Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN: EL CARTELL MODERN A LES COL.LECCIONS DEL MNAC

Carteis: publicidade industrial, arte efémera e de rúa

O MNAC volve polas derrotas de exhibir esas obras sobre papel tan familiares para nós: os carteis. O cartaz é arte? Desde os comezos, xa houbo coleccionistas de carteis. O cartaz é unha forma de arte democrático?

Lito Caramés - 12:00 02/08/2007

O Museu Nacional d'Art de Catalunya vén de abrir unha nova exposición temporal, El Cartel Modern. Trátase duns cen carteis dos máis de seiscentos que garda o MNAC no seu fondo artístico do Gavinet de Dibuixos i Gravats. As pezas de papel presentadas --a maioría delas nunca foran mostradas en público-- forman parte das coleccións de Lluís Plandiura, comprada no ano 1903, e de Alexandre de Riquer, adquirida no 1921. Un total de máis de 45 artistas están representados nas salas do MNAC. O comisario da exposición, Francesc Quílez, é o conservador en xefe do Gavinet de Dibuixos i Gravats do propio MNAC.

A mostra é, a un tempo, homoxénea e diversa. O primeiro, porque todos os cartaces están datados entre o ano 1890 e o ano 1903, e pertencen a creadores que se consideran membros do Art Nouveau, ou Modernismo, ou Modern Style, ou Jugendstil, ou Floreale... E, por contra, presenta unha amplia selección de artistas de moi diversa procedencia. Hainos da casa (Catalunya), europeos e norteamericanos.

A procedencia das pezas de dúas coleccións tamén lle da uniformidade ao conxunto. Lluís Plandiura foi coleccionista de obras de arte, e sempre tivo a percepción de que a súa colección de carteis había ser mostrada en público. De feito no ano 1902 organizou unha exposición dos seus carteis en Barcelona. O cartel daquela exposición (aínda que a mostra fose de carteis --esas obras condenadas a ter unha vida moi curta-- a publicidade da mesma implica facer máis) foi obra de Hassall, un grande artista belga, admirado por Plandiura.

Alexandre de Riquer era cartelista, entre outras cousas. Por tanto, o seu interese non era tanto coleccionar pezas de papel, como coñecer o traballo doutros artistas, nos que inspirarse. Gardou e conservou moita obra de norteamericanos, dos que lle agradaba a linguaxe estética, sobria e directa.

Non esquecer que, detrás deses papeis litografados tan estéticos (e agora tan inocentes nas salas dun museo) houbo empresas, e un mercado cada vez máis grande, e unha sociedade cada vez máis consumista; e un obxectivo: vender moito.

O cartel é unha manifestación industrial, que nace precisamente a finais do s. XIX e comezos do XX, a carón da II Revolución Industrial e ao servizo das empresas industriais e comerciais do Imperialismo europeo. Hai produtos publicitados polos cartaces que invitan a pensar na chegada a Europa de materias primeiras doutros continentes: cacao, café, tabaco... É dicir, estamos ante os avós dos bonkas, colacaos, saimazas e outros obxectos de consumo de non-primeira necesidade.

O cartel é arte? O cartaz de SonGaliza é arte?

En todo caso o cartaz é un froito artístico (ou non) efémero e público. É insecto dun día. Eses papeis que engordan cilindros nas encrucilladas das urbes son bolboretas brillantes até que chega outra, rutilante e fresca, que a afoga. A contradición é que nace para vivir nas rúas o pouco tempo que as inclemencias ou as competencias lle permiten, coa intención de que se compre máis. Comprará máis quen teña con que comprar. En troques, é a primeira manifestación pública da arte. A arte que sempre foi artigo exclusivo, caro, é agora de balde e abundante. Democracia?

As litografías que se exhiben no MNAC foron todas restauradas polos equipos do propio museo. Naqueles intres (finais do s. XIX e comezos do XX) a industria tamén veu a axudar a expansión e popularización do cartel. O que antes era un proceso longo e custoso, agora coa litografía faise máis doado. Os artistas traballan directamente sobre as pedras, sen intermediarios, e cando rematan xa está preparado para ir á imprenta.

Entre os artistas hai nomes moi coñecidos como Steinlen, Rusiñol, Hassal, Penfield, Mucha, Chéret, Casas, Meunier. Entre os máis de 45 creadores hai unha muller. Ethel Reed, norteamericana, de Boston, representada por dúas das súas producións. Pero si que hai mulleres na exposición. A lo menos corpos femininos. É recorrente o motivo da figura de muller para apareceres nos cartaces, anunciando calquera cousa. Son decorativas, consumistas, liberadas? O Modernismo tamén reflexa, neste caso, a súa dobre faciana. As mulleres aparecen fermosas, insinuantes, suxerindo a compra do produto anunciado. Corpos de muller vendendo licores, bicicletas, tabaco. A carón desta utilización, está o feito que, para anunciar tales cousas sitúan ás mulleres fumando, bebendo, montando en bicicleta... e en 1890 ou 1900!! É de xustiza lembrar que, cando Maruxa Mallo (unha das mulleres máis libres que existiron) ía en bicicleta por Madrid nos anos vinte e trinta, o escándalo era total e guindábanlle pedras. Si. Tamén é certo. Non hai na exposición ningún cartaz impreso ou destinado á cidade de Madrid... A figura feminina tamén se mostra como nai coas crianzas (unha nai fermosa, moi ben vestida..., pouco crible), e tamén (nun caso) como enferma (prostituta?) nun anuncio de remedios contra a sífilis.

Tamén nestes días a Fundación Pedro Barrié de la Maza (A Coruña) presenta, en exclusiva para España, 100 pósters para un século, en colaboración co Museo de Deseño de Zürich. Unha escolma de 100 dos cartaces máis representativos da cultura publicitaria de Occidente ao longo do século XX. Entre os cartaces hai firmas que coinciden coas que se poden ver en Montjuïc: Chéret ou Mucha; e outras ben coñecidas, Toulouse-Lautrec, Pechstein, El Lissitzky, Cassandre, Andy Warhol ou David Tartakover. Tamén na Coruña o efémero xoga a ser eterno.

Pasou dun ano que o MNAC organizou outra exposición de carteis. Naquel caso Toulouse-Lautrec i l'origen del cartell modern, con case toda a produción do gran cartelista parisiense, chegada do Musée d'Ixelles (Bruxelas). A un tempo, o Museu d'Història de Catalunya ofrecía Ramón Casas i el cartell, con obras do Museu Valencià de la Il·lustració i de la Modernitat. Foi aquela primavera bo intre para coñecer os comezos da publicidade en grande e en público. Agora temos outra ocasión tan boa, ou mellor.

EXPOSICIÓN EL CARTELL MODERN A LES COL.LECCIONS DEL MNAC
Museu Nacional d'Art de Catalunya
Palau Nacional (Montjuïc)

Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 h, domingos, de 10 a 14,30 h.
Até o 30 de setembro.


1.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Georges Gaudy. "Cycles et Automobiles Legia", 1898 (detalle)
Georges Gaudy. "Cycles et Automobiles Legia", 1898 (detalle)
Alexandre de Riquer. "Salon Pedal", 1897 (detalle)
Alexandre de Riquer. "Salon Pedal", 1897 (detalle)
Théophile Alexandre Steinlen. "Tournée du Chat Noir", 1896 (detalle)
Théophile Alexandre Steinlen. "Tournée du Chat Noir", 1896 (detalle)
Aleardo Villa. "Cigarrillos Paris", 1901 (detalle)
Aleardo Villa. "Cigarrillos Paris", 1901 (detalle)