Concedeulle o premio pola defensa da terra a Enrique Vigo Teijeiro, logo de toda unha vida loitando a prol das liberdades.
Enrique Vigo Teijeiro naceu en Barallobre (Fene) no 1914. Con 18 anos ingresou na mariña e foi destinado ao cruceiro Almirante Cervera. Cando se produciu o golpe de estado permaneceu fiel á República, e levárono preso á Escolleira, onde moitos dos seus compañeiros foron “paseados”. Despois enviárono ao cárcere de Cádiz e pasou varias veces por celas de castigo, até a súa liberación en xaneiro de 1942. Entón entra en contacto coa guerrilla antifranquista e colabora con ela durante oito anos, até que o volven deter, en 1950, e o golpean no cuartel da garda civil até deixalo irrecoñecíbel. Non delatou a ninguén. Levárono ao penal do Dueso en Santoña (Santander) cunha condena de doce anos, e saíu do cárcere en 1956. Comezou a traballar nunha contrata de Astano,e hoxe, as súas Memorias dun loitador antifranquista foron editadas por Embora.
A Irmandade Moncho Valcarce quixo recoñecer a represión sufrida por todas as persoas que no 36 se opuxeron ao golpe militar fascista, honrar a defensa que fixeron da legalidade republicana, e reivindicar unha memoria histórica que lles faga xustiza a elas e aos seus familiares.
Por outra banda, o Premio Moncho Valcarce á Promoción da Terra foi para a Real Academia Galega, recollido, en representación, polo académico numerario D. Andrés Torres Queiruga. Cen anos despois da súa fundación oficial, con Murguía como primeiro presidente, o seu traballo estivo sempre marcado pola defensa da cultura e a lingua. Na actualidade presídea Xosé Ramón Barreiro Fernández, e leva unha intensa actividade tanto no ámbito científico como na promoción e difusión do noso idioma, erixíndose na autoridade lingüística no ámbito normativo.