O edificio no que naceu hai 312 anos o ilustrado foi derruído con vistas a unha reconstrución, pero esta segue pendente.
A Casa de Martín Sarmiento, e o solar no que se prevé construír
O 18 de maio fanse cinco anos da sinatura do acordo que comprometía á Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León a reconstruír a Casa Natal de Frei Martín Sarmiento, onde o pedagogo naceu hai 312 anos. O 9 de marzo comezou unha campaña esixindo o cumprimento do acordo de reconstrución: foi asinado polos presidentes Fraga e Herrera no ano 2002, cando o Día das Letras lle foi dedicado a Sarmiento, polo que foi tamén celebrado en Vilafranca.
Daquela Vieiros puxera en marcha unha recollida de sinaturas con Sarmiento como protagonista, que contribuíu a facer posíbel que a RAG saíse fóra das fronteiras administrativas para celebrar o Día das Letras. O Presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro, lembrou este ano en Ponferrada no acto de entrega dos Premios Xarmenta, a necesidade de reconstrución da Casa de Sarmiento.
Os prazos de execución do acordo están xa superados, pero non o acordo en si. Dende o goberno local de Vilafranca estase a denunciar o desinterese da Xunta de Castela e León no tema. Pola súa parte, a Xunta de Galicia derruíu o edificio orixinal sen garantías dunha reconstrución inmediata, e remitiu o proxecto para a Nova Casa en decembro do 2002 ao goberno de Castela e León. Mais este non licitou as obras a día de hoxe. Na construción, a Xunta de Galicia comprometeuse a pagar até o 50% do custe total.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento naceu tamén á calor do Día das Letras en honor de Pedro Xosé García Balboa, o Padre Martín Sarmiento para estudar e dar a coñecer a súa vida e obra, pero especialmente para poñer en práctica o seu “modus operandi”, o ideario que o levou a ser un contundente defensor e coñecedor do noso patrimonio, dende a Historia, a Arte e a Arqueoloxía ata a Natureza, a Literatura e a cultura inmaterial sen esquecer a lingua. Levan cinco anos desenvolvendo parcialmente un Proxecto que leva o nome do ilustrado galego-berciano, pero para que tome corpo precisa da reconstrución da Casa Natal, unha infraestrutura museística e/ou turística. Algunhas das iniciativas que se veñen realizando son, por exemplo, os intercambios escolares 'Martín Sarmiento' entre escolares de Vilafranca e do Bierzo con centros educativos de Primaria e Secundaria de Pontevedra, a outra vila de Sarmiento. Corenta estudantes de galego dos centros escolares de Vilafranca, Cacabelos e Corullón viaxaron a Pontevedra, acompañados do seu profesorado, o pasado día 1 e 2 de marzo. Agora esperan a visita do alumnado pontevedrés a Vilafranca e ao Bierzo a finais do presente mes.