Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Fútbol sala

"Catalonia" gaña 5-3 a "Spain" na Siberia Oriental

Con himnos, con bandeiras e con todo o combinado estatal non puido vencer á Selección Catalá e o seu adestrador amosouse enfadado xa que non contaban con ter este rival.

Redacción - 09:39 12/06/2007

Segundo o adestrador da equipa estatal, eles viaxaron -pagando todo do seu peto- até Rusia coa intención de se enfrontar á selección xaponesa, mais segundo puxeron os pés na Praza Vermella, atoparon os cataláns de paseo, e enteráronse de quen ía ser o seu verdadeiro rival. "Non chegamos a comprender o por qué deste cambio, nin por qué poñen a xogar a dúas seleccións do mesmo país no mesmo día", dixo Ángel Chacón, adestrador do combinado amateur estatal.

Ao terminar o partido, a equipa asinou un escrito no que querían amosar o seu "profundo malestar" por se ter que enfrontar á "Selección de Cataluña como nación" pero aseguraron que ao final tiveron que xogar para aforrar problemas á organización e porque tiñan un chisco de medo de "quedar tirados" a 12.000 quilómetros da casa, no medio da Sibera Oriental.

De todas, houbo partido, que comezou cos himnos respectivos, aínda que dos tremendos altofalantes do estadio ruso saíu o himno catalán, e, por erro, o británico. Despois do "Deus salve á Raíña" saíu tamén un peluche enorme con forma de mamut; a mascota do evento, organizado pola Asociación Mundial de Futsal (AMF). E gañou Cataluña, despois de remontar o 1-3 que lles marcara o combinado estatal amateur na primeira parte.

Os españois despregaron bandeiras e frustráronse ao non poder escoitar o himno

Os de "Spain" funcionan como unha federación de asociacións de fútbol sala, mais non están recoñecidos a nivel estatal, mentres que os cataláns forman parte da Federación Catalana de Fútbol Sala e din que o erro estaba todo no campo rival.

Na segunda feira, o deputado popular no Parlamento catalán, Daniel Sirera queixábase de que Zapatero "está os pés de Esquerra e do PSC" ao non mover un dedo para prohibir un partido que el vía imposíbel, porque "unha parte de España non se pode enfrontar a outra". Mais o combinado estatal fixo en Siberia despregue de bandeiras.


4.83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: