ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

Ferrol: orzamentos pensando na xente

19:07 18/05/2009

O acordo orzamentario para o 2009 entre as esquerdas ferrolás, bota por terra as pretensións de algúns de que o Partido Socialista quedará refén de algunha das dereitas; sen dúbida esta é unha boa nova que abre unha nova dinámica na política municipal, tras a ruptura do bipartito conformado polo PSdeG - PSOE e EU, en outubro pasado.

Hai que lembrar que daquela un grupo de cidadáns afíns ás tres formacións progresistas ferrolás – socialistas, esquerdistas e nacionalistas – pedíamos unha recomposición da vida municipal, e ademais “emprazamos ás dúas forzas políticas (PSdeG e EU) a sentarse para recuperar a unidade progresista, incorporando a este proceso o BNG, para traballar no que queda de mandato a prol da cidade. Estamos convencidos de que hai tempo para que un Goberno de Progreso poida desenvolver unha xestión frutífera para o avance da cidade e ser un referente, sobre todo nestes tempos, para o resto de Galicia” . Agora, tras estes meses de desencontro político e cunha grave crise económica, esa idea ten máis valor de seu.

Fronte a idea de “austeridade” promovida polo PP no senso de adelgazar os orzamentos e encarecer os servizos para que os cidadáns paguen máis por menos, as esquerdas ferrolás acaban de aprobar uns que pretenden aumentar os dereitos e as prestacións  e ademais destinar investimentos para desde o propio Concello facer país tamén contra a crise económica.

Ten razón o concelleiro socialista Ramón Veloso cando plantexa que precisamente os investimentos e os gastos sociais marcan a diferenza entre as esquerdas e as dereitas; fronte a esta realidade, o voceiro do PP pretendía ocultala postulando un acordo orzamentario supostamente insípido avalado polas dúas grandes formacións políticas a imitación da CDU e o SPD.

Se facemos historia, facilmente poderemos comprobar que a cidade de Ferrol crece e avanza na medida en que as diversas esquerdas colaboran. Quizais, a debilidade das propias organizacións e a falta duns liderazgos consolidados nas respectivas organizacións políticas segue a ser unha cuestión aínda pendente.

A análise das eleccións municipais sucesivas deixa claro da existencia dunha bolsa de votantes da esquerda que non comparten que as súas referencias partidarias, especialmente o Partido Socialista, perdan as súas señas de identidade ou participen de aventuras coas dereitas. O xeito de manifestalo é precisamente cun voto abstencionista que cando se produce permítelle ao PP gobernar Ferrol.

A colaboración entre as esquerdas beneficia aos tres partidos progresistas, obviamente só así o Alcalde Vicente Irisarri e o PSdeG convértense no eixo central da vida municipal; tamén marca o rumbo a seguir deixando fóra de xogo ao PP e ao seu voceiro. Este acordo orzamentario entre PSdeG, EU e BNG marca o camiño necesario para que tras as eleccións municipais do 2011 poder reeditar un goberno de progreso. Os tres deberán aínda mellorar as súa simbiose cos cidadáns, renovar as súas estruturas e listas.

Mais, no PP ábrense dúbidas; quizais o seu cabeza de lista se chame José Manuel Rey... ou Diego Calvo. Xa veremos. Pero, o certo é que a unidade da esquerda trae uns orzamentos municipais pensando na xente de Ferrol.

2,5/5 (6 votos)


Comentarios (13)

Evaristo #1 19/Maio/2009 Evaristo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

