Na presentación conxunta, o martes 24 ás 20.00 no Casino de Santiago, estarán co autor os editores Manuel Bragado e Vítor Freixanes, ademais do profesor Herminio Barreiro.
Un día despois do Día do Libro e uns meses despois de rematar o declarado Ano da Memoria, Editorial Galaxia presenta Os escritores galegos ante a guerra civil española. Nel, o catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero rescata textos inéditos de escritores galegos, onde se reflicte a súa posición ante o conflito bélico: Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas, Aquilino Iglesia Alvariño, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro de las Casas manifestan por medio da súa obra a súa actitude ante a República, o Fronte Popular e a guerra civil, e como estes acontecementos marcaron a súa vida.
Pola súa banda, Xerais presenta Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1920-2006), onde Alonso xa centra a súa escrita nos intelectuais galegos que reflexionaron en Galicia dende o marxismo, algúns deles investigados por primeira vez. Fala dos homes e mulleres que tentaron cambiar a sociedade na que vivían, tanto antes como despois da guerra, dende postulados comunistas. Entre os moitos textos reveladores case descoñecidos, Alonso Montero introduce un documento inédito extraordinariamente significativo: a “acta” orixinal da primeira Asemblea de intelectuais do PCG, de marzo do 1977.
Alonso Montero, ademais de catedrático emérito na Universidade de Santiago de Compostela, é membro numerario da Real Academia Galega, director do Centro de Estudos Rosalianos e Presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia. A el se lle debe un importante labor editorial, como produtor de antoloxías e colectáneas, ademais da autoría duns corenta libros. Ten analizado a nosa situación lingüística xa dende os 70 e escrito sobre Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Castelao, Otero Pedrayo, Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro...
Dúas cuestións sobre o Emeritus do Alonso Montero.
O libro cinguido ao período da Guerra Civil, publicado en Galaxia, está case nun 90% baseado nunha obra de Claudio Rdguez Fer, "A Literatura Galega na Guerra Civil". Así que non nos ven a contar nada novo.
Do libro de Xerais habería que turrarlle das orellas ao Emeritus: os escritores, pensadores e intelectuais galeguistas e marxistas tamén deberían estar incluídos. Eses non contan por que non son do PCE, mister Montero? Xa sabemos como as gasta este comunista que vive nunha torre de marfin. Alá arriba non se ve o mundo. ASí comete os erros que comete. E logo aínda por riba, para máis sorna, se dirá comusnita. Manda carallo!