Esta semana, o centro social A Revolta, de Vigo, acolle a proxección de dous documentais en torno aos espazos da cidade. O mércores 28 de febreiro ás 20.30 poderemos ver A cidade perdida, e o xoves 1 de marzo, á mesma hora, Un metro cadrado. A perda do patrimonio arquitectónico, as dificultades da cidadanía para acceder a unha vivenda digna e o abandono das zonas vellas das cidades son filmados polas cámaras de Miguel Romero e Beatriz Vázquez.
A cidade perdida e Un metro cadrado denuncian a situación de abandono e indefensión do patrimonio arquitectónico vigués. O primeiro dos filmes está guionizado, dirixido e producido por Miguel A. Romero, coa axuda de Beatriz Vázquez, Natalia Morales na iluminación e Alberto Castro en Son. Nel poderemos escoitar o testemuño de Celestino Garcia Braña, Presidente do COAG, Xosé Luís Varela Alén, arquitecto e autor d'O racionalismo arquitectónico en Vigo, Donald Hyslop, Director de Comunicación da Tate Modern de Londres, Richard Tracey, Director de Comunicación da Central de Battersea de Londres, ou Ramón Fernández Durán, escritor e menbro de Ecoloxistas en acción, ademais da arquitecta Elena Parajo e o historiador Xose Carlos Rivas.
Un metro cadrado trata sobre as dificultades de acceso á vivenda e as alternativas e protestas cidadás. Dirixe Beatriz Vázquez Campaña, con Miguel Romero como axudante, Mónica Camba Álvarez e Diego Pazó Rodríguez ás cámaras, Fernando Vázquez Bascoy na produción executiva e Jorge Rodríguez Soto na postprodución de son. A ocupación do espazo público é a saída para moita xente: dende unha casa okupa falan Rocío Serrano Olmedo e Luis González Buenaga, dende as chozas, Tora Raberg, Paula Luis González, Ana Valevona e Cloe, e dende as balas de palla, César Lema Costas. Nos colectores, Rafael Otero Novio, dende Vivenda Digna:, Rafael Corralés, e dende Provivenda, Javier Oliver Gómez.