Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Gonzalo Vilas, humorista gráfico

"Os chistes son columnas de opinión de lectura rápida"

Debuxar cústalle máis cartos dos que lle dá, pero el non para. Vieiros falou cun dos humoristas do semanario A Nosa Terra, que ademais é deseñador.

A. Rodríguez - 12:17 21/07/2007
Cadernos deseñados para A Nosa Terra

Cadernos deseñados para A Nosa Terra

Gonzalo é como asina os cadriños que manda mensualmente a A Nosa Terra, pero chámase Gonzalo Vilas e naceu en Prevediños, unha aldea do concello de Touro, pretiño de Compostela, onde vive.

Vieiros falou con el un chisco de todo o que ten feito na súa vida, como humorista gráfico, como debuxante, como deseñador, como ilustrador... e logo tamén noutras facetas que lle tiñamos descoñecidas, como a crítica de cinema ou o deseño de vestiario para os estreos dalgunhas das obras de Roberto Vidal Bolaño.

Gonzalo leva moitos anos nisto, e sabe abondo que en Galiza non se pode vivir do humor gráfico, se cadra uns poucos, ou ningún, mais el dálle día un día un chisco, porque, segundo di, a retranca dos galegos pérdese se non se practica.

Esta pode ser unha pregunta típica que se lles fai a todos os humoristas gráficos, mais, como fai para pensar os chistes? Ten un lugar escollido ou un momento do día para pensalos?

Normalmente eu penso e fago as viñetas cando non queda moito tempo para entregalas, en parte por recoller a actualidade até o último día, en parte porque só me inspira o apuro. Ás veces anoto cousas que se me ocorren durante a semana, aínda que é frecuente que despois as esqueza e as vexa cando xa pasaron de tempo. A inspiración sácase da necesidade, se tes que facer un chiste diario costa o mesmo que un semanal, nisto hai que adestrar coma en todo.

Cantas cousas ten feito en relación á ilustración? Onde ten publicado?

Creo que comecei publicando en A Nosa Terra, unhas ilustracións dun conto e unha banda deseñada moi pretensiosa, e un libriño titulado Rosalía para rapaces. O primeiro debuxo de humor foi en Can sen Dono, todo isto a mediados dos 80. Nesta vida debuxei para A Nosa Terra, Can sen dono, El Correo Gallego onde facía ilustracións moi traballosas para ilustrar as miñas críticas de cine-, La Voz de Galicia -ilustrando os desbarres de José Luis Alvite-, o Compostelán, a infantil Plis-Plas e outras publicacións de diversa índole, políticas, universitarias, agrícolas -teño debuxado moitas vacas-. Tamén algúns libros, e para unha editorial de Austin, Texas -coma en Psicosis- que me pagou moitos dólares por un pequeno debuxo.

E agora, con que publicacións colabora?

Agora mesmo creo que só con A Nosa Terra e Novas da Galiza, e cousas soltas que xorden de cando en vez, falando de humor gráfico.

Ten algún referente na historia do debuxo galego? Alquén que admire ou alguén a quen comezou imitando?
No humor, -que non estritamente no debuxo- galego admiro a Xosé Lois. Paréceme un dos mellores humoristas gráficos de calquera lugar, pero por riba é galego e cunha visión e retranca coa que concordo de pleno. Alguén que fai chistes que logo se poden contar e rememorar oralmente ten gran mérito. Aínda que pola súa coherencia e posición política é máis descoñecido -exceptuando Ourense- que outros ben mediocres. Tamén está, Xaquín Marín que é un clásico, cun debuxo persoal e contundente. Tamén hai que citar a Castelao, que parece que non está pero está na memoria colectiva coma referente permanente. Dos máis novos, hai moi bos debuxantes, pero o humor coxéalles algo, coido.

Quen sería para vostede un referente nos humoristas gráficos do Estado hoxe en día?

Pois referente en sentido pleno, non o sei. Hai moitos moi bos, mais ultimamente estou enganchado a unha páxina que se chama El viñetódromo que trae chistes de todo o Estado e de fóra, mais recoñezo que hai nomes que non me quedan. Dous que me gustan por distintas causas, os dous de El Jueves, son Jordi Amorós, coñecido por , -un "destroyer" ao que lin moitos en El Papus-, e Pedro Vera, o de Ortega y Pacheco, un humor túzaro co que sintonizo bastante, aínda que creo que hai que ser murciano para facelo.

E dos debuxantes e humoristas gráficos actuais do país?

Pois o citado Xosé Lois, O Carrabouxo e os clásicos Xaquín Marín e Carreiro, cada un co seu estilo ben asentado. Outro moi bo debuxante é o amigo Suso Sanmartín, pero parece que medio desertou hai tempo deste val de bágoas do humor gráfico. Suso, non sexas vagoneta!, empuña o lapis de novo, que é a loita final!

Pódese vivir disto en Galiza? Cre que hai xente que vive de debuxar nesta país?

Se falamos de humor gráfico e de Galiza, dubido que ninguén viva diso, nin os máis reputados. Eu non só non vivo, senón que creo que me custa máis cartos dos que me dá. Pódeche valer para conseguir outros encargos, para estar en certo escaparate. Xente máis coñecida, de xornais galegos punteiros, tamén poden apoiarse nos seus chistes e na súa sona para outras colaboracións ou encargas mellor pagadas, no eido gráfico, ou noutros. Para dar un pregón, ou cousas así, que son as que valen e polas que pagan. O humor gráfico, ou a banda deseñada, nunca foron considerados, nin son hoxe, coma un valor a ter en conta ou a pagar coma outros traballos.

Algúns xornais prefiren publicar bandas deseñadas foráneas que lles mandan as axencias nun paquete coas noticias, que pagar un chisquiño a un creador ou creadora propio, cunha visión orixinal. Cando menos así era hai tempo, e podo aseguralo in person.

Cre que hai favoritismos nas publicacións? como se houbese unha elite de debuxantes que sae nos medios.

Isto é coma noutros ámbitos, ás veces hai nomes máis consolidados polo que sexa, pola súa calidade gráfica ou porque foron apadriñados no momento xusto nas publicacións máis difundidas. Pero na prensa galega está todo moi medido, sobre todo na que máis vende, e no humor tamén. Non é o mesmo o Fraga paternal e con gaita de Siro, que o Fraga de Xosé Lois, ou, modestamente, dos que teña debuxado eu. Ou o Fraga cadavérico de Pepe Carreiro, quen por certo tivo que marchar da Voz no seu día por certas censuras. E non só é que se di senón de que se fala, ou de que non se fala nunca. Os chistes son columnas de opinión de lectura rápida e ás veces de impacto máis profundo ca un longo artigo. Polo tanto están igual de controlados que o resto das informacións, e igual de ideoloxizados. E cada quen se sitúa onde quere, ou onde lle deixan, á marxe da calidade gráfica e de talento de cada un. Eu, e outros, polo menos digo o que quero, a costa de non recibir nada, nin de chegar máis que a unha minoría.

Que é o que o inspira realmente para facer os cadriños de humor mesnuais d'A Nosa Terra... o mal que vai o país?

Neste país o humor nace só, só hai que apañalo polo chan. Mira certos alcaldes e políticos que temos, ou os recentes "Tangallegoscomoelgallego". Os humoristas pasamos xa pola desaparición -virtual- de Fraga, e sobrevivimos a ese cataclismo. Sempre quedan personaxes e situacións esperpénticas, das que ás veces os chistes só son pálido reflexo.

Pensa que Galiza é un país que moitas veces se defende dos ataques e dos problemas que poida haber con humor?

Tradicionalmente foi así, aínda que tamén o foi en moitos outros lugares, o que pasa é que certo sentido do humor moi noso, de darlle volta ás cousas, hai bastante xente nova que xa non o ten, que non entende tan ben a ironía
nin a practica, ou iso me parece.

Vostede emprega moito a retranca?
Á retranca pódeselle chamar tamén ironía, duplos sentidos, e así internacionalizamos o termo. Eu vexo que o mellor humor é sempre retranqueiro, sexa o de Castelao ou o dos debuxos animados da Warner, a maio parte feitos por xudeus, grandes retranqueiros. Cando fas un chiste as referencias telas aí flotando no subconsciente. Despois pode saír un bo chiste, un pasábel, e outros "infumábeis". Mais hai que tirar para adiante, e do moito publicado sempre sairá algo interesante.

Le moito as viñetas dos xornais?

Pois ultimamente non moito, vexo máis por internet. De todos os xeitos direiche que o do humor gráfico é unha actividade que me ocupa só certos momentos na semana, non penso moito nel, aínda que o gozo ou sufro de cotío como lector, coma calquera.

Ademais do humor gráfico, dedícase ou dedicouse a outras cousas en relación ao debuxo ou ao deseño?

Eu fago deseño gráfico, e nel ás veces ten acollida o estrito debuxo ou a ilustración, outras non. Teño feito carteis coma A Noite Nova na Zona Vella, que tivo o seu éxito en Santiago, ou outros de promoción de concellos e comarcas ou de Galiza, onde a ilustración e o humor xogan o seu papel. En banda deseñada, á parte dalgúns por encargo, ou didácticos, non teño feito moito, en parte pola miña preguiza, e en parte por experiencias frustradas cara a súa publicación, ou mellor dito, remuneración. Aquí polo "morro" publícanche o que queiras, sempre che din "Que bonito!", pero facer un cómic algo decente leva moito traballo, e despois de varios intentos con xornais, e proxectos colectivos nunca logrados deixeino de lado, como lle pasou a outra xente, penso. Quizás dun tempo a esta parte hai máis estímulos, novas fornadas de debuxantes de mellor calidade, e máis sitios onde publicar, pero aínda así hai que ter moita afección para perseverar e eu quizás non tiven tanta.

Lémbrome dunhas tiras que publiquei en A Nosa Terra, Os casos de Xan Estrada, foron dous ou tres seriais bastante disparatados, onde debuxaba cada capítulo sen saber moito que pasaría no seguinte. Aí vin que tiña máis alma de guionista que de debuxante, polo menos con eses apuros de tempo. Debuxar, ou debuxar ben, é todo un fastío. O chiste solto permite máis lixeirezas e aforro gráfico. É como escribir poesía ou unha novela, con catro versos ben esparexidos xa fas un libro.

Que outras cousas fixo?

Tamén fixen vestiarios de teatro, unhas catro ou cinco obras dende Saxo Tenor, todas coa compañía de Vidal Bolaño, onde comecei por debuxar os figuriñas e rematei discutindo coas modistas polas sisas, e coas actrices polas prendas que non querían poñer. Moi divertido, por poder vivir o teatro dende dentro, o que me cambiou moito a idea que tiña del. E por coñecer xente entrañable. Tamén colaborara con Quico Cadaval e o grupo de teatro Moucho Clerk, colaboración frustrada pois perderan todos os orixinais meus antes de imprimilos, agora dáme a risa pero daquela amolárame bastante.

Tamén escribín crítica de cine en El Correo Gallego durante varios anos, e en A Nosa Terra. Nesta tamén fixen despois crítica de televisión, algunhas crónicas e entrevistas diversas, durante uns aniños. Quixera retomalo, pero é que non vexo nada a tele, e no cine farteime de ver estreas moi malas.

Lía moitos cómics de pequeno?
Pois si que os lía, pero daquela chamáballe "contos". Todas as cabeceiras de Bruguera, ou case, pasaban pola nosa casa, e aínda conservo, cal formiguiña, unha colección case enteira de DDT de hai trinta anos e moitos números soltos doutras. O meu favorito desde que me lembro foi Blueberry, naquelas cores do Gran Pulgarcito (que non son as que teñen agora os albumes). E Aquiles Talón, Iznogud, Astérix e Obélix, e moitos outros -poderíache dar unha lista inacabable de personaxes de Bruguera, que ademais ultimamente chapei ben o tema-. Daquela copiaba as viñetas de Blueberry, que non era mal adestramento. Aínda o fago hoxe de vez en cando, para ver se aprendín algo dende aquela.


4.75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O humor de Gonzalo está sempre moi ligado á actualidade galega
O humor de Gonzalo está sempre moi ligado á actualidade galega
Ás veces á máis inmediata
Ás veces á máis inmediata
Gonzalo emprega a retranca a cotío
Gonzalo emprega a retranca a cotío
Os seus debuxos son ben parecidos á realidade
Os seus debuxos son ben parecidos á realidade
Outros cadriños, aínda de actualidade
Outros cadriños, aínda de actualidade
Todos os debuxos foron publicados en A Nosa Terra
Todos os debuxos foron publicados en A Nosa Terra