Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alejandro Tobar

Jalikiya ou reino de León

11:09 10/09/2009

No transcurso deste pasado agosto soamente a novela Padres e Hijos de Iván Turguiéñef, que por riba era relectura, conseguiu atraparme con esa forza que se lle supón a pelotaris e mariños. Outras lecturas, como Anna (yo) Anna do prolífico autor dinamarqués Klaus Rifbjerg ou o éxito de vendas dun rapaz italiano da miña idade titulado La soledad de los números primos, apenas achegaron nada novo; sendo benévolo direi que contribuíron con ben pouquiña cousa. Minto, houbo outro libro de categoría: Xente no rodicio, relectura novamente, que tamén me apreixou cun vigor de culturista.

Así as cousas, o meu balance de novidades editoriais do mes de agosto foi, por así dicilo, simplón, nada do outro mundo. En troques, á altura de setembro na que estamos, xa podo afirmar que este mes vai ser destacado, porque, coma a Núñez Feijóo, que me dá a min que non pasou das cubertas, tamén a min me recomendaron un librazo deses que non se atopan todos os días: Otra idea de Galicia, de Miguel-Anxo Murado, ensaio.

Resúltame certamente tentador entregarme á análise e plasmar aquí algúns extractos do libro para deseguido colar, cun certo xeito, as notas e apuntamentos que fun labrando ao correr da lectura, pero ben mirado coido que non é tal o propósito que persigo. Sexa como for, o libro non ten desperdicio, non lle sobra unha liña, palabra, mais non serei eu quen se aventure a destacar unhas partes en detrimento doutras, xa que todas elas son dignas de reflexión. Por todo isto, conclúe aquí a brevísima referencia ás excelencias do libro de Murado, un deses galegos que me fai reafirmarme nas miñas conviccións, cando digo que «entre nós hai xente intelixente, moi capaz, concienciada, traballadora, etcétera, etcétera, etcétera... veña logo un couce ao pesimismo, que non leva a ningures». Non obstante, si quero coller prestado do seu libro un fragmento que me haberá valer como punto de apoio:


Era así como la veían también los musulmanes, que se referían a la parte cristiana de la Península invariablemente como Djalikiyah o al-Yalalika («Galicia»). Este topónimo, a pesar de ser bastante transparente, siempre ha resultado extrañamente difícil de traducir para algunos historiadores. Moyrata, en su Historia general de España, por ejemplo, lo convierte milagrosamente en «Cantabria». Gayangos, en su edición de las crónicas de al-Maccari, traduce «ardhu al-Jalalkah» («la tierra de los gallegos») por «Galicia y Asturias», mientras que para Lafuente «Jalikiya» es, no se sabe cómo, «Reino de León». Al-Maqqari, al-Himayavi, Ibn Khaldun, el Akhbar Machmua… No hay documento árabe que no hable de Galicia o los gallegos en vez del mítico «reino de Asturias».


E ben, pois ese reprochábel comportamento representado por boa parte dos historiadores da época non dista gran cousa do que se estila hoxe, e cando digo hoxe, digo onte, hoxe, mañá e pasado mañá. Así, aínda non pasaron corenta e oito horas des que se cuspiu a última ousadía tirada dunha desas ignorancias abisais que até se nos fan tenras polo que teñen de groseiro, cando despois dunha reprimenda histórica por parte do señor Barreiro, presidente da Real Academia Galega, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, houbo un milhomes, un de tantos, que saíu á palestra, motu proprio, e onde había vogais dixo ver consoantes e onde había consoantes dixo ver vogais, afirmando que Barreiro non pretendía amoestar a Feijóo e compañía senón que «por fuerza, el presidente de la Academia debe estar aludiendo al decreto que aprobó el Gobierno bipartito». En fin, cun panorama tal, non fai falla comer moito a cabeza para advertir que Otra mirada de Galicia aínda ten que chegar a moitos fogares, e non de fóra, senón do propio país.

4.08/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alejandro Tobar Salazar, nado en Lugo en 1983, reside na actualidade en Copenhaguen, Dinamarca. En 2008, a editorial Tristram publicoulle a que é até o de agora a súa única novela: Cremalleiras. Tamén ten no seu haber diferentes premios literarios. »



Anteriores...