Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Fútbol

Evo Morales xoga un partido de boicot á Copa América

O presidente boliviano xogou na cuarta feira un partido na cidade da Paz protestando contra a prohibición de xogar ao fútbol a máis de 2.500 metros.

Redacción - 14:28 31/05/2007
Tags:
Morales deixa os rivais atrás (Foto: EFE)

Morales deixa os rivais atrás (Foto: EFE)

Dentro da onda de protestas populares e políticas en Sudamérica contra a última decisión da FIFA apareceu Morales demostrando que si se pode xogar ao fútbol no seu país, independentemente da altitude.

Hai países como Colombia, Bolivia e Ecuador que están considerando retirar as súas seleccións e equipas estatais das competicións internacionais oficiais para protestar contra esta decisión. Mesmo o presidente da Federación de Ecuador, Alex de la Torre convidou aos países do seu contorno a boicotear a Copa América, que se vai celebrar en Venezuela o 26 de xuño: "Os países andinos temos que tomar a decisión de non acudir á Copa América".

Na política, foi o presidente boliviano o que tomou máis en serio a protesta. Ademais de enviar unha delegación a Zúrich para protestar oficialmente na sede da FIFA e convocar unha manifestación en La Paz, botou unha pachanga no Estadio Hernando Silas -que está situado a 3.577 metros sobre el nivel do mar-, demostrando que si é posíbel correr, darlle zoupadas ao balón e seguir a respirar a máis de 2.500 metos de altura.

A equipa do presidente

Morales xogou hora e media co número 10, e na súa equipa contaba co seu voceiro, Álex Contreras, membros da súa seguridade persoal, empregados do Pazo de Goberno, e cun reforzo cos ex xogadores da selección boliviana, Marco Sandy e Iván Castillo.

A equipa do presidente gañoulle 1-0 á de xornalistas deportivos, empatou, 0-0 coa de reporteiros acreditados en Palacio e venceu 2-0 a corresponsais de medios internacionais, en partidos cada de media hora. O primeiro gol foi de Castillo e os outros de Sandy, así que a cousa quedou entre deportistas profesionais, e nada de políticos nin xornalistas, que non deron unha.

Despois de correr arriba a abaixo a súa hora e media, Morales cualificou como unha "discriminación" aos pobos que viven en altitude a decisión da FIFA e asegurou estar en conversas e contar co apoio dos seus colegas da Arxentina, Néstor Kirchner; de Venezuela, Hugo Chávez; e do Uruguai, Tabaré Vásquez; para que a nova prohibición sexa revisada. Tamén dixo que tiña pensado chamar ao presidente de Sudáfrica, Thabo Mbeki, para procurar a súa axuda e apoio, xa que vai ser nese país onde se celebre o Mundial de Fútbol de 2010.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: