Os dous partidos deberán de chegar a un acordo de goberno denantes do 26 de marzo, se non queren ver suspendida definitivamente a autonomía en Irlanda do Norte. A alianza semella moi difícil.
Os unionistas (Democratic Unionist Party) do reverendo Ian Paisley e o Sinn Féin de Martin McGuinness confírmanse como as dúas principais forzas políticas en Irlanda do Norte, logo do reconto final de papeletas da votación para elixir a Asemblea lexislativa de Belfast.
O escrutinio final coñeceuse no serán da sexta feira. O DUP acadou un excelente resultado ao se facer con 36 deputados, seis máis dos que tiña, co 30,1% dos votos (207.721). O Sinn Féin levou o 26,2% (180.573), o que lle supón 28 asentos da cámara, catro máis que nas anteriores eleccións. A Asemblea do Ulster está formada por 108 representantes.
O gran prexudicado foi o moderado Partido Unionista do Ulster, UUP, que perdeu nove deputados e fica con 18. Outras formacións que acadaron representación foron os nacionalistas socialdemócratas do SDLP (16 deputados), os non-sectarios do AP (7), os verdes do Green Party (1) e os unionistas de esquerdas do PUP (1).
26 de marzo, data límite
Os dirixentes do DUP e do Sinn Féin, que atesouran máis da metade dos votos da rexión e distanciados de xeito considerábel do resto de partidos, deberán de chegar a un acordo de goberno antes do 26 de marzo.
Esta é a data límite estabelecida polas autoridades británicas, que de non se cumprir provocaría a suspensión definitiva da autonomía en Irlanda do Norte. Os executivos inglés e irlandés asumirían conxuntamente a súa tutela de chegar o caso, situación hipotética que, se agarda, impulse a negociación.
Asúmese, ademais, que a boa actuación dos unionistas radicais axude a que os de Paisley opten por forzar o acordo mais que por levar a cabo unha táctica de delación.
Porén, tras se coñecer os primeiros resultados, o líder unionista mantiña a súa actitude de non negociar co seu potencial compañeiro de coalición Martin McGuinness, do que dixo que "cómpre que se converta á democracia".
Foto de lewishamdreamer
Tanto como empate técnico non diría. Hai catro puntos de diferencia en porcentaxe de voto a favor dos unionistas, e as previsións conforme os datos actuais falan dunha distancia final de sete deputados (38 a 31). Nun contorno de 108 é bastante.
Ademais, a suba do DUP é maior cá do Sinn Féin.
Como actualizastes a noticia o meu comentario queda un pouco estraño. Agora só vos queda actualizar as gráficas e. Un par de apuntamentos máis: por primeira vez hai un representante dos Verdes, o megasuperradical unionista UKUP desaparece da Asemblea Lexislativa, os liberais da Alianza (a única forza grande que acolle a católicos e protestantes) subiron tamén, e só quedan 4 circunscricións sen respresentación do SinnFéin por só unha sen o DUP. É dicir, estas dúas forzas medran ao alto, pero tamén ao largo.