Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ITINERARIO LITERARIO: BARCELONA NA LITERATURA GALEGA

María do Cebreiro: "O Barrio das chinesas"

Encetamos este itinerario literario cun poema da recoñecida poeta galega María do Cebreiro, que ten unha especial vinculación na cidade, onde residiu, e guiados polo comentario elaborado por Fina Iglesias.

Fina Iglesias - 22:34 25/02/2007

Biografía da autora

María do Cebreiro naceu en Santiago de Compostela en 1976. Filla de poetas e neta e irmá de músicos, é unha das figuras máis salientables das chamadas "novas poetas galegas".

O estadío do espello (1998) , (nós, as inadaptadas) (2002, Accésit do XXI Premio Esquío de Poesia en lingua galega), Non queres que o poema te coñeza (2004, Premio Caixanova/Pen Clube de Galicia) e O barrio das chinesas (2005) constitúen polo momento a súa obra poética.

Damas negras: música e poesía cantada por mulleres (2002) é unha incursión no mundo da música e da tradución no que verteu ao galego cancións e versos de mulleres coma Aretha Franklin, Janis Joplin, Ella Fitzgerald, Sade e Tina Turner, entre outras.

Cómpre destacar tamén a faceta de investigadora literaria: As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña: representación poética e ficción lóxica (2004, Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica e a publicación froito da súa tese de doutoramento) e As terceiras mulleres (2005).

María coñece moi ben Barcelona. Viviu uns anos na Cidade Condal e foi bolseira da Fundación Caixa de Galicia no Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona. Dunha charla nas aulas da UB lembro o seu sorriso franco, a súa sinxeleza cando nos falar dos seus poemas, da dificultade da tradución e do que esta pode aportar ao escritor como enriquecemento da súa propia linguaxe, nunha clara referencia ao seu traballo Damas negras.

Na actualidade, María do Cebreiro é profesora do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

Comentario do texto

O poema que reproducimos é o que da nome ao seu último libro: "O barrio das chinesas", publicado na colección "Poeta en Compostela" editada de xeito conxunto polo grupo Correo Galego e mais o Concello da cidade compostelá. Un feixe de poemas que da comezo cunha homenaxe a Xohana Torres e nos que atopamos os barrios das cidades do corazón, La Habana, Nova York, Barcelona, Santiago, nun percorrido xeográfico e social polos arrabaldes, partindo do chamado barrio chinés de Barcelona, como exemplos de mestura e multiculturalidade.

Fina Iglesias

[Fotos ilustrativas do texto na Galería Fotográfica. Ligazón baixo o texto.]
---

O BARRIO DAS CHINESAS

1. Cables de alta tensión

Pasaba por alí, como se o meu camiño
che puidese servir.
Un arame enroscado
para honrar o teu nome sen espiñas.

Sempre diante o apelido do que pon a semente,
aínda que despois marche.

Esas mulleres todas terán fillos,
máis pestanas ca min, tamén máis longas,
ollos máis escuros.
Nos seus bolsos de plástico
non cabe este solpor, pero furados si
dentro de servilletas,
e papeis que parecen envolver caramelos,
e medias de truel por se as lisas racharan,
que a rede nunca é forma
senón tamén problema
(arañas devorando labirintos,
homes-mosca provistos
dun líquido que fede:
tinta fresca).

Cando cheguen a casa
a quén lle pedirán o sal iodado,
cómo o irán disolvendo a presadiñas
nos baldes da auga quente,
única rendención posíbel para os pés.
Repouso das guerreiras, vicio
das bailarinas.

2. A rúa, os accidentes

E se as chinesas nunca foron nós,
pregúntome por que podemos velas.

Cando cheguei alí quixen falarlles:
ónde gardades vós
os restos do pracer
que exhibides agora
en fume de carozo,
espidas como signos.

Só quixera atrapar ao voo todo ese lume
co meu pano chinés de cazar
bolboretas,
determe xusto onde elas se colocan
e un día simplemente ser de alí,
compararme con elas.

Máis breve en estatura,
non en síntomas.

Polas rúas molladas (Joaquín Costa, Pombal)
hai tan poucas estrelas como cifras.
O camiño é moi longo. Cada stop
é un sinal de parada con cara de muller.

Lembras aquela vez
que un coche se detivo cabo das miñas pernas
crendo que era unha delas.
Lembras que cho contei,
andaba cara a ti e o do coche pensou
que era unha delas.

3. O pano

A súa pel, escura e varios graos máis fría
que a que eu che levo envolta
en papel de regalo.

Calquera escusa vale,
meu amor,
para mercar na rúa un antifaz
e ir visitarte alí,
tan soa entre as chinesas.

Nas orientais a raza ten moi pouco que ver
con nada do que manca ou do que importa.

O relevante, aquí, é que foron súas nais
as que empuñaron armas.
Case sempre o coitelo, que é bo para extraccións,
collido polo mango da cultura
que as converte en escravas do metal:
furados recortados, pés pequenos,
obra mestra das nais, das menciñeiras.

Cando pasan por ti, dime qué pensas.
Dime qué pensas cando así te miran:
rimmel do día despois
ou do día antes, gloss como po de estrelas,
sexo de anxos caídos, rosas murchas nos beizos,
a aurora sanguinaria loitando contra a fronte,
saudando na punta do nariz,
invadindo o queixelo en vertical.

Luz do cenit que cae como a chuvia en Santiago
cando as almas luídas se decatan
de que foron roubadas polo ceo
(nos altos falta a auga,
dalgún xeito habería
que darlles de beber ás nabarquelas).
Entón foi cando vimos a esa drag vomitando en
tacóns contra a farola
libre como só poden os que saben de danos:
a luz toda na punta,
e escamas de metal verde esperanza.

Cremos que estaban dando pola tele, e a nós alí,
con ela,
tan verdadeira a noite
como o peor dos nosos pesadelos.

Pero sempre exacula a madrugada, e ata os máis
parvos saben
que o polen das cidades
adoita ser de baixa calidade:
esbrancuxado, aciago
para inseminar
eugas.

Tamén veos que as bocas nos taparon, panos de
atar cabelos,
cárceres para os ollos máis locuaces.

Pero en toda prisión
hai unha reixa,
e en toda reixa hai fendas.

María do Cebreiro

---

MARÍA DO CEBREIRO, O Barrio das chinesas, Santiago de Compostela, Concellería de Cultura, 2005.


Ligazóns

1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: