A noite do 25 de abril é a propia para gozar da retransmisión da homenaxe ao Zeca Afonso que tivo lugar o pasado venres 13 de abril en Pontevedra. A TVG e a RTP, no marco do seu primeiro convenio, emiten o concerto. Na televisión galega poderemos velo a partir das 22.00.
No vixésimo cabodano do cantautor que lle puxo voz á Revolução dos Cravos co tema Grândola, Vila Morena , hai exactamente 33 anos, as televisións públicas de Galiza e Portugal emitirán a súa coprodución, a homenaxe musical a José Afonso. Ademais, prevese elaborar tamén en conxunto documentais e telefilmes.
Segundo o director da TVG, Suso Iglesias, o fin da cooperación entre os dous entes é poñer de manifesto a relación cultural entre as dúas beiras do Miño. A Gala “Sempre Abril” é conducida polo galego Carlos Blanco e a portuguesa por Silvia Alberte; nela participaron preto de trinta grupos e músicos, algúns deles relacionados con Zeca Afonso en vida: Cantores do Redondo, Vitorino, Luis Pastor, Faltriqueira, Xico de Cariño, Treixadura, Víctor Coyote, Antón Reixa, João Afonso, Uxía Senlle, Dulce Pontes, Ugia Pedreira, o azoriano Zeca Madeiros, Miro Casabella, o caboverdiano Tito Paris, Janita Salomé, Sergio Godinho e Narf.
A homenaxe completarase cun documental que inclúe imaxes do cantante e declaracións de amigos do músico, como o portugués Fausto, ou de escritores como Rosa Aneiros, autora da novela sobre abril de 1974 editada por Xerais, Resistencia.
Eu estiven nun acto de homenaxe ,tamén, ao Zeca Afonso organizado polo colectivo Urbano Lugrís de A Coruña. Foi o mércores 25 de Abril,tamén, no Museu de Belas Artes de A Coruña, as 19 horas, e proiectouse un concerto en vivo do Zeca Afonso, xa maior e algo deteriorado pola súa enfermedade, que tivo lugar en Lisboa. A sala estaba chea. Os corazóns dos presentes ,tamén, cheos de emocións e de recordos.Inesquecible. Despois falaron Miro Casabella, Mini e Mero, Sara(a voz de Luar na Lubre), Alvaro,xornalista portugués, Xácome Santos, da organización do acto e unha representante política que non quedei co nome.Discúlpome. Logo houbo cancións do Miro, Mini e Mero, e Sara. Máis unha intervención miña,fóra do programa, moi breve,que non fun quén de evitar pola emoción do momento, a trío con Mini e Mero, e que coreou o público asistente. Disculpeime pola miña osadía(estaba entre amigos cos que tantos escenarios compartín), e discúlpome de novo públicamente polo meu atrevimento.Foi un acto moi emotivo e precioso e dalí saíu a proposta dunha debida homenaxe ao colectivo Voces Ceibes,iniciativa que aplaudo,apoio e quero difundir para que prospere.Axudádesme? Pasádeo. Moitas grazas.