Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
'THALASSA, EL MAR', VENRES 4, 22 H

''O corazón do Hidria", reportaxe no Canal33 sobre a recuperación do vapor galego

O "Hidria Segundo", que subministraba auga doce ao barcos na Ría de Vigo, foi o Barco da Memoria.

Redacción - 08:30 04/05/2007
Hidria

Hidria

A reportaxe que se emitirá na noite do venres no programa Thalassa, el mar do Canal33 da de Televisió de Catalunya, fala da batalla librada ao longo de dez anos por Jacobo Costas i Sesé Otero, de Porto Meloxo (O Grove), para recuperar do despece o vello vapor "Hidria Segundo".

O Hidria Segundo é un barco galego único: non hai outro navío equipado deste xeito no estado español. Malia ser construído na década de 1960, foi equipado cun motor de vapor herdado dos seu predecesor, o Hidria Primero. A súa recuperación foi posible grazas a implicación dos protagonistas da reportaxe: Jacobo vendeu a súa casa e Sesé unha batea.

O barco recuperado navega e realiza actividades. O ano pasado percorreu a costa galega coas lembranzas da Guerra Civil, foi o "Barco da Memoria". Porén, no seu porto base do Grove non se lle facilitan as cousas. Adoita ser o alumnado dos institutos galegos que, seguindo un plan de descuberta da Ría de Arousa diríxense ao Hidria, pero no porto do Grove non se permite embarcar pasaxeiros, polo que cómpre recollelos fóra do porto, coa colaboración de amigos que poñen a disposición catamaráns, loitando contra as trabas burocráticas e das infraestruturas.

Na reportaxe tamén se coñecerán os fillos dos protagonistas e a Cristina Jorge, a primeira muller do estado español co título de Patroa Maior de Cabotaxe, encargada do mando do Hidria cando embarca pasaxe.

No programa Thalassa téñense emitido varias reportaxes con temática relacionada co mar en Galiza, como Mexillóns, dornas e unha gaita, Galiza, os vixías dos cetáceos e Xigantes vulnerábeis, sobre o transporte de mercancías perigosas, en relación co Prestige.

A emisión poderase ver no abastamento territorial terrestre do Canal33 ou por internet, nos servizos multimedia de televisión á carta, servizo que soe ser de balde os primeiros días logo da emisión do programa.

Programa Thalassa
Venres, 4 de maio de 2007, 22 h

Reportaxe «El cor de l'Hidria»

Canal33, Televisió de Catalunya


Ligazóns

4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: