Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Crónica dende a 33 Feira Internacional do Libro

Rivas: “Sempre hai xente que está matinando en como reducir dereitos”

Manuel Rivas presenta na 33ª Feira do Libro de Bos Aires a súa última novela Os libros arden mal. Unha entrevista para o Diario Cultural da Radio Galega e Vieiros de Débora Campos.

Débora Campos - 10:15 28/04/2007
Manuel Rivas / Foto: Telam

Manuel Rivas / Foto: Telam

Dende Bos Aires, até onde chegou para presentar a versión castelá da súa última novela Os libros arden mal, o escritor Manuel Rivas non quedou fóra do debate sobre a representación que deben ter os galegos emigrados nas eleccións galegas. Entrevistado para o Diario Cultural da Radio Galega, o autor opinou: “Dende logo, o que hai que facer na eira dos dereitos é ensanchala e ampliala, nunca pensar en reducilos”.

Volve a Bos Aires logo de moitos anos, que impresión levou da cidade?

Coñezo a cidade porque teño contacto e relacións. Penso que houbo cambios interesantes. Daquela, foi máis ben unha primeira impresión moi emotiva, ir a algúns lugares dos que escoitara falar moito e unha relación con persoas que fixeran de vixías, de custodios, podiamos chamarlles, dunha cultura que é de xustiza lembrar que se mantivo e que resistiu nesta terra que foi a terra prometida da emigración. Hoxe en día, penso que se está a dar un proceso interesante -non so na emigración senón na Galicia territorial- que é repensar a cuestión da diáspora, superar un pouco esa idea de dous mundos afastados, que só en ocasións se reencontran, para momentos ben de festas, ben de eleccións. Penso que hai que repensar o país no seu conxunto e pensar que o que chamamos un país e unha cultura non ten por que ter unha situación xeográfica necesariamente, senón que é unha existencia que está máis ben acompañando ás persoas onde sexa que estean. Iso que poderiamos chamar o país portátil.

Falou vostede dese país portátil hai algunhas semanas nunha columna no xornal El País. Como pensa que se relacionan ese país portátil e a Galicia territorial? Coñécense realmente, relaciónanse, comunícanse?

Ás veces, por exemplo agora que hai unha certa polémica (eses comentarios que sempre volven cando hai eleccións sobre a participación da diáspora), eu sinalaría que hai máis descoñecemento da Galicia territorial, metropolitana, ou como lle chamemos respecto da emigración, que ao revés. E dicir, penso que hai iniciativas que se están a mover na rede (máis rechamante e interesante en xeracións de netos e de emigrantes) que non só se dá en América, senón en Europa e no propio Estado Español. E son experiencias que mesmo poden ser modélicas, exemplares para a propia Galicia, onde hai tantísimo por facer. En fin, penso, dende logo, que o que hai que facer na eira dos dereitos é ensanchala e ampliala, nunca pensar en reducilos, porque sempre hai xente que está matinando en como reducir dereitos. Despois, o que hai que conseguir é unha responsabilidade, en primeiro lugar, das institucións e dos propios medios de información galegos para que exista moito máis intercambio de información. En definitiva. que Galicia exista como rede, como esa aldea global que imaxinou Marshall Mc Luhan e que nós fixemos en carne e óso. Ademais, a achega que pode facer a diáspora é esencial porque temos alí -formando parte da propia cultura galega- unas antenas que nos permiten recibir simultaneamente, dunha maneira natural, dunha forma ademais simbiótica e fecundante, moitísima información do que está pasando no mundo. É dicir, temos o xeito de tecermos unha rede propia. Iso, se tivesemos que inventalo, sería imposible. Por iso, dunha vez hai que pensar en romper certos nichos mentais e pensar que o mapa de Galicia é o mapamundi.

Que rol pensa vostede que teñen as tecnoloxías en xeral e os blogs en particular nese coñecemento mutuo?


Penso que son ferramentas moi acaídas e que dalgunha maneira temos que utilizar coa eficiencia con que antes viaxabamos en barcos. Dende logo, si estamos a falar de Galicia como rede e desa síntese de diáspora e Galicia metropolitana, temos os útiles que propician iso e que ademais permiten a súa popularización, é unha tecnoloxía á que podemos acceder todo o mundo practicamente. Penso que xa que fixemos unha internet de carne e óso anteriormente, por aí deberiamos utilizar estas sen ningún tipo de complexo. O que pasa é que o desafío que debemos formularnos é que se pode facer para acelerar. Porque o mundo vai moi rápido en moitas cuestións e os que levamos un paso de tartaruga somos nós. Igual pasa na cuestión ecolóxica, por exemplo. Hoxe, hai moita mellor disposición dos posibles activistas o usuarios desa Galicia global, que despois non se corresponde coas institucións porque elas seguen tendo un pouco a mentalidade anacrónica: Galicia está en Galicia, o goberno galego está en Galicia e despois hai un mundo de ultramar co que episodicamente -para comunicarse- hai que montar unha comitiva, chegar alí e tal. E xa non é cuestión de comunicarse senón que tiñamos que estar alí, había que constituírse como rede e formar parte, por dicilo así, do mesmo portal.

Que a súa obra estea asociada á memoria da Guerra Civil que ten de bo e que de negativo?

Eu penso que cando escribes non podes ter unha estratexia mediática de cal vai ser a reacción porque as medidas que rexen a literatura penso que teñen que ser diferentes. Gustaríame definirme como un escritor vivíparo, como dicía Unamuno. Son vivíparo porque noto que as cousas medran no meu interior, hai un proceso relacionado co oficio de escribir que tamén está moi vencellado ao oficio de vivir. Entón, a memoria -tal como a entendo eu- non é unha viaxe cara atrás, senón se escribe viaxando por determinadas épocas, e sempre dende a perspectiva dun presente, que ten conexións coa propia vida, co que somos, coas cousas que doen, que preocupan, que fan gozar tamén. Ese espazo vai enchendo ocos, é unha loita contra o baleiro e a estratexia da memoria é unha estratexia que mira cada adiante. A memoria subministra unha enerxía alternativa que fai avanzar, ir cara adiante. Todo o que escribo é pensando que pode interesar a calquera persoa en calquera parte do mundo. Pero tamén sei que mesmo escribiría aínda que non o lera ninguén. E dicir, para min forma parte dunha especie de obriga propia.

A imaxe da queima dos libros na dársena da Coruña ten moitas conexións coa historia recente da Arxentina. Cales son os xeitos a día de hoxe de “queimar libros”?


Penso que ten que ver moito co que pasa coa linguaxe. Poderiamos facer un paralelismo co que sucede coa terra, co medio ambiente, e como está sendo afectada por un tipo de cobiza, de capitalismo impaciente que non se para en limites, se pode. Mesmo confundíndose co que é unha economía delitiva. Esas zonas de poder que tamén teñen a súa correspondencia no linguaxe, no uso e na explotación. Esa fin é a principal explotación que hai, que ten que ver coas novas ideas, mesmo para facer efectivo o control do poder. Mais que nunca, eses poderes (que ás veces móvense no segredismo, ou que teñen formas que se aproximan aos estados de excepción) son cada vez mais conscientes de que o decisivo é o control das mentes. Mesmo para o consumo. O que ocorre co fume das fogueiras, que é un fume pegañento que non se quere esvaer no ar, é que hai algúns que pensan que ese fume é pasaxeiro e que o que vai suceder é que limitará a súa influencia ao espazo do público, ás prazas (o que sería a toma das institucións do poder político e económico). Pensan que alí quedará e que a eles van deixalos tranquilos, que non os vai afectar. Pero o que sucede co fume, a metáfora que atravesa todo o libro, é que o seguinte paso dese fume é penetrar no espazo privado, nas casas, para finalmente penetrar en nós: vai meterse a través dos ollos, dos sentidos, do nariz, vai ocupar as mentes, que é o que ambiciona finalmente o poder totalitario: poder dominar todo o noso tempo, facerse con el, privatizalo todo, e tamén a liberdade persoal. Nesas estamos...


4,75/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: