Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Homenaxe musical

“É unha poesía moi densa, case prosa lírica”

Manuel Vázquez Fernández, máis coñecido como Manoele de Felisa, é un cantautor de Cuntis que acaba de sacar ao mercado o disco A María Mariño, con versións musicais de poemas da autora.

Redacción - 16:43 16/05/2007
Manoele

Manoele

Vieiros: Como naceu a idea de dedicarlle un disco a María Mariño?

Manoele: Xa é a segunda vez que musico un poeta galego do Día das Letras. Xa o fixera cun home e, como non é habitual que se lle dedique esta data a unha muller, decidir facerlle unha homenaxe a María Mariño. Foi un proxecto rápido. Comezamos en marzo e a mediados de abril xa o tiñamos practicamente rematado. O que me impulsou foi a inquedanza de facer un disco con textos dunha poeta. Ademais do feito de que se conmemora o Día das Letras deste ano, o tema da igualdade tamén está de actualidade.

"Penso que a música é un xeito de divulgar a poesía"
V: Foille complicado adaptar os textos da poeta?

M: É unha poesía moi densa, case prosa lírica, e resulta complicado darlle música. Hai unha ausencia case total de rima e de estrutura. Tívenlles que dar unha forma musical, reestruturar os poemas. Hai algúns que foron máis doados de adaptar, como os da súa primeira etapa, máis rosaliana. No disco hai catorce temas, dos que trece son poemas de María Maríño e o outro un que fixen dedicado a ela. Tentei incluír temas e estilos variados.

V: Seguirá dedicándolles discos aos autores homenaxeados no Día das Letras?

M: Nos meus discos sempre me baseei en composicións poéticas. Penso que é un xeito de divulgar a poesía. Coa música pódeselle facer chegar á xente a arte dun xeito máis ameno. Cada dous anos ou dous anos e medio saco un disco, pero non sempre teño a intención de dedicarllo a poetas das Letras. No anterior, incluín un tema de Martín Codax. Xa irei vendo se fago algo cos vindeiros autores dos Días das Letras.

Manuel Vázquez Vázquez, Manoele, cantautor de Cuntis, leva ligado profesionalmente dende cativo á música e ao espectáculo como animador de orquestras nas verbenas do país, mentres se ía formando no eido académico e musical. Este ano gravou o seu terceiro disco, dedicado a María Mariño Carou. Un dos seus temas, Son a suma total, participa no concurso A polo ghit, de Vieiros e a Radio Galega.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: