Rivera; abríndose á altura do 1929 un impase dun ano, a denominada Dictabranda. Unha marxe temporal que posibilitaría que as forzas republicanas e soberanistas na Galiza, Euskadi e Catalunya tomaran, en grande medida, o pulso da Historia. O aumento da consciencia de clase entre os proletarios, o sentimento antimonárquico e republicano, así como o medre do sentir identitario, como o contexto internacional, fixeron que o 14 de abril de 1931 florecera a II República.

Neste marco, o soberanismo galego preparábase para iniciar a súa maior singradura, até aquela altura, en termos político-partidario-institucionais; unha etapa representada, en todo caso, polo Partido Galeguista (PG). As diversas asembleas partidarias e irmandiñas patrióticas que operaban en grande parte do territorio galego, confluíron na Asemblea Constituínte do PG en Pontevedra no mes de decembro do devandito ano. Desde un inicio mantería como bandeira esta modernizadora organización a loita en favor, como se viñera de marcar na proposta do Seminario de Estudos Galegos de xuño do propio 1931, dun “Estado galego libre...(sic)”.

De cara a consecución deste obxectivo estratéxico, marcaríase unha táctica na que sería fundamental, por unha banda, a aprobación dun Estatuto de Autonomía e, por outra, unha alianza con cataláns e vascos que chegara a formar un polo que contrarrestase a acción do españolismo centralista de cara a construción dunha estrutura federalizante no contexto republicano e no camiño cara a plena soberanía nacional. No relativo ao tecido tripartito, os galeguistas, nomeadamente Alexandre Bóveda, secretario xeral e de organización do PG, à sazón, manterán comunicación cruzada con diversos representantes vascos e cataláns, posibilitando as bases dun acordo organizativo.

Estas relacións culminarán na viaxe que vascos e cataláns farán a Galiza no mes de xullo do 1933, após a arenga galeuzcana formulada desde Euskadi da man de Acción Nacionalista Vasca (ANV). A devandita viaxe artellaríase coa intención de formalizar, diante do Día da Patria Galega, o que se denominará Pacto de Compostela ou Galeuzca.

Esta iniciativa presentaríase poeticamente a través de A Nosa Terra, voceiro do PG, como unha “...aperta de nacións irmáns compretamente independentes na sua i-alma” reunidas en irmandade “para demostrar ao mundo que nengunha está soa nesta empresa suprema do seu resgate...”. O documento fundacional sería asinado nos locais do Seminario de Estudos Galegos, a partir dun texto manuscrito por Alexandre Bóveda en galego, por organizacións como as xuvenís Palestra ou Ultreya e as estruturas partidarias PG, PNV, ERC e UDC; outras, caso de ANV, ao non contaren con representación na viaxe pola Galiza non asinarían en Compostela, faríano máis tarde, malia ser, caso desta última, impulsoras do encontro.

Galeuzca causaría grande malestar entre a “clase política” española, máxime ao ver como contaba a nova estrutura cunha importante presenza mediática, ultrapasando os lindes pirenaicos e oceánicos. E é que medios de comunicación franceses, ingleses ou alemáns, caso de Petit Parisien, The Times ou Berliner Tageblatt, daban conta da devandita unión a tres bandas como feito de relevo.

A alianza, para o caso galego, deuse nun contexto no que o PG verifica as inmensas trabas que se lle estaban a pór de cara a consecución daquel obxectivo táctico xa citado, cal era o Estatuto. E é que após a exitosa celebración da Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto (1932), o desenvolvemento por imperativo legal, segundo a legalidade constitucional española, dun plebiscito popular en relación á “autonomía” sería adiado. A partir da vitoria que o españolismo máis rancio colleitaría no marco das eleccións de outono dese mesmo 1933, todo proceso modernizador e en clave soberanista que puidera terse ollado até o momento no noso país, Catalunya ou Euskadi sería firmemente contrarrestado polo goberno español.

Galeuzca sufrirá as consecuencias desta realidade, mais tamén do feito de ser unha alianza altamente heteroxénea que lle fixo imposíbel marcar liña única e efectiva, converténdose nunha ferramenta inútil, no nível práctico, en favor da soberanía das tres nacións.

Nos anos corenta, en pleno exilio mais no horizonte da vitoria aliada no contexto da II Guerra Mundial, o pacto Galeuzca tentou ser retomado diante da hipotética restauración da República no marco estatal español. Outravolta, o saldo a efeitos prácticos desta nova tentativa sería negativo. E é que, ao igual que o que acontecera nos anos trinta, a heteroxeneidade das partes integrantes da estrutura invalidaba calquera posibilidade de traballo práctico. Unha realidade que non invalidaba, en todo caso, o espírito do proxecto, ao contrario; xa que desde unha perspectiva lóxica, Galeuzca presentábase como unha necesaria ferramenta a construír por parte do soberanismo galego, vasco e catalán.



Uxío-Breogán Diéguez Cequiel é tamén Coordenador do Galeusca de historiadores, que en datas recentes fixo público un manifesto fronte ás tentativas de "uniformización". Poden adherirse desde este formulario

3.44/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »



Anteriores...