Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME "DESTRUCIÓN A TODA COSTA" 2006

Greenpeace advirte que o urbanismo "sen control" é unha "constante" no litoral galego

Hai un ano que Greenpeace publicaba o seu anterior informe sobre a situación das costas estatais, onde cualificaba á Xunta de Galiza coma "un dos principais axentes de degradación". O estudo deste ano, identifica medio cento de puntos negros e volve subliñar as principais eivas do noso litoral e advirte que trinta municipios aumentaron en pouco tempo a súa edificabilidade nun 100% e unha ducia mesmo supera o 200%: A Illa de Arousa, Meaño, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Mugardos, Sada, Ortigueira e Pontedeume. O colectivo ecoloxista chama ao novo goberno a acelerar os plans contra o caos urbanístico e advirte tamén da outra gran materia pendente, a normativa europea de depuración de augas residuais, que Galiza incumpre "até límites intolerábeis".

- 12:50 04/07/2006
Tags:

"Galiza debe rematar co caos urbanístico que impera na súa costa sen substituílo pola masificación, cuestión complicada á vista da situación actual, onde non se respectan nin os treitos de litoral que foron protexidos", denuncia o informe "Destrución a toda costa 2006". Greenpeace reparou especialmente nos polémicos proxectos de acuicultura, lembrando que o anterior goberno triplicou as instalacións actuais abrindo os proxectos a espazos naturais protexidos. Así e gabando que a Xunta se comprometese agora a revisar esas iniciativas empresariais, subliñan que ao executivo galego lle corresponde "a obriga e o deber de converter estes espazos protexidos en fonte de riqueza para os veciños" e subliñan criticamente que sexa xustamente a piscifactoría de Acuinor SL, no lugar de Rinlo, en Ribadeo, un dos que non se vai revisar. Lembran os ecoloxistas que ese proxecto, que lle afecta ao contorno d'As Catedrais, declarado Lugar de Interés Comunitario, está promovido en predios vendidos co aval do goberno Fraga a un euro o metro cadrado para un proxecto empresarial dunha sociedade da que é xerente "Ramón Alvarez-Cascos, primo segundo do ex ministro de Fomento".

Fronte á "marbellización"
No mesmo sentido, Greenpeace faise eco tamén da popularización en Galiza da expresión "marbellización", como definición ao xeito para a "saturación urbanística que ameaza con desintegrar os seus valores e riquezas naturais".

O informe denuncia en Galiza as previsións de construción de 17 campos de golf, 24 portos deportivos e 283 mil vivendas, cálculo que este último que outros informes duplican e que na opinión dos ecoloxistas "ameaza con redebuzar con ladrillos e cemento até 1.200 dos 1.720 km de costa galega". Greenpeace pide unha moratoria urxente sobre os planos urbanísticos advertindo que fronte ao anuncio das novas normas para a ordenación prometidas polo executivo os promotores aproveitan para acelerar aínda máis a construción aproveitando as normas antigas.

Modelos onde mirar
A nivel estatal, Greenpeace debuxa un escenario desacougante que ben poden resumir as principais cifras escolmadas nos últimos doce meses: preto de 1.5 millóns de novas vivendas, 303 novos campos de golf, unha suma de 102 casos de corrupción urbanísticas investigados xunto con sentenzas contrarias á urbanización, 116 novos portos deportivos ou ampliacións destes con capacidade para 42 mil embarcacións e 99 localidades costeiras con vertidos contaminantes. De xeito xeral, oa asociación láiase da falta de acción política para protexer de forma efectiva o litoral.

A Comunidade Valenciana e Andalucía aparecen na cima da lista dos territorios onde máis agresións ao litoral se rexistran, seguidas de Murcia, caracterizada segundo Greenpeace por unha especial falta de respecto das súas administracións cara ás áreas naturais protexidas. Por tras destas aparece xa Galiza, cun crecente número de ataques ás súas costas. Da outra beira, segundo os ecoloxistas chaman ao optimismo a evolución en Cataluña e Euscadi, que alén de rexistrar menos ameazas son louvadas desde o colectivo pola introdución nas súas lexislacións de medidas de protección das costas. Tamén Asturias é destacada, non só por detectárense menos puntos negros nas súas costas, senón tamén por estar en proceso de investigación xudicial un amplo número de infraccións.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: