Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

Pepe Mujica será presidente do Uruguai

12:42 13/10/2009

“Se declara a don José Artigas infame, privado de sus empleos, fuera de la Ley y enemigo de la Patria”
[Art.1º do Decreto asinado polo Director Supremo das Provincias Unidas do Río da Prata, Gervasio Antonio Posadas, o 11 de febreiro de 1814]

En outubro de 1811 na actual República Oriental do Uruguai tiveron lugar dous feitos que son únicos na historia das loitas independentistas en América. Estamos afeitos a ler sobre as batallas de dous libertadores moi coñecidos [Bolívar e San Martín] esquecendo ao máis progresista de todos que foi sen dúbida o inesquecible fundador don Xosé Xervasio Artigas Arnal [1764-1850]. Os que pasamos pola escola uruguaia enchíamos o peito de orgullo para que saíse das cordas vocais un forte e sonoro: Artigas!

Hai 198 anos naquela pequena vila colonial que era Montevideo houbo dúas asembleas populares moi singulares. Unha foi o 10 de outubro na “Quinta de la Paraguaya” e a outra o 23 no “Paso de la Arena”. Pódese investigar nas outras repúblicas americanas pero sen atopar nada semellante. As dúas reunións son ao meu entender un referente para a comprensión da actual realidade social uruguaia. As xuntanzas son unha marca de identidade que diferencia ao noso prezado Artigas de calquera outro emancipador.
  
O domingo 25 de outubro hai cita coas urnas e o meu candidato chámase Xosé Mujica Cordano [Pepe Mujica para todas e todos]. Se puidera achegarme ata meu querido Montevideo collería ben forte a Credencial Cívica [Serie BNA Nº 35011] para achegarme ao lugar de votación do meu barrio. Poida que o lugar siga sendo na escola pública da rúa Margarita Uriarte de Herrera [en recordo da avoa do candidato do Partido Nacional]. Iría cedo polo mañá para logo poder seguir o proceso electoral no centro da capital xunto ao meu amigo Horacio Pablo, un esforzado frenteamplista que milita nas ringleiras do Movemento de Participación Popular. Para os que o queiran saber direi que dentro do sobre de votación poñería unha papeleta da lista 609.
 
Dixen o de ir cedo porque quero atoparme coa emigrante galega Balbina Barreira Cousillas [Canduas-Cabana de Bergantiños] e coa súa filla uruguaia Raquel. Sei que o domingo electoral dona Balbina estará en pé antes das oito da mañá. Non sae da casa sen estar ben peiteada. Cos seus recén cumpridos 103 anos quere votar por Mujica para que o país non deixe de avanzar. Supón que cando sexa presidente fará unha viaxe a Galicia e quere pedirlle que vaia pola súa aldea de Rebordelo. Está convencida de que a forza da paisaxe fará que novo mandatario reflexione sobre un certo paralelismo entre a emigración galega e a artiguista das 1500 familias que cruzaron o río naquel éxodo popular de nobres patriotas [“La Redota”].

    Tamén en Galicia hai frenteamplistas que empurran con ánimo para que o Uruguai manteña as conquistas do goberno de Tabaré Vázquez. Foron moitas e recoñecidas polos organismos internacionais de crédito. Quero facer fincapé en que ademais da suba do salario mínimo e das pensións e das asignacións familiares houbo un éxito social en proxectos pioneiros no ensino e na saúde. Foi o primeiro país non desenvolvido en repartir de balde 300.000 ordenadores portátiles aos escolares da ensinanza primaria. En colaboración coas autoridades sanitarias cubanas levouse adiante un exitoso programa de intervencións cirúrxicas nos ollos de máis de 12.000 cidadáns. Antes para unha sinxela operación de “cataratas” había que quitar do peto arredor de 4.000 dólares xa que o sistema público non cubría este tipo de intervencións. O triste e insolidario espectáculo dérono un grupo de oftalmólogos que denunciaron nos tribunais de xustiza aos solidarios profesionais cubanos por intrusismo profesional. A reclamación non prosperou pero define un pouco que as cousas están mudando.

    O sábado 3 de outubro tivo lugar en Vigo a pre-estrea da obra teatral de Mario Benedetti “Pedro y el capitán”. A montaxe é unha producción do Centro Uruguayo de Madrid e sobre todo un empeño persoal do meu amigo Juan Sotelo de Brun [Juancito de Aires Puros]. O drama que escribiu Benedetti en 1979 é unha denuncia contra da tortura e un canto aos ideais dun mozo que cae baixo as gadoupas dun réxime dictatorial. A representación foi moi aplaudida polos presentes, arredor de 100 persoas nunha noite de moita chuvia, que premiaron o excelente traballo actoral de Ernesto Navia e Antonio Pazos. Moi boa tamén a dirección de Lucila Maquieira que non deixa que o diálogo entre víctima e verdugo perda ritmo dramático. Cando se acenderon as luces a presidenta da asociación Uruguayos por el mundo de Vigo, Ivone Rodríguez Castro, chamou a Juan para que dixese unhas palabriñas. Pouco puido falar. A emoción non o deixaba pero con bágoas nos ollos pediu o voto o 25 de outubro para derrogar a lei que deixou na impunidade aos represores que entre 1970 e 1980 foron responsables da violación dos dereitos humanos no Uruguai. Foi o gran filósofo suizo Carl Jung [1875-1961] o que escribiu que o home sabio non se convirte en torturador xa que polo xeral é o torturado o que se convirte en torturador. O bo e xeneroso Pepe foi fondamente torturado polos milicos e estivo anos incomunicado pero sendo parte do grupo de homes sabios dos que fala Jung está vacinado contra calquera ambición ou tentación de poder.

    Con dona Balbina en Montevideo e con Juan en Madrid subimos ao carro de Pepe Mujica xunto cos emigrantes-inmigrantes para andar xuntos o camiño do futuro. Os blancolorados non falan da emigración. Son fondamente insolidarios e non queren establecer o voto por correo dos uruguaios no exterior. Mentras eles esquecen aos de fóra o Frente Amplio lévaos no corazón. Cando Pepe Mujica sexa presidente comezará a estudar  e reflexionar sobre o tema do retorno xa que haberá que fortalecer e dinamizar as oficinas consulares para que sexan activas fomentadoras da identidade nacional. Haberá tamén programas de colaboración cultural coas asociacións de emigrantes para que cando Daniel Viglietti ou Cristina Fernández viaxen o fagan coa maior rendibilidade.  Un saúdo garimoso para o próximo presidente uruguaio que espero escoite o meu lonxano berro de Forza Pepe!     

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...