Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

Zapatero é a alternativa

13:14 16/02/2009

Estes días a Radio Galega comentaba que desde o Gabinete da Presidencia do Goberno de España, estaban a ter conversas cos dirixentes sindicais de UGT e CCOO. A crise económica embarga xa todo o discurso político e, cada vez está máis claro, que lonxe de maximalismos é necesario un gran acordo que cando menos acade o nivel que no seu día tiveron os Pactos da Moncloa, e serviron de base para o cambio político que alumeou aquela democracia moza e un novo Estado.

Mais, hai quen que como xestores provocaron esta crise social, pretenden neste río revolto – onde o conxunto das esquerdas andan desorientadas – seguir coa política neoliberal, causante deste desaguisado.

Pretenden seguir rebaixando a calidade da nosa democracia, e saír do túnel aumentando a explotación dos traballadores, co peregrino argumento de que cun despedimento gratuíto e salarios baixos, mellorarase a situación económica. Fronte a iso, a verdade é que son os países con maior protección social, cun mercado laboral moi regulamentado e con traballos de calidade e salarios altos, os que mellor preparados están para facer fronte a medio e longo prazo a esta situación.

Ten razón o Presidente Zapatero cando fala de que hai maior paro en España, que no conxunto da Unión Europea, pola alta necesidade de abundante e intensiva man de obra, que antes tiña a especulación urbanística. Pero, non é certo que tamén aumente pola alta poboación activa española, senón polos empregos de baixos salarios, que andan obviamente unidos á baixa cualificación dunha parte moi importante dos mesmos.

O certo é que o Partido Socialista non foi capaz de modificar a base económica especulativa herdada das políticas neoliberais de Aznar, e referendadas desde os EEUU e a propia e liberal Unión Europea. Un sistema económico enraizado no cemento e nos tradicionais servizos do turismo. Quizais, por iso resulta chocante o discurso de quen é o brazo político dos defensores dos desregulamentos dos mercados financeiros e laborais, das políticas neoliberais, que trouxeron estes lodos; o PP non está capacitado para dar leccións a ninguén, cando ademais pretenden afondar na mesma política económica que é responsable última desta crise. Tamén, resulta rechamante, que determinados xestores nomeados co patrocinio do Goberno socialista, se sumen ás propostas da dereita económica.

Fronte a isto o conxunto da esquerda política e sindical ten que construír un discurso e unha práctica propios. Que, aínda que parta dun renacido Keynes, ten que ir decididamente a outro modelo produtivo, pero, tamén a outro sistema máis regulamentado, democrático e ao servizo da cidadanía. Fronte aos que seguen a preconizar a ditadura do capital, hai que inocular máis democracia á sociedade... pero, tamén á economía.

Poñer couto aos beneficios e actividades especulativas, cambiar o modelo produtivo, require tamén dun novo marco onde o mundo financeiro e da empresa asuman a súa responsabilidade social. A participación do conxunto dos axentes sociais no eido económico require de que nas empresas den entrada á participación e co-dirección na xestión e planificación económica - non só do propio Estado nas liñas macroeconómicas - senón, e directamente dos propios traballadores a todos os niveis.

Iso necesitaría do apoio da maioría da poboación; unha nova alianza entre clases sociais en España, tal como propoñen por exemplo Vicenç Navarro ou Juan Torres. Fronte á hexemonía conservadora das clases altas e medias - altas, é necesario o concurso das clases traballadoras e os sectores máis dinámicos das medias (lembremos que, respectivamente, en España, representan ao 65% e ao 20% da poboación), e que sirva para un avance expansivo do Estado de Benestar.

Unha nova hexemonía progresista que necesita dunha alianza do movemento sindical e dos partidos de esquerda. Obviamente, quen mellor representa esa idea e está en condicións de liderar o cambio social que abra a porta a un novo sistema de economía mixta, pero cunha forte influencia pública e democrática, é o propio Partido Socialista. Por iso, a alternativa á crise económica, rachando coa contaminación  neoliberal, o futuro necesario, cando menos a medio prazo, é... Zapatero.  

1.75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...