Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
Yolanda Castaño, poeta

"Levo dez anos sen escribir un só poema erótico"

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) escriba e presenta na TVG. Interésalle o diálogo da poesía con outras artes e ámbitos. Vén de saír a tradución castelá d’O libro da egoísta. Unha entrevista de Diego Ameixeiras con fotografías de Pedro Castro.

Redacción - 07:00 08/03/2007
Yolanda Castaño

Yolanda Castaño

Nunha ocasión dixo que non tiña que pedir perdón pola súa imaxe. Que opina do feísmo arquitectónico?
Que a algún había que pedirlle por favor que recebase o “ghalpón”. En todo caso, facer bandeira dunha cuestión tan puramente accidental non me parece moi desexable.

Ana María Ríos ou Marta Rivera de la Cruz?
Valen Álvaro Pombo e as ostras de Arcade? A Marta recomendaríalle que non tratase de xogar tan a dúas bandas. E, de paso, que retocase un pouquiño as cellas.

Iggy Pop sempre convida á xente a subir ao escenario e acaban todos cantando “The passenger” entre gardas de seguridade. Convidaría vostede a un fan a recitar os seus versos en público, ou pode resultar perigoso?
É que non creo que alguén se saiba os meus versos.

Carlos Aymerich non é o mellor humorista do BNG, pero o flamenco faille lembrar a “España de charanga e pandeireta”. Que pensa vostede?
Penso no lamentable que sería chamarlle a Andrés Dobarro “gallego paleto”. Entre as “churras” e as ” merinas” non nos damos aclarado…

En Cifras e Letras sempre atopa a palabra axeitada para todo. Ocórrelle o mesmo nos bares, cando a xente vai lastrada por euforizantes?
Non, hai veces que atopo máis palabrotas ca palabras.

Un rapaz de 18 anos díxome que non coñecía os Rage Against The Machine. Cre que a mocidade galega vive de costas á tradición?
A min un de 16 díxome que iso de “fanzine” non lle soaba… Convénzome de que estou maior cando sinto que empezo a escandalizarme destas cousas. Eles saberán.

O sufrido landismo español explorou as precariedades sexuais de toda unha xeración. O Yo-landismo poético, dende unhas coordenadas antagónicas, tamén aloxa unha carga erótica considerable, non?
Levo 10 anos sen escribir un só poema que roce a temática erótica (10! que se di axiña!). Pero claro, a xente é tan preguiceiriña e os cadradiños tan cómodos…!

Publicar O libro da egoísta en castelán ábrelle as portas doutro mercado literario. Estará contenta.
Máis contenta levo dende que –bastante antes- fun tendo a sorte de funcionar a nivel estatal escribindo e recitando en galego. Fóra trátaseme cun desprexuízo que, para que negalo, faise moi agradable. Pero claro, calquera tradución é moi boa cousa.

Entrevista publicada na edición impresa de TEMPOS Novos (febreiro de 2007, nº 117)


3,33/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: