Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Consolídase primeira na xeral

Vitoria da 'Volandeira' na segunda regata do Campionato de Dornas

A embarcación demostrou ser a máis rápida da frota, tras realizar unha espectacular remontada. A Jolfiña puido gañar, mais cometeu un erro na viraxe da derradeira marca.

Redacción - 13:55 27/03/2007
A dorna  'Volandeira' lidera o Campionato de Primavera

A dorna 'Volandeira' lidera o Campionato de Primavera

A Volandeira de Victor Rincón e Xosé Antonio Álvarez fíxose coa segunda regata do "X Campionato de Primavera de Dornas a Vela", disputada o pasado sábado en Ribeira, e afiánzase na primeira posición da clasificación xeral, logo de gañar as dúas primeiras probas.

Séguena na táboa a Áncora, a Vikinga, a Lusiña, a Sandra, a Jolfiña, a Tixosa, a Moura, a Ardentía, a Xarda, a Papoula, a Adoa e a María da Fonte, aínda que estes resultados son provisionais, xa que os regatistas poden descartar as súas dúas peores regatas das cinco que compoñen o campionato.

O "Campionato de Primavera de Dornas a Vela" está organizado pola Asociación Cultural Lajareu por Barlovento, dedicada á promoción da navegación tradicional en dorna. A próxima xornada, a terceira, está prevista para o 14 de abril, con saída ás catro da tarde desde a Praia de Coroso.

A María da Fonte, primeira na saída

Os ventos do noroeste, frouxos e variábeis, dominaron a regata do pasado sábado. As dornas tomaron a saída ás 17:00 horas, que gañou a María da Fonte, de Xoán Castelao e Xosé Beseda, seguida da Moura. A Jolfiña atacou por barlovento e as tres dornas marcharon escapadas rumbo ao Faro de Lajareu. O resto das dornas tiveron que loitar entre elas para se faceren con vento limpo neste primeiro largo.

No Lajareu, a Jolfiña trasluchou a primeira, aínda que os ataques xa empezaron na empopada rumbo ao Faro de Xidoiros. A María da Fonte perdeu tempo na manobra, situación que aproveitaron a Áncora e a Volandeira. A maioría da frota mantivo rumbo a barlovento da marca, só a Vikinga optou por ir a sotavento.

Fallo da Jolfiña

Tras cruzar a canle, a Jolfiña escapou nunha virada de vento favorábel e sacou unha amplia distancia ao resto de embarcacións. En Xidoiros pasou con moita vantaxe, e cando semellaba que sairía vitoriosa no largo cara á terra, decidiu non virar para a marca en Coroso e facer ceñida até Palmeira.

A Volandeira non perdoou o seu erro; virou a ras do Faro e realizou un ben veloz largo cara Ribeira, demostrando ser a máis rápida da frota. Finalmente, as dornas chegaron á meta na seguinte orde: Volandeira, Áncora, Vikinga, Lusiña, Sandra, Moura, Ardentía, Tixosa, Adoa, Xarda, María da Fonte, Jolfiña, Papoula, Zoa, Rabuda e A Fiuza.


Ligazóns

3.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: