A emblemática Sala Yago compostelá ten que pechar as súas portas o día 30 de xuño. Os propietarios gañaron o preito que obriga ás compañías residentes a desaloxar o local, logo de dez anos de programación cultural. O actor Xavier Estévez achegounos este artigo.
Que non se alarme o Sr. Ortega, nin os señores presidentes de Caixa Galicia, Caixanova, La Caixa, etc., o que subscribe as presentes liñas non é ninguén, tan só un actor máis, é dicir, ninguén. Pero o certo é que son un ninguén indignado, un ninguén perplexo ante a pasividade dunhas autoridades que diante do inminente peche da Sala Yago, só lles resta dicir que "o lamentan moito". Non abonda, ben é certo que a Sala Yago é unha propiedade privada e que os seus propietarios teñen a ultima palabra sobre o destino do seu patrimonio, pero que pasa co patrimonio de todos? Que pasa co patrimonio cultural deste país? Non deberían tal vez as autoridades competentes intervir e ofertar certos inmobles emblemáticos para que o patrimonio privado pasase a ser público? Non deberiamos coidar con afán o que xa existe antes de inventarnos cidades da Cultura? Sería posible e necesario, como digo, que algúns destes patrimonios de todos fosen iso, de todos, aínda que despois se cabe, que cabe, pasase a xestión dos mesmos, por concurso público ou cesión temporal, ou ambas cousas, a mans privadas, xa que tan necesario como que existan salas de Teatro é que estas non sexan todas públicas nin dependentes de grandes fundacións, senón que interveñan nelas aqueles que coñecen a materia, é dicir todos e todas os ninguén deste país, as xentes do Teatro.
O título deste meu exabrupto non é gratuíto: nos últimos anos en España ten pasado que o Cine París de Coruña converteuse nun Springfield, o Teatro Losada de Ourense nun Zara, o Cine París de Barcelona nun Zara, o Cine Salamanca de Madrid nun C&A, o Cine Imperial de Madrid nun Sfera (El Corte Inglés), e o Cine Capitolio de Elche, o Teatro Menacho de Badajoz, o Cine Barceló de Barcelona, etc. É unha segunda amortización, pero nesta ocasión en lugar de amortizar os bens da Igrexa, amortízase o patrimonio cultural dun pobo, e as autoridades competentes "o lamentan". Non señores, non, non abonda.
A día de hoxe a Sala Yago está nun emblemático inmoble designado para uso "sociocultural", si, é certo, pero por canto tempo? Canto tardarán os seus novos propietarios (unha vez vendido) en conseguir unha nova cualificación do uso de dito inmoble? Dá igual, conseguirana, e senón, é porque os novos propietarios son un banco ou unha potente empresa con unha fundación que levantará un local social onde poderemos asistir a aquelas obras de teatro e aquelas exposicións que logren superar os, sempre dubidosos, criterios de idoneidade das grandes fortunas deste estraño país.
Non, autoridades incompetentes, non abonda con lamentalo, haino que impedir.
Pois, pois... Fazem igual com tudo. São uns incompetentes. Todos. Por isso eu não votarei nestas eleições (e talvez não vote mais nunca).
Resistência popular! Sala Iago, Teatro e Língua, Cultura ao povo e povo ao poder!
Lamentan non poder impedilo porque as autoridades competentes decláranse "incompetentes" e dependen de Zara, Caixa Galicia, Caixanova, Fadesa, etc, que son os que teñen o diñeiro e ten o poder.
Amigo Xavier Estevez neste mundo todos somos actores, pero a uns páganlles e a outros como a ti e como a min, pégannos.
Amigo Xavier:
Ti es unha persoa. Ti es Deus.
Os que non son ninguén son os Amancio Ortega, J.L.Méndez,Gayoso, Manuel Jove, Touriño, Zapatero, Rajoy, Feijóo, etc.