As esquerdas ferrolás? Decididamente existe unha grande confusión debida ao uso lixeiro das palabras. Compre aclarar que é iso da esquerda. Un concepto onde caben mesmo Pedro Solbes e o Che Guevara é, cando menos, vago.
Merecen as referidas esquerdas ferrolás ese nome?
É de esquerdas o PSOE? e máis concretamente o PSOE de Ferrol? Onde o alcalde Irisarri toma como primeira medida do seu mandato unha suba salarial de máis do 70% do seu soldo e argumenta esta decisión como se dun xerente empresarial se tratara, e que favorece pelotazos económicos para os seus amigos, como a tallada que levou Silveira co rescate da Praza de Armas.
É de esquerdas Esquerda Unida? Unha formación refén do liderádego carismático de Yolanda Díaz, unha muller, mestra do manobreirismo, que non atura a disidencia interna e que combate calquera decisión que non parta dela mesma. Hoxe en día, despois de que os militantes críticos foran suspendidos de militancia, expedientados ou deixaran a organización, e o anterior consello local fora cambiado por un fato de aduladores, goza xa da paz dos cemiterios.
É de esquerdas o BNG? A formación que padece o grupo municipal de perfil político máis baixo do Concello de Ferrol dende a restauración borbónica. Sobre a orientación política do BNG non vou a abundar máis porque xa se fala abondo sobre este tema noutros fíos e noutros apartados de Vieiros.
Dende o meu punto de vista persoal, merece a calificación de esquerdas unicamente a formación que traballe pola superación do modo de produción capitalista na perspectiva do socialismo. Polo tanto, atendendo aos textos de cada formación, somentes EU cumple este requisito. Qué mágoa que os feitos non concorden coas palabras...

Raimundo #2 19/Maio/2009 Raimundo
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

A medida es de esquerdas. E con moi poucos precedentes. É un feito que concorda coa ideoloxía, co conceuto, e coa palabra esquerda.

Se o paspas do Touriño fixera algo así, hoxe o Feijoo9 non andaría a repartirse a Sanidade entre os amiguiños (unha medida de dereitas votada polo pobo galego)

AfonsoDaniel #3 19/Maio/2009 AfonsoDaniel
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

"Orzamentos pensando na xente."

Tanto o podías dicir ti, coma eu, como Feijoo. O raro sería ouvir

"Orzamentos non pensando na xente".

Seguín lendo o artigo, e non atopei nada sobre os orzamentos. Creo que hai un erro na redacción. Así non se pode refutar o título. En fin, sobran discursos. Todas as formacións, dende a extrema dereita, aspiran a facer orzamentos para a xente, a traballar polo ben de todos. O que as distingue a todas é o grao de hipocresía e mentira no discurso.

Gacepo #4 19/Maio/2009 Gacepo
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Si aceptamos que iso é esquerda, aceptamos que o PSOE-EU-BNG son esquerda e, ademáis aceptamos que non nos minte o articulista (por que ia facelo) pois ben... hai uns orzamentos de esquerda en Ferrol. A min xa me convenceu.
Agora imos ver en que se concretan, como se executan... Si defraudan serán uns orzamentos para que o PSOE de Irisarri poida rematar con certa tranquilidade o seu madato. E nada máis.
E si gaña a dereita, pois ben... pero a responsabilidade será do PSOE por non saber aproveitar esta oportunidade única con estes orzamentos de esquerdas, ¿nonsi?

Raimundo #5 19/Maio/2009 Raimundo
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

A ver se falamos do que falamos.

"Los vecinos de Ferrol decidirán cómo y dónde se invertirán 350.000 euros de un presupuesto municipal que alcanza su techo histórico, con 60.549.724 euros para 2009. Se trata de una primera partida experimental para un proyecto pionero en Galicia que aspira a ser un ejemplo de "democracia participativa". Los socialistas prometen elevar esos fondos hasta los dos millones en 2010." (enlace mais abaixo)

Esto é do que falamos ¿É de dereitas? ¿É a revolción mundial? ¿É un paripé? Pois...

Ë importante.

Enlace a noticia na prensa dos presupostos ferroláns:

http://futurosposiblesimprevis...

Raimundo #6 19/Maio/2009 Raimundo
[Valora este comentario Positivo -1 Negativo]

E é de esquerdas

Gacepo #7 20/Maio/2009 Gacepo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ostia Raimundo, que si, que si.
Irisarri e o grupo municipal do PSOE son un exemplo de participación. Por certo, ¿foi unha iniciativa do PSOE ou unha demanda de EU ou do BNG?
Só por informarme. Grazas

Raimundo #8 20/Maio/2009 Raimundo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#14 Gacepo, a discusión de se "¿foi unha iniciativa do PSOE ou unha demanda de EU ou do BNG?"... pode sere interesante para que o PSdeG, a EU, ou o BNG clarxen a súa postura entre os seus afiliados.

