Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A novela reivindica a diferenza

"Solidarízome coa muller que non se resigna á aceptación hipócrita da sociedade"

'Lira', de Xosé Vázquez Pintor, é a novela gañadora do Vicente Risco de Creación Literaria. O autor cóntalle a Vieiros os segredos da obra.

Lara Rozados - 09:15 09/06/2007

Xosé Vázquez Pintor gañou numerosos premios literarios en diversos xéneros: licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, e docente na actualidade, ten escrito poesía, narrativa, teatro para todos os públicos e colaboracións en diferentes medios de diversos formatos. Agora súmase a esta lista de premios o Vicente Risco de Creación Literaria, que acadou a pasada fin de semana grazas a Lira. A obra retrata o mundo lésbico "dende o cariño e a revindicación".

Vieiros: Como foi o proceso de creación de Lira, e cal é o resultado?


Xosé Vázquez Pintor: Esta novela é unha ensoñación que vén de antigo. Hai un magnetismo moi especial polo mundo lésbico, non sabería dicir polo que soborda o recoñecemento das diferenzas e vai moito máis alá; son un revoltado solidario coa muller que non se resigna á aceptación dunha sociedade hipócrita que a fita ao lonxe, que vén da historia universal e ancora aínda case inmóbil neste tempo.

V.: Ten vostede certo interese literario polo erotismo, concretamente por expresións minoritarias, non é? Xa fala do poemario Rotación violeta como unha reivindicación...


X.V.P.: Certamente, os primeiros apuntamentos do optimismo literario para a reivindicación das palabras prohibidas e a fervenza do erotismo en diferenzas múltiples, está no libro Rotación violeta, 1986. Alí hai unha ledicia de mensaxe que remata en verso de palabras maiores, sempre: esa grafía da eclosión, das fertilidades. No poema que dedico ao lesbianismo conclúe o éxtase nunha permanencia suplicatoria: " ÁMAME, LESBIA, COA SEDE DO MAR". E nesta recalada ficou tamén o compromiso de novelar a historia que sempre agardei: Lira.

V.: Que acollida ten o erotismo no público e na crítica da literatura galega? Hai iniciativas como o premio bianual Narrativas Quentes, de Edicións Positivas. Son necesarias máis?

X.V.P.: Andei afastado dos círculos literarios e polo mesmo sería ousado na miña valoración sobre as acollidas do erotismo na nosa literatura. Somos un pobo esencialmente erótico, gústannos, xa dende a oralidade, as historias que levan consigo esa carga substancial dos corpos na procura da entrega, os xeitos, as palabras... Unha aprendizaxe rica de imaxes literarias que as nosas tribos sabían resolver en achegas de simpatías e memoria transcendente.

Nas cantigas medievais está a elite, nos versos das sucesivas etapas da nosa literatura están outras variantes que se agochan ou non dos tantos medos de culturizar o que é do común. Nos anos 90 do pasado século xorden as fervenzas, especialmente rechamantes dende o ámbito feminino. Coido que Edicións Positivas abriu unha quenlla fermosa e oportuna co seu premio bianual; e cómpren as axudas oportunas para nunca esmorecer.

V.: Xa que falamos de premios, cal pensa que é a súa repercusión na produción literaria? Até que punto o incentivaron na súa andaina?

X.V.P.: Son moi afortunado cos premios literarios. Na miña condición de ir "por libre" non hai as oportunidades das achegas ao mundo editorial. A miña timidez condicionou sempre esa relación de palabra e obra coas escritoras e escritores que arestora teño en xeito cordial, e que tanto ben me fai. Porén, recollendo a pregunta sobre a miña valoración dos certames, direiche que foron os meus alicerces na autoestima, a posibilidade de edición, a forza para seguir soñando coa literatura, os agradecementos pola xenerosidade que fun recibindo. Unha regalía que tamén me chega arestora con Lira, posiblemente de difícil aceptación editorial se a fago en man. Velaí aínda os medos que me tollen.

V.: Vostede ten cultivado todos os xéneros. Quería preguntarlle polo teatro en concreto. Como foi o proceso de fundación dos grupos Ancoradouro e Casa da Bola?

X.V.P.: O Teatro Galego, foi o meu amigo aliado de soños nos dezaseis anos de militancia por un traballo de base, xestual, que coidamos anovador desde o 1981 até o 1996 que durou Ancoradouro.Tamén aquí a fortuna foi abondosa e medramos en apostas de risco coas sucesivas montaxes de mimo e pantomima. Xurdiron actrices excelentes, algunha aínda fornece hoxe en día o teatro profesional de Galiza, e as outras e outros ficamos agradecidos ás moitas chamadas dos teatreiros do mundo, sobre todo os irmaus portugueses, para os seus convivios nos festivais internacionais de teatro (Porto, Coimbra, Avintes...).

O ciclo, que comezara desde a ilusión das nenas e nenos de seis até dezasete anos, remataría coa achega marabillosa dos actores e actrices da mal nomeada "terceira idade", xubiladas e xubilados que tentaban a ledicia do seu tempo de lecer nos espazos da Casa da Bola de Cangas, e que me pediron axuda. Foi unha xeira sorprendente, rica, a mellor resposta positiva a que esta Terra de noso quere e ama o Teatro, sobre todo somos un pobo de actores. Nisto está a esperanza para alcanzarmos neste eido os mellores resultados. Que o saiban quen corresponda.

V.: Como ve o momento actual para o teatro en Galiza (amador e profesional)? E a nivel literario?

X.V.P.: Lendo a Manolo Lourenzo, meu amigo, teatreiro a tempo total en corpo e alma, concordo con el en todas as apreciacións que el valora e concreta nesta sentencia positiva: "o teatro ten que ser unha necesidade social " ( na revista Paraíso, 2007)

V.: Tamén ten tras de si unha extensa andaina nos medios. Que momento vive a prensa? Como se concilian pensamento, xornalismo e literatura?

X.V.P.: O do xornalismo é a miña débeda coa adolescencia, cando Madrid, Barcelona... Estaban aínda lonxe dos fillos das aldeas de Galiza. Nesas cidades moraban as Escolas de Xornalismo. E aquí ficamos moitos, moitas, agardando pola oportunidade das viaxes para o noso soño de informar e de opinar do mundo: esa revirada. De outra vez a sorte quixo que aquel adulto que arelaba a escrita no xornal, a voz na radio, un chisco de televisión, fose agraciado polas páxinas de opinión nos máis históricos xornais, anacos de programas no aire, cotas de pantalla en directo na televisión local do Morrazo...

Medrando en autoestimas, aprendendo sempre. Arestora segue a vocación-terapia de escribir na páxina sobre a actualidade que nos aleda ou que nos doe e manca. Nos vintedous anos que levo nesta angueira mediática boto de menos que non se multiplique aquela voz insubornábel, a do xesto insubmiso, que sempre se agradece desde a outra cara do espello,ao a pé da beirarrúa.

V.: E que proxectos ten para o futuro?


X.V.P.: Para o futuro teño a confianza de que todo mude en fertilidades. A teima maior é a saúde da Lingua. Se somos capaces de salvar este patrimonio, co cariño que nos cómpre, teremos sementado moitos ferrados de labradío, agras de creación, millas de maré, rúas e prazas da concordia. E xurdirá de feito, a labra xenial, agora si, dos devanceiros que non dormen nin acougan Bonaval; e nunca altares, a sempre vida.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: