Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segunda volta

Sarkozy acada a presidencia de Francia cunha clara vantaxe sobre Royal

Co 100% dos sufraxios escrutados, o conservador obtén un 53,06% dos votos e a socialista o 46,94%. As eleccións rexistraron un histórico 85% de participación.

Redacción - 07:30 07/05/2007
Sarkozy compareceu ante os medios pouco antes das nove da noite / Foto: TVE

Sarkozy compareceu ante os medios pouco antes das nove da noite / Foto: TVE

Ás oito da tarde as primeiras estimacións de catro institutos de sondaxes (Ifop, CSA, Ipsos e TNS-Sofres) dábanlle ao líder da UMP o 53,5% dos votos, contra o 46,5% da candidata socialista Royal.

Ségolène Royal compareceu pouco despois de coñecerse estes datos para recoñecer a súa derrota. “O pobo falou” dixo a rival de Sarkozy, que sinalou que “a alta participación é un reforzo para a democracia francesa”. Nesta liña, Royal apostou por continuar coa renovación da esquerda e asegura que o traballo que “comezamos para Francia dará os seus froitos” en referencia a “citas electorais futuras”.

Pola súa parte, o Primeiro Ministro, Dominique de Villepin celebrou o triunfo de Sarkozy a través dun comunicado no que sinala a “vitoria moi nítida” de Sarkozy nuns comicios que “expresan unha elección clara”.

"Non foi a vitoria dunha Francia sobre outra"

Pouco antes das nove da noite comparecía ante os medios Nicolas Sarkozy, que non ocultou a súa “profunda e enorme emoción”. Nun discurso cun marcado carácter patriótico, o líder da UMP tivo palabras para Royal ao pedir respecto para as ideas da socialista “nas que tantos franceses se recoñeceron” e prometeu ser o “presidente de todos”, porque esta non foi a “vitoria dunha Francia sobre outra”.

Na súa primeira intervención logo de coñecerse a súa vitoria, Sarkozy sinalou os Estados Unidos como un dos seus principais socios no desenvolvemento da súa política exterior, aínda que advertiu que os “amigos” non sempre teñen que ter as mesmas opinións. Neste sentido, convidou os norteamericanos a liderar a loita contra o cambio climático.

O futuro presidente destacou no seu discurso que quere que Francia se erixa como principal referencia na loita contra os opresores en todo o mundo e rematou dicindo que “xuntos escribiremos unha nova páxina na nosa historia, que seguro será próspera e fermosa”.

Así o conta a prensa francesa este luns
-"Posta en marcha dun goberno, reactivación de Europa, lexislativas: os primeiros desafíos de Nicolás Sarkozy". O director editorial, Gerard Courtois, agoira que a amplitude da súa vitoria vaille dar a Sarkozy os medios para iniciar rapidamente as reformas anunciadas en campaña. En Le Monde
 
-"Con Sarkozy, Francia vira á dereita". "Os amigos de Royal amosan os dentes". "Sarkozy, a loita sen piedade polo poder. Como eliminou metodicamente os seus adversarios". En Libération
 
-"O próximo goberno terá un máximo de quince membros". En Le Figaro

  • Resultados oficiais na web do Ministerio do Interior francés


3.83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: