Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
IOLANDA DÍAZ, LÍDER DE ESQUERDA UNIDA

"Queremos que o BNG entre no goberno de Ferrol"

Aposta polo tripartito, malia ser crítica co BNG no caso Reganosa. En entrevista para Vieiros di que "a única alternativa é que a planta non entre a producir".

Manuel Vilas - 13:33 04/06/2007
Iolanda Díaz / Foto: EU

Iolanda Díaz / Foto: EU

Iolanda Díaz, líder de Esquerda Unida en Ferrol e Galiza, está satisfeita cos resultados electorais. E ten algunhas razóns para estalo, pois, se ben en Galiza EU segue a ser moi minoritaria -apañou o 2,9% dos votos na provincia da Coruña, onde é máis forte-, a coalición é chave para o goberno de Ferrol.

Díaz non cre que a súa total oposición á planta de gas de Reganosa fose vital para ter duplicado concelleiros nesta cidade. Polo contrario, cre que os cidadáns valoraron máis a súa oposición “contudente” ás políticas da dereita local.

Nesta entrevista, tamén fai un chamamento para evitar que Galiza fique cun Estatuto de Autonomía inferior a Cataluña: “se ao final hai que sacar a xente á rúa para sacarlle os colores ao PP, faise”.

Esquerda Unida duplicou a súa porcentaxe de votos na provincia da Coruña, pero segue a ter unha presenza testemuñal no interior. Que balance fai dos resultados das municipais?
Con humildade, pero estamos moderadamente satisfeitos. Era difícil crecer moito debido á que a xente pensa na utilidade final do seu voto, pero aínda así conseguimos representantes en máis lugares. Iso demostra que si hai un espazo político para Esquerda Unida en Galiza.

Ata que punto os seus bos resultados en Ferrol, onde pasaron de 2 a 4 concelleiros, son produto da súa oposición frontal a Reganosa?
Se ben é certo que tivemos a habilidade de introducir o debate sobre Reganosa na campaña, creo que foi máis importante o noso traballo na oposición, moi contundente, contra as políticas conservadoras do PP e Independentes por Ferrol. Os ferrolás non entenderon porque o resto de partidos de esquerdas non se opuñan con tanta resolución a esas políticas; aínda que os socialistas, que apoian a planta, tamén medraron.

O certo é que a planta de gas está feita, que alternativa ofrece EU?

Está feita, pero aínda non entrou en funcionamento! A única alternativa viábel é que non entre a producir. Estamos de acordo en que o gas é importante para o país, pero hai que introducilo polo único lugar adecuado, que é o porto exterior. Hai que pór os intereses sociais diante dos intereses dos empresarios. E Reganosa non cumpre a legalidade, non está a suficiente distancia dos núcleos de poboación e non hai plan de emerxencia. É un disparate que non se permitiría nun país serio, e un risco inasumíbel.

Parece que o PSdG vai gobernar Ferrol co seu apoio. Cal vai ser a postura do municipio cara Reganosa?
En primeiro lugar, a nós gustaríanos que o Bloque entre tamén no goberno, aínda que non podemos meternos en decisións internas. Sobre a planta, EU non vai modificar a súa postura. Socialmente e dende as institucións imos seguir loitando para que Reganosa non entre en funcionamento. Xa mantivemos conversas co PSdG sobre iso e quedou claro. Por outra banda, Esquerda Unida e os socialistas gobernan xuntos en moitos lugares, e non sempre defenden o mesmo.


Que lle parecen a postura dos outros partidos sobre Reganosa?
É unha mágoa que, con tanto traballo que levou botar a Fraga, que foi nefasto para o país ... Dá pena que a Consellaría de Industria, en vez de apostar por políticas de avance para o país, apoie políticas moi agresivas para o medio. É un disparate que Fernando Blanco diga que o importante é a planta, e non o sitio no que se faga. A súa política ten uns carácter propio do desarrollismo dos anos sesenta. A aposta por Reganosa ao prezo que sexa é un disparate, e é moi triste que a aplique o BNG, que é un partido de esquerdas. Parece que o Bloque estea imitando, e mal, a Convergencia i Unió.

Touriño acaba de dicir que non é momento para reabrir as negociacións do Estatuto, pero no caso de que se reabran, apoiaría EU un estatuto de nación?
Nas negociacións do Estatuto os nosos dirixentes non deron a talla. Como dixo Manuel Rivas, debían terse pechado ata que tivésemos un estatuto como os cataláns. Non comprendo como renunciaron a seguir negociando, e se ao final hai que sacar a xente á rúa para sacarlle os colores ao PP, faise. O que non se pode permitir é que Galiza quede a diferente nivel e que o noso sexa o último estatuto en entrar nas Cortes.

Na súa campaña insistiu en incorporar unha “ollada feminista” ao Concello. Agora que pode cogobernalo, en que se vai concretar esta promesa?

Por vez primeira no país, agás Vigo, unha cidade pode ter unha concellería propia para a muller. Hai moitas cousas que se poden facer, como escribir a historia local das mulleres da cidade, loitar pola abolición da prostitución ou aumentar as saídas laborais. Nós non imos gobernar dende a neutralidade, imos deixar pegada feminista.


4,27/5 (30 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: