Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Crónica dende a 33ª Feira Internacional do Libro

Tolos pola matemática e pola historia

Se é difícil explicar a política e a economía arxentinas, máis aínda é atopar unha explicación para o máximo éxito literario dos últimos tempos: un científico matemático e un profesor de historia son os autores máis lidos do país con vendas que superan os 250.000 exemplares. Unha crónica para Vieiros dende Bos Aires, de Débora Campos.

Débora Campos - 18:23 07/05/2007

Dende hai máis de dous anos, os arxentinos non deixan que baixen nas táboas de libros máis vendidos no país un tratado de historia nacional que xa leva tres volumes editados e promete máis aínda, nin a segunda parte dun caderno de exercicios matemáticos que tamén anunciou xa a terceira parte. Por iso, se é difícil explicar a política e a economía arxentinas, máis aínda é atopar unha explicación para o máximo éxito literario dos últimos tempos: un científico matemático chamado Adrián Paenza e un profesor de historia de nome Felipe Pigna son celebridades e contan vendas que superan os 250.000 exemplares.

“Nas escolas, aos cativos apréndenselles as matemáticas coma se fora latín”, queixouse esta fin de semana diante dun milleiro de persoas o académico e profesor de matemáticas na Facultade de Ciencias Exactas e Naturais da Universidade de Bos Aires (UBA) Adrián Paenza. As mulleres e homes e rapaces que alí estaban sentados, nunha das salas máis grandes da 33a Feira do libro de Bos Aires, non soltaban unha folla de exercicios que lles entregaran para ir resolvendo na fila, antes de entrar á presentación. A insólita proba non espertou medos ou nervios, coma era de esperar, senón paixón e ledicia. ¿Como se explica isto?

“Nas escolas, aos cativos apréndenselles as matemáticas coma se fora latín, pero poden ser divertidas. O importante é alimentar as ganas de pensar e desmitificar unha ciencia que a moitos lles mete medo”.Paenza non é unha figura nova para os arxentinos. Na UBA era coñecido polos alumnos da Facultade de Ciencias Exactas e Naturais cando chegou á televisión nos anos 90 da man dunha das súas paixóns: o básquet. Rapaz precoz e cunha intelixencia superior semella predestinado a sorprender: de neno, cando chegou á universidade con 15 anos; aos televidentes cando se decataron de que un programa televisivo sobre ciencia podía ser interesante (chámase Científicos argentinos e vai pola canle pública Canal 7); e aos editores da Universidade Nacional de Quilmes e de Siglo XXI que lle publicaron un pequeno volume de desafíos matemáticos chamado Matemática…¿Estás ahí? As vendas non deixaban de medrar.

“As matemáticas poden ser divertidas”, sinalou Paenza mentres nun encerado ía desenvolvendo os desafíos que o público xa tentara resolver. Mentres era fotografado con cámaras, móbiles e gravado coma se se tratase dunha celebridade cinematográfica, engadiu: “O importante é alimentar as ganas de pensar e desmitificar unha ciencia que a moitos lles mete medo”.

Os números da editorial, sen embargo, non falan de medo senón de paixón: as dúas edicións de Matemática…¿Estás ahí? levan vendidos máis de 250.000 libros, aínda que se pode baixar de balde da páxina da universidade e contan moitos meses na lista dos libros máis vendidos do país.

Unha nova ollada sobre a historia

Se hai alguén que entende e comparte ese namoro dos lectores, o pedido masivo de autógrafos e as fotos feitas en calquera lugar e de sorpresa é o historiador Felipe Pigna. Nado na cidade bonaerense de Mercedes o ex-profesor do celebérrimo Colexio Nacional de Bos Aires esperta tanto amores coma críticas. Mentres os académicos recriminan que non faga investigación e se limite a repetir, reducindo a complexidade dos procesos históricos a unha loita entre bos e malos, os lectores non deixan de agradecer que a memoria arxentina de súpeto sexa clara, sexa comprensible, teña sentido e permita comprender o presente.

Pigna é un home de 48 anos que, aínda que non teña un carisma destacado, soubo capitalizar as posibilidades da televisión e o cine. Protagoniza un ciclo na televisión aberta con moito éxito e cun dos xornalistas novos máis famosos fixo unha serie de reconstrución histórica dunha produción case cinematográfica. Leva feitos trece documentais fílmicos, foi columnista na Radio Mitre e os seus artigos publícanse nas revistas máis lidas da Arxentina. Ademais, é director da nova versión da mítica publicación Caras y Caretas e asesor histórico das cadeas de televisión HBO e People & Arts (dos Estados Unidos), RAI (Italia) e Antena 3 (España). Se lle preguntamos a un home arxentino de 50 anos quen formaban «a máquina do River Plate», vai saber dicir o equipo completo. Pero se preguntamos quen foros os ministros no goberno de Jorge Rafael Videla, quixo esquecelo.

Entrevistado no xornal Clarín fai algúns meses, preguntáronlle se a historia arxentina estaba de moda. “Ogallá. A min non me gusta a palabra moda porque remite a unha cousa que vai pasar. Gustaríame que sexa unha cuestión permanente, que a xente entenda que a historia lle pode valer moito para interpretar o presente, para vivir”, respondeu.

Amigo de derrubar mitos, Pigna opinou: “Non se trata de que os arxentinos non teñamos memoria, senón que é empregada como se quere. Se lle preguntamos a un home arxentino de 50 ou 60 anos quen formaban «a máquina do River Plate», vai saber dicir o equipo completo. Se cadra, se lle preguntamos a unha muller quen era o actor na telenovela dos anos 70, tamén o saiba. Pero se preguntamos quen foros os ministros no goberno de Jorge Rafael Videla, quixeron esquecelo: non o lembran. Iso ten que ver coa vontade. Hai cousas que nos fixeron dano. A Guerra de Malvinas, por exemplo, é moi forte, é unha derrota nunha sociedade moi exitista. Ou os anos 90, unha sociedade aparvada, da estupidez triunfante”.

O terceiro volume da serie Los Mitos de la Historia Argentina non deixa de gañar lectores. Proba diso foron as máis de 3.000 persoas que foron escoitalo nas varias conferencias que ofreceu na 33ª Feira do Libro de Bos Aires.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Los mitos de la historia argentina', de Felipe Pigna
'Los mitos de la historia argentina', de Felipe Pigna
'Matemática... ¿Estás ahí?', de Adrián Paenza
'Matemática... ¿Estás ahí?', de Adrián Paenza