O venres 9 cúmprense cinco anos do pasamento de Carlos Casares. Para lembrar a súa figura de escritor, contertulio e mesmo referente moral, o blog As uvas na solaina, de Marcos Valcárcel, faille un chamamento a todo o blogomillo.
Convocatoria no blog
Os galegos, de nacemento e de corazón, de todo o mundo, que teñan unha bitácora e que o desexen poden deixar o venres un pequeno texto de homenaxe que lembre a obra e a personalidade de Carlos Casares. Segundo o promotor da idea, a columna que escribía a diario Casares en La Voz de Galicia foi precursora dos actuais blogs e mesmo recibía comentarios dos lectores.
Tamén lembra o autor d'As uvas na solaina que o escritor nado en Xinzo de Limia era un apaixonado dos trebellos, das novas tecnoloxías e do mundo da internet.
Graciñas por recoller a convocatoria. Xa son moitas as bitácoras que amosaron o seu apoio á idea e que o venres 9 de marzo levarán ós seus blogs a lembranza de Carlos Casares (algunha xa o fixo, como Brétemas). Carlos estaría encantado de andar por estes mundiños virtuais e ser relembrado así por tantos amigos e lectores e lectoras.