Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
OS TEXTOS GAÑADORES PUBLICARANSE EN VIEIROS BARCELONA

Fallo da primeira edición do premio literario "Contos no Mediterráneo"

O pasado 25 de maio entregáronse os premios deste primeiro certame literario dirixido a estudantes de galego ou de portugués nos territorios de fala catalá.

Xabier Paradelo - 08:00 07/06/2007

A entrega de premios realizouse no marco da segunda xornada do II Ciclo Galiza: nin rastro de mulleres?, no Centre Cultura de Dones Francesca Bonnemaison. Este certame literario, organizado por Espazo Galego dos Països Catalans e mais as facultades de Lletres e de Traducció i Interpretació da UAB, está dirixido a estudantes de galego e de portugués dos territorios de fala catalá e, co gallo de dirixirse a estudantes, dá prioridade á calidade literaria a á orixinalidade por riba da corrección lingüística e normativa.

A Categoría A, para menores de 18 anos, ficou deserta nesta edición. Porén, o xuri considerou dar unha mención especial ao conto Cancións do verán, presentado por Adrián García Reyes, do IES Les Vinyes, dada a calidade do traballo presentado. O premio foi entregado por Carla Sofia Franco, directora da libraría de crianzas “La Caseta del Drax”.

Xa na categoría B, para maiores de 18 anos, o primeiro premio foi para o relato Canadian Waltz, de Auria Rodríguez Gómez. O premio, 1.000 euros ofrecidos polo Centro Galego de Barcelona, foi entregado por Vítor Manuel Cabral, secretario do Centro.

O segundo premio, outorgado a Agathe Catel pola obra Tudo bem, tudo bom, consistiu nunha viaxe a Lisboa ofrecida polo Instituto Camões e a participación 150 € en gastos da viaxe a cargo do lectorado de galego da UAB. Foi entregado por Helena Tanqueiro, directora do Instituto Camões.

O relato Non se fala, de María Jesús Candau Chacón, levou o terceiro premio na Categoría B, un lote de cerámica de Sargadelos, entregado por María América, directora da Galería Sargadelos de Barcelona.

Alén dos premios principais xa subliñados, tanto a mención especial para a categoría A como as tres premiadas na categoría B levaron tamén un variado lote de libros, CD ou camisolas, grazas o apoio ao certame que nesta edición contou cun amplo abano de patrocinadores: Centro Galego de Barcelona, Edicións Laiovento, Edicións Xerais de Galicia, A Nosa Terra, Edicións Obradoiro, OQO Editora, Texto Editores, Galería Sargadelos, Xunta de Galiza, Instituto Camões, La Caseta del Drax, Centro de Estudos Galegos da Universidade do País Vasco, Lectorado de Galego da UAB e Espazo Galego dos Països Catalans.

O xuri desta primeira edición 2007 do certame literario "Contos no Mediterráneo" estivo constituído pola escritora Raida Rodríguez, os escritores Samuel Solleiro e Diego Ameixeiras, o profesor da UB Pere Comellas e a profesora da UAB Regina Saraiva.

Todas os traballos finalistas tamén recibiron un diploma, un CD de música galega, ofrecido pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galiza e mais unha novela en portugués, ofrecida polo Instituto Camões.

De acordo coas bases do certame, os textos premiados publicaranse nos sitios web do Departament de Filologia Francesa i Romànica da UAB e de Espazo Galego, e tamén en Vieiros Barcelona.


4.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: