Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
Bernardo Máiz Vázquez, presidente do Clube do Mar de Ferrol

"Facer o Encontro de Embarcacións no norte vainos permitir amosar todo o noso gran patrimonio"

No mesmo día en que comeza o Encontro de Ferrol, Vieiros falou un chisco con Bernardo Máiz Vázquez, catedrático de Historia e presidente do Clube do Mar da cidade.

A. Rodríguez - 11:14 05/07/2007
Bernardo Máiz Vázquez

Bernardo Máiz Vázquez

É a primeira vez que os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galiza se celebran por riba de Fisterra, en Ferrol, que ten esta semana a oportunidade de amosar o que unha cidade enteira, cunha fortísima tradición ligada ao mar (militar, mariñeira e de costrución naval) pode dar de si.

Cada dous anos os Encontros fanse meirandes, e desta volta a cousa muda moito: das pequenas vilas das rías do sur pasamos a unha grande cidade, industrial, comercial, militar... aberta ao mar e cun trafego mariño aínda hoxendía vivo.

Do Encontro de Ferrol, das novidades deste ano, das embarcacións tradicionais da zona, da vida marítima e mariñeira de Ferrol Terra e un chisco da súa vida falamos con Bernardo Máiz Vázquez (O Seixo, Mugardos, 1950), mestre e catedrático de Historia no IES Concepción Arenal de Ferrol e presidente do Clube do Mar da cidade dende hai un ano. Ten escrito e publicado varias obras sobre o mar, como Nautilus 1892-94 (Xerais, 1994) e As embarcacións de pasaxe das rías galegas (1573-2000) (Xerais, 2000).

Até o de agora os Encontros celebráronse polo sur, onde seica comezaron, por volta dos últimos anos oitenta, os traballos de recuperación das embarcacións tradicionais das rías, mais no norte, cando comezou este movemento?
Na zona de Ferrol hai tamén vinte anos que se comezou coa recuperación e arranxo -moitas veces reconstrución e outras veces, construción nova- das embarcacións tradicionais. O Clube do Mar de Ferrol é unha entidade con moita tradición que leva dende finais da década dos oitenta, cando se fundou, aglutinando ás persoas con querencia polo mar. Había algunha xente que naquela altura tiña embarcacións antigas -daquela todas eran antigas- e fóronse xuntando. Cada ano celebramos en Ferrol unha concentración de embarcacións tradicionais a escala comarcal, organizada polo Clube, e xa somo uns mil trescentos socios ou por aí. Dentro do Clube do Mar hai varias seccións (pesca submariña, mergullo...) pero os donos de embarcacións antigas pertencen á sección de Vela Tradicional, que conta cuns cen socios.

No Clube temos unhas trinta embarcacións antigas restauradas. Mesmo o emblema do Clube é unha antiga embarcación de instrucción dos mariños, da Mariña de Guerra: un Nove Metros. Nós temos un Nove Metros, que regatea cos que conservan na Mariña, en Ferrol.

E vostede, cando entrou en contacto co Clube do Mar?
Chamaron por min hai arredor de oito anos, porque eu daquela tiña historiado moito sobre o mar, e fun coñecendo cómo funcionaba o Clube, e até agora. Hai un ano que son presidente da entidade.

Este ano o Encontro de Ferrol vai dar que falar sobre a tradición do mar da Galiza do Norte, das Rías Altas e mailas súas embarcacións por primeira vez, non é?
Cada zona de Galiza ten as súas propias embarcacións, e na comarca de Ferrol está a Buceta e mailo Bote de Media -durante o Encontro en Ferrol vai haber un carpinteiro construíndo un ao vivo-, e, continuando cara o norte, tamén están as embarcacións de Foz, Ribadeo, Viveiro... A importancia de que se celebre o Encontro no norte reside en poder mostrar o noso patrimonio propio, e a variedade que hai en Galiza en canto a embarcacións tradicionais, non só nas Rías Baixas ou na Ría de Arousa. Estamos encantados de oír falar de dornas, pero tamén hai no norte botes de vela tradicionais e unha gran tradición de carpintería de Ribeira, e particularmente na zona de Ferrol, tamén unha potente construción naval, cos grandes estaleiros da ría, o Arsenal...

Hai anos había carpinteiros de ribeira n'A Graña, n'O Seixo, en Mugardos, en Tarrío... unha ducia de estaleiros pequenos que facían moi bos deseños. Tamén, en canto á construción naval militar temos bastante forza. Construíronse Fragatas, Embarcacións de Pasaxe, e tamen embarcacións menores.

Ferrol ten moi boa comunicación marítima interior, na súa ría, e ademais dos barcos de pasaxe, moitos pesqueiros foron adaptados para transportar xente, e moitos outros pasaxes foron construídos.

Hai tanta tradición nesta zona, que dunha carpintería de Barallobre, en Fene, saíron os barcos de pasaxe Adriano I, II e III. O terceiro deles aínda está a en activo hoxendía, transportando xente entre Cádiz e Puerto de Santa María. É aquel que Rafael Alberti chamaba "el vaporcito del Puerto", e foi construído arredor de 1930.

Durante o Encontro de Ferrol tamén vai haber varios barcos de pasaxe, para facer unha viaxe pola ría, non é?
Si, hai varias lanchas de Mugardos que serviron de pasaxe, pero para transportar a xente, dentro das actividades do Encontro, van vir dúas lanchas antigas da Ría de Arousa; dous moto-veleiros, o Nieves e o Nauja.

Na actualidade aínda hai varios barcos de pasaxe a funcionar en Galiza, e ao que mellor lle vai economicamente é ao da Ría de Vigo. O de Ferrol-Mugardos non ten aínda un bo respaldo económico, e debera ser apoiado polas institucións para que non se perdera. Eu botei media vida nel. De feito, toda a miña vida fun ao instituto en barco. Estudei no mesmo instituto no que traballo e son catedrático dende 1973, e miña nai tamén estudou nel, mesmo o inaugurou en 1927. Como moitos eramos do outro lado da ría, mesmo houbo un tempo no que se adaptaban os horarios lectivos ás horas nas que pasaba a pasaxe e eu tiña un mestre que no medio da aula sempre nos dicía "Los de la otra orilla, que se vayan levantando", para que non perdésemos as lanchas de pasaxe.

Que outras novidades ten o Encontro deste ano?
Pois que se celebre nunha cidade grande xa é unha novidade de por si, e trae consigo varios problemas de loxística, mais, por outro lado ten as súas vantaxes, xa que contamos co apoio da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao e da Armada, que ademais vai traer un barco, a fragata Arosa.

Que sexa por riba de Fisterra tamén é unha novidade que pode funcionar como unha chamada á participación doutra xente que ao mellor non podía viaxar aos Encontros do sur, como xente d'A Mariña. Ademais, estamos acadando unha importante proxección internacional, e vén mesmo a xente de Brest (capital d'A Bretaña, onde cada catro anos celebran a meirande festa do mar de Europa. O ano que vén Galiza vai de convidada de honra); das Azores; de Portugal; estamos agardando un barco de Irlanda, cuxa tripulación chamou hai uns meses para saber como chegar, e nós estamos agardando a ver qué pasa; do Levante, Cataluña, Andalucía... de todas as partes con mar da península e dalgunhas de Europa.

Por outra banda están tamén as Xornadas Técnicas, que se fan por primeira vez este ano e que son de salientar, xa que se trata da parte académica" (están avaliadas pola Universidade d'A Coruña e o Colexio de Enxeñeiros Navais) e van servir para sentar un marco legal, a partir do cal as embarcacións antigas poidan navegar e recuperar o seu sitio no mar.

Tamén, coma en todos os Encontros, hai unha importante parte gastronómica (na taberna mariñeira vai haber menús mariñeiros) e música e festa. Van vir tocar as Batuko Tabanka dende Burela, Os Cempés, a Banda Municipal, Macfecx, Os Estrobos, Toxos e Flores... vai haber cinema tamén, e festa. E ademais, como primicia, vai haber un grupo de pandeireteiras recibindo os barcos na arribada xeral da primeira xornada.

Pensa que cada dous anos se van superando na organización dos Encontros?
Cada edición bianual foi indo a máis e esta é, até a data, a máis grande festa do mar que se fai en Galiza e en todo o Estado. Nós aspiramos a seguir o modelo bretón, onde fan unha enorme festa cada catro anos, e creo que en dous anos poderemos chegar a algo dese calibre. Temos bastante interese por saber o que vai suceder en Brest o ano que vén. Naquel país, cada vila ten un barco propio, representativo do pobo, que mantén o concello, e no Ministerio de Cultura Francés hai unha encargada da Patrimonio Marítimo (que vai vir ao Encontro). Aquí aínda custou que as autoridades se desen conta de que o mar tamén é patrimonio. Ao final recibimos varias axudas da Xunta; da de antes pola Consellaría de Pesca e logo Cultura, e da de agora dende Cultura, co Proxecto Nabeira. Tamén pon cartos a Deputación e a Consellaría de Industria e Turismo. Acadamos esa repercusión institucional da que até o de agora careciamos. Unha eiva que tivemos foi o cambio de corporación municipal en Ferrol, porque tivemos que volverlle explicar todo ao goberno entrante, cando xa tiñamos arranxadas as cousas co saínte.

Este ano tamén imos ter máis xente. Hai máis xente que outros anos chegando a Ferrol, por mar e por terra. Hai varios barcos amarrados n'A Coruña, que van ir chegando a Ferrol todos xuntos na xornada do xoves 5 de xullo, coa axuda dun recmolcador. Serán os que entran no peirao na arribada xeral.

Agora falándolle como historiador, é da opinión de que a cultura galega sempre lle deu un pouco as costas ao mar?
Si, é certo. Mesmo os nosos escritores, a Xeración Nós, ou os posteriores, dos anos 50; eran case todos de Ourense, do interior. Só toca un pouco o tema do mar e das embarcacións tradicionais Castelao, e logo Manoel Antonio. Moitos anos estivo de lado; todo o mundo sabe o que é un castro e unha leira, pero hai pouca xente que saiba o que é unha buceta, por exemplo. O que se precisaba era manter esa cultura, porque é válida coma calquera outra e forma parte do noso patrimonio. E isto só se pode conseguir co apoio institucional.


4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Comeza o Encontro de Ferrol, xuntando embarcacións en Curuxeiras
Comeza o Encontro de Ferrol, xuntando embarcacións en Curuxeiras
Cada zona de Galiza ten o seu propio barco
Cada zona de Galiza ten o seu propio barco
Os barcos chegarán na primeira xornada a Ferrol, para participar no oitavo Encontro galego
Os barcos chegarán na primeira xornada a Ferrol, para participar no oitavo Encontro galego
Todos os barcos que se xuntan en Ferrol están feitos de madeira, como sempre se fixo. Na imaxe, o Nordwest
Todos os barcos que se xuntan en Ferrol están feitos de madeira, como sempre se fixo. Na imaxe, o Nordwest
Outra imaxe de Bernardo Máiz Vázquez, historiador e presidente do Clube do Mar de Ferrol
Outra imaxe de Bernardo Máiz Vázquez, historiador e presidente do Clube do Mar de Ferrol
Unha buceta, embarcación típica da Ría de Ferrol e das Rías Altas
Unha buceta, embarcación típica da Ría de Ferrol e das Rías Altas
Moitos dos barcos que se xuntan en Ferrol son de grande beleza. Na imaxe, o Punta Fiateira
Moitos dos barcos que se xuntan en Ferrol son de grande beleza. Na imaxe, o Punta Fiateira