Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Participa na Semana Galega de Filosofía

Darío Xohán Cabana: "A lingua constrúe a consciencia da nosa identidade"

Dentro da programación da XXIV Semana Galega de Filosofía, o escritor Darío Xohán Cabana aborda, xunto con Anxo Angueira, e dentro do ciclo 'Diferenzas aquí e agora', a cuestión da lingua e nación.

Redacción - 13:35 10/04/2007
Darío Xohán Cabana

Darío Xohán Cabana

Vieiros: En que consiste a intervención que ten pensada para esta tarde?

Darío Xohán Cabana:
Hai unha serie de cousas que viña querendo dicir dende hai tempo. Vou expoñer dúas formas de construír un modelo de conformación dunha lingua literaria culta: o modelo francés e o italiano. Eu aposto polo segundo, moito máis rico, permeábel, aberto ás variedades dialectais, fronte ao francés, elegante e clasicista. Quedou estancado nun modelo dos séculos XVII e XVIII, e esa rixidez faino menos resistente fronte á presión doutras linguas coas que está en conflito.

Loxicamente, eu apoio que o galego siga o modelo italiano, algo que vimos facendo pero aínda cunha rémora de nostalxia do francés... Por pór un exemplo no castelán, Borges é máis exquisito e clasicista, escribe cun corpus que pode utilizar a alta burguesía bonaerense. Mentres, ti les a Neruda ou a García Márquez, e a súa é unha lingua multiforme, moito máis rica en vocabulario. Eu aposto pola amplitude e riqueza. Temos un exemplo ben ilustrativo no Dicionario da RAG: para denominar a mesma planta, emprega “fieito", "fento", "felgo" ou "folgueira”, que son de cadansúa zona dialectal, pero todas igualmente válidas e admitidas.

V.: Precisamente, nunha entrevista de hai uns anos en Cultura Galega, falaba do risco de que o galego remate por se converter “nunha lingua morta, pero ilustre”...

D.X.C.: Ben, a historia pode levarnos tanto por un carreiro como polo outro. Pero nisto non son pesimista. Fago caso de Nebrija, que falaba da lingua como “compañeira do imperio”, sen se referir ao imperio en si, senón ao poder. E queremos ese poder. Aínda que se pode dar o caso contrario, como en Irlanda, que para a súa autonomía tivo que renunciar parcialmente á lingua de seu, ao gaélico, e deixalo nun estado de semimorte. Pola contra, mira como o pobo xudeu, para construír o estado de Israel, resucita unha lingua que levaba 2.500 anos morta (Cristo xa non falaba hebreo, senón arameo.)

V.: Daquela é a lingua a base da construción da identidade nacional?

D.X.C.: A identidade existe, non hai que construíla: o que acontece é que os galegos recoñecémonos, na nosa diferenza (e nas nosas diferenzas internas, que non é o mesmo ser da Terra Chá que do Courel, nin do Courel que do Morrazo) porque falamos a mesma lingua, entendémonos. A lingua é o xeito máis importante de chegar a ese entendemento, a ese recoñecemento. Afirmar, como teñen feito, que a música é a base da nosa idiosincrasia, é trivializar.

V: Atendamos á literatura, entón: que papel desenvolve no noso propio feito diferencial?

D.X.C.: A nación está expresada polos noso escritores: a identidade existe, pero o que se constrúe é a consciencia desa identidade. E no noso caso foi formulada por Rosalía, Pondal, Murguía, Otero Pedrayo... Os primeiros en afirmar “a lingua é nosa”, e recoller o que daquela era un dialecto proletario e facer dela unha lingua.


4.1/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: