Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alejandro Tobar

Disidencia e optimismo

09:35 16/06/2009

‘Resistencia non, disidencia; se resistes, perdes’, e ‘Non hai que estar enfronte, hai que estar a un lado’. Estas frases levan mes e medio roldando pola croquiña bulideira de Martin Pawley, ou iso dicía el nun artigo certeiro que asinou para o diario Xornal de Galicia. Fai ben en darlle voltas á cabeza. As frases teñen o seu aquel. Cómpre disentir no canto de resistir. Fundamentalmente, porque a resistencia, entendida como oposición ou como elemento de confrontación cun poder de facto, pouca ou ningunha posibilidade ten de saír airosa.

Todo o máis, o proceso exterminador dun grupo de resistencia pode bater con algúns atrancos e delongarse, mesmo secularmente; non obstante, é quimérico, utópico e estúpido convencerse da falacia que presupón que, dalgunha maneira, a resistencia conta con armas de seu para acadar algo máis ca o simple adiamento do proceso. Concretando: a cultura galega, ou indo ao celme, a lingua galega ―vehículo, corpo, esencia, fragrancia e único motor da Cultura(1) xerada en Galiza―, non debe seguir resistindo, senón que debe disentir, ás claras e sen fendas, fronte ao maltrato recibido. Non é cuestión de se atrincheirar en tropel nunhas poucas gabias, iso haino que ter moi presente; é cuestión de se cinguir a unha historia que avala, de saber espallar, por medio do convencemento, unha visión de noso cunha historiografía e uns referentes de noso, e de arramplar coas etiquetas que pesan coma menhires. Devagariño, e dosificando o tempo de lecer, malo será que non sexamos quen de levar a cabo estes propósitos tan básicos. Trátase, expuña Pawley, de entender que «é posíbel vencer a noción de sacrificio e de derrota que leva implícita a palabra resistencia para transformala en algo máis produtivo, xerador de contidos, ideas e proxectos máis alá daqueles que o poder é capaz de asumir». En chegando ao final apuntaba o columnista: «Internet xoga ao noso favor». Madía leva!

Alguén dubida do futuro da internet? Eu non. Polo de pronto, subscribo plenamente o dito por Pawley: a internet é nosa. E é nosa porque disentimos do modelo trampulleiro e corrupto do españolismo, e porque parvos non somos, malia que nos queiran tildar de tal. Sabémonos mover, e porque nos sabemos mover, axiña comprendimos que a internet é unha forma valiosísima de esquivar o estabelecido por ese poder de facto que nos asoballa ―nos últimos tempos mesmo prescindindo de carautas― cos seus complexos. Amais, a internet é unha vía fenomenal para falarmos en igualdade de condicións, disentindo e non resistindo, de podérmonos explicar, de expormos os nosos argumentos sen que sexan pasados polo filtro dun censor asalariado e polo xeral incapaz de facer ren que non sexa un rañaceos no centro de Sanxenxo ou de Foz ou de Arca, no concello do Pino. E alén da Internet, dominamos amplamente no plano intelectual, ou é que alguén pensaba que o plano intelectual está representado por Santiago Rey, ese editor independente amante da liberdade e galeguista de pro? Home, por favor, sentidiño. E os escritores, temos uns escritores magníficos, de primeira, por moito que dende ámbitos reaccionarios e patéticos se promova reiteradamente a vil mentira de que a nosa é unha literatura subvencionada, como denunciou valentemente hai uns días Fernández Paz no seu acaído discurso dos Premio Xerais. E moitos outros campos hai nos que a nosa cultura despunta e dos que eu apenas entendo. De veras, hainos a varrer. Por iso, cómpre disentir dende unha posición de noso, paralela, nada de resistir estoicamente, confrontados, porque capacidade para argumentar temos abondo e é un suicidio colocar a defensa repregada no campo da manipulación, onde o poder de facto xoga de local, con soltura, mesmo fachenda, e ten o acubillo dun público que aplaude cada sachada e quita o sombreiro no caso de se producir unha lesión ao rival.

Xa para rematar, ao dito por Pawley póñolle eu un enfeite: disentir rebordando optimismo(2). Meigas fóra! Entre nós hai xente intelixente, moi capaz, concienciada, traballadora, etcétera, etcétera, etcétera... veña logo un couce ao pesimismo, que non leva a ningures.

Notas:
(1) Cultura, segundo o Dicionario Cumio, é o «conxunto de costumes, coñecementos e graos de desenvolvemento artístico, científico, etcétera, nunha época ou grupo social».
(2)Ollo, o optimismo non é autocompracencia.

4.24/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alejandro Tobar Salazar, nado en Lugo en 1983, reside na actualidade en Copenhaguen, Dinamarca. En 2008, a editorial Tristram publicoulle a que é até o de agora a súa única novela: Cremalleiras. Tamén ten no seu haber diferentes premios literarios. »



Anteriores...