Como foi, quen é o pai... pois, a xente non interesalle.

A cuestión é que se esta medida fracasa, fracasa a esquerda... en toda España. Terás a FAES enseguidiña decindo que os ferroláns non saben... que teñen que ser os empresarios quen gobernen... e que hai que privatizalo todo... fortaleceráse a dereita. En Ferrol e en toda España.

Se fracasa esta medida, fracasa a esquerda, non o grupiño que tivo a valentía de propoñer unha medida valente e necesaria... e de esquerdas...

remexendo #9 20/Maio/2009 remexendo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O BNG non demandou nada máis cunha partida de 100.000 euros para participación cidadá e xa se abriu de pernas ó PSOE desde o mes de decembro. A partida para orzamentos participativos son 2 millóns de euros en dous anos. 350.000 euros son o mínimo de partida deste ano e poden ser máis. O BNG no Concello de Ferrol é patético, non hai máis que ver a XX Pita decindo no xornal El País na campaña municipal que non permitiría ampliar Reganosa e cando se leva ó Pleno do Concello de Ferrol unha moción para que non se amplie Reganosa cal foi o voto do BNGas: Votar en contra

remexendo #10 20/Maio/2009 remexendo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O BNG non demandou nada máis cunha partida de 100.000 euros para participación cidadá e xa se abriu de pernas ó PSOE desde o mes de decembro. A partida para orzamentos participativos son 2 millóns de euros en dous anos. 350.000 euros son o mínimo de partida deste ano e poden ser máis. O BNG no Concello de Ferrol é patético, non hai máis que ver a XX Pita decindo no xornal El País na campaña municipal que non permitiría ampliar Reganosa e cando se leva ó Pleno do Concello de Ferrol unha moción para que non se amplie Reganosa cal foi o voto do BNGas: Votar en contra

tranqui #11 20/Maio/2009 tranqui
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Está ben que agora fagan uns presupostos pensando na xente (sobre todo por que en si xa pensaron o primeiro día)

Longchamp #12 23/Maio/2009 Longchamp
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Sen entrar a valorar o artigo do amigo Cendán, que considero publicitario de máis, si quero anotar algo sopbre os "orzamentos participativos" ferroláns. A cidadanía non sabe que cousa é iso, como van funcionar e, sobre todo, quen e porque pode "participar". Cada quen como cidadán particular? Paréceme complexo e, polo tanto, imposible.
As asociacións de veciños? As culturais? Como se vai medir logo a representatividade de cada unha? Por número de socios? E logo quen representa aos que non estean asociados? Votando en asemblea cidadá? Para iso xa temos eleccións.
Agardo.

cachamuina #13 24/Maio/2009 cachamuina
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Longchamp: Pode vostede consultar na páxina do Concello de Ferrol(http://www.ferrol.es) a proposta de Regulamento de Participación cidadá e se cadra se lle clarexen algunhas dúbidas. Respecto ós orzamentos participativos este ano é unha experiencia piloto, a proposta da entidade veciñal de Esteiro, que foi aprobada nun foro cívico por máis de entidades asociativas de todo tipo. Hai unha proposta de actuación en San Xurxo-Doniños, que será decidida por tódalas entidades desas parroquias e outra en San Xoán, Santa Mariña e San Pablo que serán decididas por tódalas entidades deses barrios. As dúas propostas de parroquia e barrio elixiunas, de modo consensuado, o Grupo de Ánalise e Proposta, formado por unhas 20 entidades, que foi que elaborou a proposta de regulamento de participación cidadá.
Nos próximos orzamentos do 2010 xa haberá unhas regras de xogo, iguais para todos e coñecidas por todos ,de como e cando se presentan as propostas e como se valoran.
Agardo que lle fora dalgunha axuda.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...