Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alejandro Tobar

Galipedia e Normalización

14:00 16/03/2009

A Wikipedia, un proxecto de enciclopedia multilingüe, de contido libre e participación aberta, leva na rede máis de oito anos. A Galipedia, algo así como a sucursal galega da Wikipedia, existe dende marzo de 2003. Ambas as dúas ―o proxecto global, a Wikipedia e mais a rama que a nós, os galegofalantes, nos atinxe, a Galipedia― son, coido, instrumentos excepcionais, ferramentas verdadeiramente útiles para a difusión da cultura e para a mellora no manexo da lingua ―normalización, se cadra―. Deseguido vou tentar estarricar con xeito este último punto, o da mellora no manexo da lingua:

Que o galego está desposuído dos seus dereitos é un feito, que en multitude de ámbitos o galego é residual ou que directamente non é, pois vén sendo algo así como o abecé dunha realidade agrisada e tristeira de máis ―iso si, non falta quen é capaz de montar a película ao seu gusto e, sentado no trono, fala de convivencia lingüística, de amabilidade, de cordialidade entre linguas e non sei cantas outras babecadas hipócritas; así e todo, polo que a min respecta e citando a Novoneyra, «os que así nos tein, só tein noso os nosos nomes no censo», que visualicen o que lles pete, que cada can lamba a súa caralla, di decote meu pai― . Saber o que falta, sabémolo, aínda que sexa grosso modo. Non obstante, que é o que temos?, de que ferramentas dispoñemos tirante a máis obvia: falar o galego e punto? Vexamos: temos as manifestacións para facer amigos e vulto; temos as conversas sobre o que puido ser, sobre o que foi e sobre o mal que nos facemos, o parvos que somos e o moito que teñen que mudar as cousas; temos, os que estamos fóra, os centros galegos (se isto é ter algo) e uns poucos círculos morriñentos de galegos na diáspora; e temos tamén grupos diversos que, ben ou mal pero polo xeral coa mellor intención, traballan a prol da lingua, con centos de persoas nalgúns casos, penso, por exemplo, na Mesa pola Normalización Lingüística ou mesmo na Asociación PuntoGal, até me atrevería a dicir que ten o seu aquel algún dos programiñas divulgativos que botan na galega, para encher os ocos da grella televisiva, supoño. A propósito disto, transcribo parte da nota editorial á terceira edición das Normas da Lingua Galega publicada por Cumio: «(...)non se advirte vontade política de poñer en andamento a nova normativa e só iniciativas privadas, como sempre neste país de voluntariado, se manifestan dun xeito que sementa dúbidas». Eu opino que vai habendo cousiñas, como dicía o outro cando vía que lle asfaltaban a carretera. E debe de ser así, porque, como dixen, dende marzo de 2003 temos a Galipedia, que eu, pobre de min, non comecei a explorar como é debido até hai uns poucos meses.

O proxecto da Galipedia, ao estar desenvolvido nunha lingua minoritaria, tínguese, ao meu ver, dun cariz distinto. Mantén o tipo no que se refire ao aspecto cultural e sobe un banzo no que atinxe ao lingüístico. Unha teoría: namentres que o usuario medio da Wikipedia dunha lingua cun gran número de falantes (inglés, francés, ruso ou castelán) non termina de estar definido, na Galipedia penso que case si. Na Wikipedia española, por citar unha das grandes, calquera, nalgún momento, pode contribuír cunha liña, renomeando un ficheiro ou editando un parágrafo sen necesariamente ter que sentir un aprecio especial pola lingua na que se expresa e, para o caso, na que traballa ―porque, ao cabo, contribuír na Wikipedia é un traballiño non remunerado, algo , por certo, de igual ou maior vixencia fóra da rede―. No entanto, o perfil dun usuario da Galipedia, aínda que non chega a ser definido, si cando menos ten ese denominador común plasmado no interese pola lingua. Non hai, creo, ningún caso de alguén que escribise en galego sen ter unha filia coa lingua, e non obstante isto non acontece co inglés ou o francés. Eu, por exemplo, máis dunha vez fixen algún arranxo nas versións inglesa e francesa e non teño especial interese nin no inglés nin no francés. Son así de burricán.

Posta de relevo esta cuestión do interese pola lingua dos usuarios da Galipedia, chego por fin ao miolo do asunto: a mellora no manexo da lingua. É tremendamente útil colaborar con este proxecto de enciclopedia libre para quen teña a gramática oxidada ou non ben aprendida. Dirán os detractores desta obra singular: xa, pero ten fallos a varrer, ás veces non hai por onde collela. E non lles ha faltar razón. Porén, o tema dos fallos na escrita, no canto de restar, suma. Porque para os fallos existe un libro de estilo, un galizionario e mais non sei cantas outras argalladas ―amais, por suposto, da axuda desinteresada dos administradores e dos usuarios sen rango, da xente do común― que converten a corrección nunha aprendizaxe. Crear, editar, arranxar, corrixir, conversar e expor dúbidas son formas dun activismo lingüístico nada desprezábel que recomendo enerxicamente, sen reservas. Con absoluta franqueza digo que paga a pena mirar de facer algunha contribución a esta sorte de competición enciclopédica común que se cadra nun futuro se presentará como clave ―non é xa un referente?―. Así, por exemplo, disque o entenden os cataláns, pois o catalán é nada menos que a 15ª lingua da Wikipedia  en función do número de artigos. Esta na que escribo, por certo, está no posto 41º,  por riba do tai e por baixo do novo noruegués, unha posición que tampouco non é mala, pero que podería estar mellor.

Aqueles que xa son usuarios asiduos da Galipedia estarán xurando en arameo contra min por ter esquecido dicir tal cousa ou tal outra; polo si ou polo non, as miñas desculpas. Aqueles que non o son e que seguen enfrascados coas rifas das últimas leas políticas ―se non aburridas, abafantes―, que proben a menciña do activismo en rede, que lle acaroen unha nova lapela ao explorador e que se rexistren e comecen a esbardallar verbo do que mellor coñezan. Dano non lles ha facer.

4/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alejandro Tobar Salazar, nado en Lugo en 1983, reside na actualidade en Copenhaguen, Dinamarca. En 2008, a editorial Tristram publicoulle a que é até o de agora a súa única novela: Cremalleiras. Tamén ten no seu haber diferentes premios literarios. »



Anteriores...