Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Moncho Reboiras

14:00 11/08/2009

Vén de saír un libro sobre esta icona do firmamento nacionalista que cada 12 de agosto convoca en Imo e Ferrol aos romeiros da súa causa para prolongar a súa existencia nos himnos, discursos e consignas que teñen lugar na súa lembranza. Mais a verdade é que moitos dos asistentes nunca o coñeceron e algúns nin sequera tiñan nacido cando foi asasinado, polo que esta publicación con máis de 25 testemuños de persoas que compartiron con el trincheira convertese nunha ferramenta imprescindible para dar conta de nós e non só del. Cada quen desde a súa óptica, todos achegan contribucións indispensábeis para recompoñer as circunstancias á altura das cales estivo este mozo que con 25 anos deu a vida polo seu país.

O Estado Español, a través da Delegación do Goberno, tamén se sumou finalmente ao recoñecemento desta vítima do franquismo virando a postura que inicialmente mantivo de xustificación da execución deste militante nacionalista e a persecución dos que divulgaran a verdade, isto é, a unívoca lectura posible do tiro na caluga: Lembremos o xuízo contra o historiador Francisco Carballo por denominar asasinato a este feito. Algo temos avanzado nese e noutros aspectos entre outras cousas grazas ao sacrificio dunha xeración sobre a que nos erguemos e que non acabamos de valorar dabondo.

Con todo máis alá do relato dos feitos que dan conta da grandeza da persoa real que mesmo é superior á do mito, é interesante contrastar a situación actual na que a postpolítica coloniza as conciencias presentando a colaboración entre tecnócratas ilustrados como alternativa as visións ideolóxicas globais encarnadas polos distintos partidos que compiten polo poder. Non é por nostalxia que un se debe colocar diante do espello dunha época na que un conflito local e sectorial se conseguía elevar ao plano da confrontación universal (Baldaio, as Encrobas, Castrelo de Miño...) É útil mirar atrás para entender o presente porque daquela as cousas estaban máis claras e o intento do poder de que a “queixa” quedara só nun feito puntual que non supuxese un desafío ao grupo dominante era tan evidente que non colaba para ninguén, agora, en cambio, no medio da confusión reinante, son precisamente algúns supostos alternativos os que sosteñen a renuncia a substituír aos empoleirados nos aparellos do Estado pois para eles iso tanto ten (“goberne quen goberne...”), o prioritario é a reivindicación particular e calquera asociación política con siglas é satanizada como traizón aos afectados, á xente comúns. En definitiva a postpolítica está a trunfar no que fracasou o franquismo, isto é, que cada quen asuma o lugar que lle corresponda na orde social desigual pois mesmo as vítimas desta orde teñen un tratamento específico de “especial protección” que se implementará canto máis se asuma ese rol de vítimas.

Nostalxia? Non é o momento de analizar a domesticación da mocidade actual, nin sequera imos parar cos que a ocultan baixo un radicalismo que os coloca fóra dos auténticos confrontos políticos e sindicais do momento para sublimarse no desafogo verbal. Claro que hai algo de nostalxia daqueles 16 anos cos que era detida Marisol ou os poucos máis dos que sostiñan sobre os ombreiros a responsabilidade de sentar as bases do futuro da súa Terra ocupando a primeira liña de fogo como é o caso de Moncho. Mais o que se bota de menos non é tanto o activismo como a preocupación teórica para non dar paus de cego. Non deixa de chocar a imaxe que nos fomos facendo deste combatente ca que presenta Saleta cando o lembra deitado na alfombra da súa casa de Monforte devorando toda clase de libros ou tamén a admiración que gardaba este “obreirista” por un Otero Pedrayo ao cal visitaba para escoitar del consello, obter información e fornecerse de formación, tal como nos relata Manolo de Remesar.

Moncho un intelectual? Hoxe renxe isto por que case lograron extirpar estas preocupacións teóricas do conxunto da sociedade para supoñerllas soamente a aqueles que viven delas. Mais daquela abundaban os seminarios, as conferencias, as lecturas e non só as prácticas de tiro ou as pintadas e a distribución de panfletos. Idioloxísmo? Quizais, cando menos ideoloxía. Dogmatismo? Pode, máis fronte a iso era posible a transgresión e a heterodoxia e non como agora que a disidencia é a norma de tal xeito que a única maneira -lamentable por certo- de ir contra corrente é ser  “oficialista”. Libros sagrados, guía de boas lecturas? Cal é o problema, cando menos sabíase a quen había que refutar.

Agora, anos despois de ter publicado Zizek “Defensa da intolerancia”, desmontando a doutrina multicultural dominante, topamos que moitos seguen a soster os mesmos argumentos que este autor esolevenio rebateu porque simplemente non o coñecen. Cando deberamos estar replicando a Zizek nos seus erros (como fai Claudia Cinatti), aínda temos, máis unha vez, que volver a porfiar en que se estude. Do mesmo xeito chamamos a ler este libro pois hai quen xulga trabucada a estratexia nacionalista dos 70 sen coñecela, e quizais á luz desta lectura, alguén se sorprenda e alcance a ver que nalgunha cousa acertaron e grazas a iso chegamos até aquí e, xa que logo, non sobraba telo en conta a hora de avaliar as equivocacións do presente de cara a seguir avanzando. Non é que se vaia topar neste ou noutro texto as receitas para saír do “desconcerto” actual mais compre reivindicar a teoría, tal como está o panorama, podemos mesmo dicir que calquera, pois como dicía Foucault: toda teoría vai contra o poder, ou por dicilo doutro xeito, a ausencia de ideoloxía e a despolitización é a doutrina dos abusos arbitrarios, da desigualdade inxustificable e da dominación pola forza.

3.98/5 (80 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...