Este venres comezou na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago unha nova edición destas xornadas organizadas pola CIG-Ensino e a Asociación Socia-Pedagóxica Galega.
Nesta edición, que se desenvolve ao longo deste venres e sábado, serán máis de vinte os escritores, críticos literarios, profesores e investigadores que participarán nos seminarios, conferencias e debates sobre lingua, literatura e sociolingüística. Tal e como aseguran os organizadores das xornadas, “trátase de combinar a exposición daquelas ideas máis innovadoras que se producen no ensino con intervencións de carácter máis informativo ou teórico”.
No acto de apertura na tarde do venres estiveron presentes Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, Xoán Xosta, presidente da AS-PG, Elvira Cienfuegos, concelleira de Educación de Santiago, e Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión da Consellería de Cultura.
Nas xornadas realizarase unha homenaxe ao poeta Xosé Chao Rego da man de Pilar García Negro e Francisco Fernández Rei. Ademais, lembrarase a figura de María Mariño, autora á que este ano se dedica a celebración do Día das Letras Galegas.
Outro dos temas que se abordarán serán as diferentes propostas didácticas para a introdución do novo currículo, a literatura escrita por mulleres, a elaboración de programación e unidades didácticas, a relación entre literatura e cinema galegos e o banda deseñada como ferramenta pedagóxica.
Os arredor de trescentos participantes nas xornadas poderán ser testemuñas da presentación da revista “Longa lingua” da Mesa pola Normalización Lingüística así como das intervencións dos autores Medos Romero e Jaureguizar.
Estes dous días de encontro teñen como obxectivo a a actualización e formación do profesorado no campo das nosas letras, profundar na galeguización do ensino e coñecer as últimas investigacións, traballos e estudos así como propostas prácticas para aplicar nas aulas.