Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A METADE DA PROGRAMACIÓN DEBE SER EN GALEGO

Os concellos 'esquecen' as TDTs polas que rifan os empresarios

O director de Comunicación AA.VV, Manuel Fernández, di que a cantidade de municipios dispostos a lanzar a emisora á que teñen dereito “é moi limitada”.

Redacción - 17:36 15/03/2007
Manuel Fernández

Manuel Fernández

Fernández defende que os recursos interpostos polas empresas que quedaron sen licenza de TDT local non atrasarán, na “maioría dos casos”, o lanzamento das novas televisións dixitais locais, que deberían comezar a emitir o ano que vén. Varios empresarios que teñen agora televisións locais analóxicas recorreron a adxudicación das novas canles ao quedaren excluídos.

En contraste co empeño dos empresarios por facerse cunha canle TDT, os concellos -que por lei teñen dereito a unha emisora propia- parecen que non están interesados en aproveitar esta oportunidade e crear medios públicos, segundo se desprende dunha entrevista co portal do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información.

Como vai o despregamento das infraestruturas das canles de TDT de ámbito galego?
Estamos bastantes avanzados, un ano por diante dos requisitos do plan estatal para as emisións autonómicas, que son dúas canles da TVG e dúas privadas, unha da Voz e outra de Popular TV. Os emisores que usen as públicas tamén se usarán para as dúas privadas. Agora estamos por riba do 93% da poboación cuberta e en 2010 agardamos superar o 99%, similar a que ten agora a TVG analóxica. O 13 de marzo sairá unha nova convocatoria de axudas aos concellos, para que instalen reemisores en zonas con problemas de cobertura.

Que prazo teñen as dúas cadeas privadas para emitir?
Estamos pendentes de que o Ministerio de Industria informe dos proxectos presentados. Calculamos que terán que empezar emitir antes do verán de 2008.

Daquela a cobertura parece que vai espallándose ben. Pero que pasa cos servizos?
Os servizos dependen moito da TDT local. As televisións locais agora están nun limbo, non están establecidos os requisitos nin para a súa cobertura, nin para a calidade da emisión que teñen que dar. E sobre a calidade, non temos nada máis que ver a programación que emiten algunhas para comprobar que tipo de emisións hai. Isto vai cambiar totalmente coa TDT. As novas TDT locais teñen que cumprir uns requisitos de cobertura. Cando saian terán que cubrir por riba do 80% da poboación da súa demarcación e logo aumentala por riba do 90%.

A nivel legal, como van os recursos que presentaron varios operadores analóxicos que quedaron sen licenza para pasar a TDT, polo que poderían desaparecer? ¿Existe o perigo de que estes recursos atrasen o comezo das TDT locais?
Presentáronse algúns recursos en contra da decisión do Consello da Xunta, que seguen o seu trámite nos xulgados. O perigo que se atrase a saída das TDT locais sempre existe, ao final vai ser un xuíz o quen decida. De todos os xeitos, os recursos non se centran na oposición ao modelo da TDT. Ademais, son un número reducido. Na maior parte das demarcacións non hai ningún recurso. O foco está no eixo atlántico, onde hai máis demanda de televisión e é máis importante o posicionamento das operadoras de comunicación.

Como van traballando as operadoras locais que si lograron a concesión?
Agora están desenvolvendo os proxectos técnicos. Teñen que dicirnos como van a ser os seus estudios, a programación, etc. Teñen que cumprir uns requisitos, como o uso da lingua galega, protección da infancia, produción independente europea. etc. Este modelo de televisión vai supor unha televisión de maior calidade. O gran reto é como se van financiar.

Até que punto hai mercado publicitario abondo para estas TDT locais?
Pensamos que no futuro a publicidade vai estar máis ligada ao audiovisual cos medios escritos, pero estamos un pouco á expectativa, non sabemos como vai responder o mercado da publicidade ao cambio. A publicidade en Galicia é moi local, non sabemos canto vai dar de si o pastel. En todo caso non é o mesmo unha demarcación como Vigo ca outra dunha zona de interior. Home, eu non creo que sexa doado. Analizando o mercado publicitario que hai agora, tendo en conta que en cada demarcación vai haber tres canles privadas máis, nalgúns sitios, unha municipal ...

Cantos concellos van aproveitar o seu dereito a lanzar unha TDT local? A convocatoria para os que a queira ter xa está aberta ...
Estamos a ver que a demanda é moi limitada, aínda co prazo remata o 23 de marzo. Os concellos teñen outros problemas máis urxentes, e unha emisora ten un custe elevado. Eu recoñezo que a evolución das TDT locais non vai ser doada, é todo un reto. Nalgunhas demarcacións será máis doado, polo nivel económico e a poboación. Falo do Eixo Atlántico. Noutras vai ser complicado, pero hai que agardar. Quero entender que as empresas que se presentaron ás licencias nunha zona teñen feito un estudo de viabilidade.

En todo caso a administración vai estar pendente do cumprimento dos requisitos polos que gañaron as licencias ...
A administración ten a obriga de garantir o servizo. A adxudicación foi pública, a documentación está a disposición de quen queira consultala. Por suposto que teremos que facer ese control. Pero estamos nunha etapa moi primaria, os concesionarios aínda están desenvolvendo os seus proxectos técnicos para o ano que ven empezar as emisións en probas.

Parece que en todo caso a TDT vai obrigar aos emisoras locais a usar máis o galego ...
Si, por riba do 80% na maioría dos casos, creo lembrar. Nas condicións das concesións en todos os casos dicíase que a lingua galega sería maioritaria. Ese é un cambio moi importante. Ademais, hai moitos axentes pendentes do cumprimento desas condicións. Os compromisos que adoptaron as empresas gañadoras están ao alcance de todos, calquera pode comprobalos e reclamar que se cumpran.

A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual acaba de publicar unha liña de subvencións para asociacións sen ánimo de lucro, na que especificamente dise que os receptores de TDT son subvencionábeis. Prevé o seu departamento subvencionar a compra de receptores a outros colectivos?
O prezo dos receptores vai baixando cada vez máis. Podes compralos por menos de 25 euros e as televisión novas xa o traen incorporado. Non é un problema comprar un receptor. O importante é garantir a oferta, que cando alguén compre un receptor teña canais que ver. Non temos pensado iniciativas a curto prazo para financiar a compra de receptores ás familias.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: